CIG-Ensino solicítalle ao Ministerio de Educación a convocatoria inmediata da Mesa para negociar a integración do PTFP no corpo de PES

O sindicato, que considera que a integración debe ser canto antes para quen reúna os requisitos co novo texto da LOFP, reitera as súas demandas para evitar a discriminación do profesorado a quen non se lle permite a integración

No dia de onte, 21 de marzo, a CIG-Ensino remitiu un escrito ao secretario xeral do MEFP, instando a cumprir “con carácter inmediato” o compromiso expresado na última reunión da Mesa Docente estatal, en resposta á solicitude da CIG, de que se negociaría a integración do profesorado do corpo de PTFP no corpo de PES en canto quedase claro que no Senado non se modificaría o texto da Lei Orgánica de FP (LOPF).

Onte mesmo certificouse formalmente o ditame da comisión de Educación do Senado, indicando que o texto que será sometido a votación en pleno é o mesmo que se aprobou no Congreso. Tendo isto en conta, o lóxico sería adiantar canto antes a convocatoria da Mesa para poder negociar o texto normativo que presente o Ministerio, xa que os trámites legais que aínda terá que pasar despois un Real Decreto poden levar dous ou tres meses.

No escrito remitido polo sindicato fíxose mención expresa a dous aspectos, nos que a CIG-Ensino leva insistindo desde o comezo:

  • A integración debe ter carácter retroactivo, a efectos administrativos e económicos, desde xaneiro de 2021 e debe fixarse na norma un prazo concreto para publicar e resolver as convocatorias.
  • O Ministerio non debe facer ouvidos xordos ás xustas demandas do profesorado a quen non lle van permitir integrarse, unhas demandas que desde a CIG-Ensino asumimos e defendemos en todas as reunións e mesas de negociación. Sería discriminatorio que non se habilitasen medidas para poder conseguir a equiparación a todos os niveis do conxunto do profesorado que imparte en FP.

Como xa lle fixemos chegar á secretaria xeral de FP do Ministerio, as demandas da CIG-Ensino irán na mesma dirección que mantivemos desde a fase de debate da LOMLOE: non deixar a ninguén atrás e artellar todas as medidas legais para facer efectivo o principio de que “a igual traballo deben corresponder iguais condicións no seu desempeño e nas retribucións”.

É ben certo que estamos nunha fase totalmente diferente da de hai un ano e que a LOFP trae melloras e mantén limitacións importantes. As demandas deben, por tanto, partir da nova situación e centrarse en buscar saídas para quen, despois dos cambios introducidos ao respecto da LOMLOE, aínda queda relegado nas melloras que implica a integración.

Estas son as propostas que a CIG-Ensino fixo xa públicas e remitiu, na parte que a cada administración lle corresponde, por un lado ao MEFP e por outro á Consellaría de Educación

  • Que a publicación da norma estatal sexa á maior brevidade posíbel após a negociación.
  • Que se poida realizar a integración de forma indefinida, unha vez cumpridos os requisitos de titulación ou, no seu defecto, que se modifiquen as condicións do sistema de promoción interna para permitir, por esta vía, que non sexa preciso pasar unha fase de oposición no futuro para quen acade a titulación despois dos cinco anos que recolle o proxecto de LOFP.
  • Que a Consellaría de Educación se comprometa a publicar a Orde de integración con carácter inmediato, previa negociación na Mesa Sectorial galega, en canto estea no BOE o novo RD.
  • Que a Consellaría negocie o pago dun complemento compensador tanto para o profesorado que quede a extinguir no corpo de PTFP como para o que se integre no novo corpo de Profesorado Especialista para que as súas retribucións sexan as mesmas que as de quen se integre no corpo de PES, tanto no caso do funcionariado de carreira como do persoal interino e substituto.
  • Que se negocie, tanto a nivel do Estado como a nivel nacional, na Mesa galega, en función das competencias de cada ámbito, as condicións para garantir a mobilidade e os criterios para determinar as prazas nos destinos provisionais (CADP) e de traslados (CXT), así como a xestión das listas de persoal interino e substituto de cada corpo docente dos tres que finalmente convivirán nos centros (PES, PTFP a extinguir, PESSFP).

Que se respecte, aos efectos da determinación das prazas de estabilización que se van convocar desde este ano até 2024 (tanto do concurso excepcional de méritos como do concurso-oposición extraordinario), a natureza e o corpo das prazas ocupadas temporalmente. 

Volver