CIG-Ensino reclama que Educación evite as discrepancias na xestión das incidencias pola vacinación nos centros

As distintas decisións adoptadas pola Inspección en casos nos que a convocatoria masiva de profesorado dun centro dificulta o seu normal funcionamento provoca malestar e fai preciso que de diten unha instrucións claras para o que resta de campaña

Máis alá das críticas da CIG-Ensino polo pésimo arranque da campaña de vacinación e tendo presente que a responsabilidade estivo na falta de coordinación entre Sanidade e Educación, é necesario que no desenvolvemento do resto da campaña se reduzan ao mínimo as incidencias. Somos conscientes do enorme traballo de xestión e administración das vacinas que están a facer o persoal da sanidade pública, para quen vai todo o noso recoñecemento. A ninguén se lle escapa que nunha situación como esta se poden e se van cometer erros. Non vai ser nunca o cometido desta organización sindical magnificar as eivas puntuais nunha xestión tan complexa como a actual. Porén, o sindicato está e estará vixilante para demandar solucións ante problemas organizativos que correspondan directamente á Consellaría de Educación ou a Sanidade.

Neste sentido, desde o sindicato constatamos no final da semana, xa co ritmo de vacinación moi avanzado, serios problemas que deben levar a Educación a ditar instrucións relativas á xestión da atención aos centros educativos cando o chamamento dun número elevado de docentes do mesmo centro dificulte ou impida a correcta atención do alumnado.

A CIG-Ensino tivo coñecemento de decisións absolutamente contraditorias por parte da Inspección Educativa cando desde as direccións de varios centros se lle trasladou a incidencia que provocaba que a maioría dun claustro se tivese que vacinar nunha mesma mañá, ás veces con desprazamentos ao hospitais de referencia que ampliaba o período de ausencia do persoal docente. Nalgúns casos actuouse correctamente, respectando a proposta da dirección de suspender a actividade lectiva mentres que noutros se ordenou expresamente que o centro quedase aberto malia non contar co persoal docente necesario.

A CIG-Ensino demanda todos os anos na negociación da orde que regula o calendario escolar que se elimine o prazo de 15 días para que a dirección dun centro poida alterar extraordinariamente ese calendario. A Consellaría negouse tamén neste curso excepcional, afirmando que “para cuestións de modificacións substanciais de calendario e para alteracións puntuais non sería preciso ningún prazo”.

Á vista das diferenzas detectadas nestas primeiras datas e para que non volva suceder o mesmo no que resta da administración da primeira dose e especialmente nas semanas nas que se subministre a segunda para o colectivo actual (que inclúe a máis do 75% do profesorado), CIG-Ensino demanda da Dirección Xeral de Centros e RR.HH. que se autorice ás direccións a que adopten as medidas oportunas para xestionar a apertura ou peche, total ou parcial, dos centros docentes en función das incidencias que pode provocar un chamamento para vacinación do profesorado do centro que afecte ao correcto funcionamento da actividade lectiva.

A Administración debe respectar o criterio da dirección do centro, que é quen mellor coñece a situación que se provoca, permitindo eliminar un trámite (a autorización da Xefatura Territorial a través da Inspección) que implica ralentizar a toma de decisións e provoca, como denunciamos, actuacións contraditorias e discriminatorias, ao tempo que envía unha mensaxe de desconfianza nas direccións que non pode ser aceptada.

 

Volver