CIG-Ensino, STEG e CSIF anuncian un calendario intenso de mobilizacións durante o mes de novembro que culminarán noutra xornada de folga se a Xunta non rectifica

Após o éxito da folga do pasado 24 de outubro e da asistencia masiva á manifestación, os tres sindicatos continuarán con accións de presión até conseguir melloras para todo o persoal docente e para o conxunto do ensino público

Xoves 9 protestas nos centros

Fala e anima ao resto do profesorado do centro.

Imprime este cartaz ou confeccionade os que consideredes.

Tirade fotos e compartilas nas redes sociais co cancelo

#OProfesoradoNonSeVende

Se queredes tamén nolas podedes enviar 
a galiza@cig-ensino.gal

As accións comezan hoxe mesmo co envío dunha carta conxunta ao conselleiro instándoo a recibir a maioría sindical que representan estas tres organización (o 60% do profesorado) e a abrir novas negociacións que superen o “acordo de renuncias” asinado e continuarán con protestas nos centros que protagonizará o propio profesorado o vindeiro 9, concentracións nas cidades en horario de tarde o día 14, unha gran manifestación nacional en Compostela á que está chamada toda a comunidade educativa, é dicir, profesorado, familias e alumnado, o domingo 19 e, por último, “se non hai ningunha rectificación por parte da Xunta en todo este tempo” outra convocatoria de folga xeral o martes 28 deste mes.

Recollendo o profundo malestar que ten o profesorado galego coa oportunidade perdida que foi a negociación pechada en falso e o acordo de renuncias resultante, os tres sindicatos que convocaron a folga do pasado 24 de outubro deron a coñecer hoxe un calendario de mobilizacións conxuntas nas que, de novo, pretenden darlle a voz a todo o colectivo docente. As tres organizacións entenden que despois de que tanto o seguimento da folga como a asistencia á manifestación foran as máis numerosas dos últimos 20 anos, o profesorado galego está pedindo que “non nos quedemos cos brazos caídos, que demostremos que non nos vendemos nin nos rendemos”, en palabras do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello. Neste sentido, nunha comparecencia ante os medios de comunicación Bermello explicou que hoxe mesmo lle remitiron unha carta ao conselleiro de Educación no que lle afean ter asinado un acordo cunha minoría sindical, desprezando a representación maioritaria do profesorado, á vez que lle reiteran a súa disposición a negociar “melloras reais para todo o colectivo docente sen exclusións nin divisións, con prazos asumíbeis, en aras de amosar a nosa vontade negociadora”. Na misiva pídese expresamente unha reunión presencial co conselleiro e que se reabran negociacións para superar o marco do acordo incluíndo expresamente as propostas que as tres organizacións consideran que implican “non renunciar a recuperar e a avanzar en dereitos do profesorado e, por tanto, non traizoar as súas xustas demandas e ofrecer propostas que, sen chegar aos máximos que nun principio defendían, sexan razoábeis para ambas partes”. En concreto, aparecen expresadas estas demandas, que xa se incluían no comunicado conxunto emitido o día da folga:

  • Recuperación dos horarios de 18 e 21 horas nun máximo de 2 cursos.
  • Redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa.
  • Aplicación de medidas inmediatas (curso 2024/25) para a redución da burocracia: aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e titoría e aumento de persoal administrativo.
  • Reparto lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre todo o profesorado.

Novembro de loita polos nosos dereitos

Na comparecencia desta mañá as tres organizacións convocantes fixeron un chamamento a todo o profesorado “independentemente da súa filiación sindical ou da etapa educativa á que pertenza” a participar activamente en varias mobilizacións coas que se pretende lograr a rectificación da consellaría e a garantía de recuperación dos nosos dereitos.

A primeira delas será unha protesta nos centros que ten por obxectivo que o profesorado manifeste o seu malestar co acordo  ben por consideralo insuficiente ou porque directamente non incorpora ningunha medida da que se vaia beneficiar. Esta protesta está fixada para o xoves, 9 de novembro, e os sindicatos fornecerán de material gráfico ao profesorado para que tome fotografías, se concentre nos recreos diante dos centros e comparta estas accións nas redes sociais e nos medios de comunicación, alén de animalo a crear as súas propias pancartas e cartaces para colocar nos centros e chamar así a atención de toda a comunidade educativa.

Posteriormente a semana do 13 ao 19 levaranse a cabo dúas mobilizacións relevantes, comezando por concentracións nas 7 grandes cidades o martes 14 pola tarde para garantir a asistencia da maior parte do persoal docente posíbel e o domingo 19 unha gran manifestación nacional na que está chamada a participar tanto profesorado, como familias e alumnado. Para a asistencia á mesma haberá servizos de autobuses e neste sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino, fixo especial fincapé en que é moi relevante concienciar á sociedade de que a baixada das ratios e a redución do horario lectivo e da burocracia redunda non só na mellora das condicións laborais do profesorado senón especialmente na mellora do sistema educativo público. Tal e como se lembrou en reiteradas ocasións, a primeira medida é a maior garantía da atención individualizada e da cada vez maior diversidade existente nas aulas, a segunda implica que o profesorado terá que itineran entre menos centros e impartir menos materias das que non é especialista, alén de ter máis tempo para titorías tanto co alumnado como coas familias como para coordinarse e innovar pedagoxicamente. Neste sentido cómpre lembrar que moito profesorado, sobre todo de secundaria e bacharelato atende a 300 alumnos e alumnas nun curso académico. A redución do horario lectivo suporá unha diminución importante da ratio por docente. Por último tanto a eliminación da burocracia absurda, que se padece xa en todas as etapas educativas, o incremento de liberación horaria para que os cargos directivos e outros de coordinación docente poidan dedicarse realmente á xestión dos centros e unhas retribucións xustas para todo o profesorado por igual son medidas que sobre todo redundan na mellora da calidade da atención educativa.

Por último, Bermello anunciou que “se non hai rectificación por parte da Consellaría ao longo deste mes de loita, novembro culminará con outra xornada de folga, o martes 28, como unha demostración de forza por parte dun colectivo docente que non pode agardar nin un minuto máis en recuperar os dereitos perdidos desde o comezo do goberno Feijóo e que Rueda mantén”, sentenciou.

CIG-Informa resumo das negociacións e do acordo que levaron á folga do 24 de outubro e anuncio de novas mobilizacións

Documento


Volver