Claves para a Elaboración dun Plan de Coeducación nun centro de ensino

Materiais para Coeducación

Desde a CIG-Ensino e a AS-PG facemos unha aposta decidida pola Coeducación como fórmula para superar desigualdes por razón de xénero ou por calquera outra razón que poida ser causa de discriminación. Queremos unha escola inclusiva, non en van, levamos xa 16 anos organizando as denominadas “Xornadas das Mulleres” dirixidas ao profesorado  e vimos de editar o libro “Coeducación. O alicerce do ensino”, alén de ofertar anualmente cursos a distancia sobre esta temática (como é o caso do que comeza o día 22 baixo o título Proxectos con TIC desde unha perspectiva de xénero, no que xa está aberta a matrícula).

Recentemente promovemos unha campaña de estudo do traballo da Coeducación nos centros na que recollemos información, entre outros aspectos, sobre a existencia de Plan de Coeducación nos mesmos. Comprobamos, desta maneira,  que nunha porcentaxe moi elevada non se conta con el. A constatación deste feito animounos a  decidir aproveitar o material que vos ofrecemos e que foi contido dun  curso a distancia orientado a dar pautas para elaborar un Plan de Coeducación nos centros de ensino do que é autora a docente Carme Moure Espiño. Agardamos que sirva de base para animar ao profesorado a traballar neste ámbito dunha maneira organizada e produtiva.

Volver