CIG-Ensino urxe á derrogación do decreto de plurilingüísmo logo da novo informe do Consello de Europa

O Comité de expertos do Consello europeo pon no foco de novo as limitacións á nosa lingua de Xunta e Estado

O pasado xoves 1 de abril o Comité de expertos do Consello de Europa publicou as conclusións sobre a avaliación da aplicación polos Estados europeos da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas, tratado que foi asinado e ratificado polo Estado Español xa no 2001, o cal significa que compromete ao seu desenvolvemento.

Tanto a Administración galega como a do Estado español achegáronlle a Bruxelas, como era preceptivo, un informe sobre a situación da lingua galega, informe que non só era incompleto senón falso e tendencioso, que probablemente só tiña a finalidade de non evidenciar que tanto a actuación dunha administración como a doutra están moi lonxe de adecuarse ao que estaban comprometidas, a protección das linguas minorizadas e a promoción do seu desenvolvemento.

Tamén o Comité de expertos pediu informes a entidades independentes de cada lingua minorizada, e no caso do galego foi a Mesa pola Normalización Lingüística quen achegou o seu. Nel, e usando os mesmos datos dos que dispón tanto a Xunta como o goberno español, e que foron manipulados por estes dous estamentos para o seu propio beneficio, evidenciou que a situación no ensino, debido en grande parte á aplicación do lesivo Decreto de plurilingüismo, é especialmente grave porque, segundo o compromiso das administracións, o ensino debe ter o galego como lingua de instrucióne que ‘o marco legal actual é contrario aos compromisos do Estado español, polo que está claro que ‘non todas as limitación ao ensino en galego foron eliminadas’ tal e como estaba asinado.

O Consello de Europa fai fincapé nas propias estatísticas oficiais da Xunta ao se referir a que case o 24% do alumnado menor de 15 anos non son capaces de se expresar en galego.

Reaccionar diante da situación de emerxencia lingüística

Desde a CIG-Ensino levamos anos traballando para que se solucione o problema da paulatina desaparición do galego no ensino, tanto desde a mobilización e a resposta social como desde a elaboración e propostas para saírmos da situación de emerxencia lingüística na que está o noso país, camiño da perda constante de falantes e cunha especial incidencia na mocidade. Nesta liña presentamos no ano 2020  a Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza", documento que elaboramos conxuntamente con varias entidades vinculadas ao ámbito educativo e da normalización lingüística (A Mesa, AS-PG, Nova Escola Galega, Confederación de Anpas, STEG e CSIF). A proposta de consenso foi achegada a todos os partidos o pasado mes de outubro de 2020 mais o PP vetou a presenza no Parlamento galego das entidades citadas  por tres veces nestes últimos meses.

A CIG-Ensino fai un novo chamamento a que partidos políticos, gobernos, entidades, nais e pais, profesorado e sociedade en xeral coloquen na axenda a asunción de responsabilidades e medidas para reverter a situación actual, xa que de non reaccionamos inmediatamente pode tornarse irreversíbel.

Volver