CIG-Ensino solicita a convocatoria dunha Mesa Sectorial monográfica para analizar as medidas a adoptar no curso 2021/22

O sindicato toma esta iniciativa logo das medidas da Conferencia Sectorial de Educación e dos pasos dados xa pola Consellaría para executar recortes de docentes co incremento de ratios

O curso 2020/21 veu precedido por unha perfecta mestura de ineficacia, prepotencia e acumulación de mentiras, a cabalo entre o anterior equipo e o actual de Román Rodríguez. Foron, sen dúbida, as mobilizacións do profesorado durante o mes de xullo e o efecto da convocatoria das folgas de comezo de curso as que conseguiron que as condicións nas que afrontamos a docencia neste curso escolar marcado pola pandemia fosen mellores, en materia de ratios, desdobres, profesorado e condicións nas que facemos o noso traballo, do que planificaba a Consellaría de Educación. A desidia e o abandono á súa sorte do profesorado en materia de saúde laboral foi outra das características máis destacadas do curso que vai rematar e que implicou a intervención da Inspección de Traballo logo das denuncias da CIG-Ensino.

 

As intencións xa coñecidas da Consellaría e que foron denunciadas pola CIG-Ensino desde decembro de 2020 pasan por reducir o que consideran “gastos covid” en profesorado que foi necesario durante este curso. A CIG-Ensino considera totalmente impresentábel calquera recorte en docentes e incremento de ratios, tanto desde a perspectiva sanitaria como desde a pedagóxica. O que precisa o sistema educativo galego non son aulas con máis alumnado ou recortes de profesorado, que segue a ser necesario, non só por medidas de distanciamento físico e de prevención da saúde senón tamén polos reforzos imprescindíbeis despois de dous cursos que, dunha ou doutra maneira, nos están a afectar a todos e todas e especialmente a aquel alumnado con máis necesidades de apoio. A denuncia feita pública onte pola CIG-Ensino sobre as intencións aceleradas de Educación por reducir aulas e con iso profesorado supoñen unha pésima noticia.

 

A CIG-Ensino exixe a Educación o mantemento do profesorado e ratios en secundaria e a mellora en infantil e primaria

O sindicato maioritario no ensino público galego vén de dirixirlle unha carta ao conselleiro de Educación na que solicita que convoque unha Mesa Sectorial con carácter monográfico para analizar as medidas a adoptar en materia de ratios, profesorado e medidas de protección de cara ao curso escolar 2021/22, unha vez que xa se pactaron no marco estatal as liñas directrices no seo da Conferencia Sectorial.

Nesa Mesa Sectorial, que o sindicato considera imprescindíbel, a Consellaría debe presentar un plan de continxencia adaptado ao escenario previsto para o curso entrante e tendo en conta as resolucións da Inspección de Traballo en materia de saúde laboral logo das denuncias presentadas pola CIG-Ensino.

Agardemos que un conselleiro que fala aínda agora das “medidas improvisadas”  a principios do curso actual responda agora á nosa demanda e negocie coas organizacións sindicais na Mesa Sectorial as condicións nas que se terá que desenvolver o curso 2021/22, tanto nas medidas de protección da saúde de alumnado e persoal dos centros educativos como as de organización educativa e dotación de profesorado.

Volver