CIG-Ensino reclama pasos adiante nas universidades galegas para o pago íntegro das pagas extras
O sindicato maioritario diríxese ás tres universidades demandando que se negocie en cada ámbito a aplicación de normas para as pagas extras coas que xa conta o persoal doutras administracións no ámbito galego
A CIG-Ensino considera, ás portas do aboamento dunha nova paga extra para todo o PDI do SUG, que non se pode adiar máis a negociación para a extensión da paga extra íntegra a todo o persoal docente e investigador. Se temos en conta que administracións como a propia Xunta, campioa dos recortes salariais entre o 2012 e o 2016, paga integramente as pagas extras ao seu persoal, laboral ou funcionario, como acontece en moitas outras administracións do país, non deben ser as universidades quen queden atrás na extensión deste dereito.
Pagas extras recortadas, máis alá da normativa básica do Estado
O goberno español mantén, para os orzamentos de 2022 a vergoña do recorte do salario base e dos trienios nas pagas extras. Así, dos 1.214,39€ do salario base de todo o PDI a tempo completo (equivalente a un grupo A1), na extra cóbranse tan só 749,38€. Os trienios pasan tamén de 46,74€ a 28,85€ nas extras. Estes recortes, de obrigado cumprimento, ao ser normativa básica, non dependen das universidades senón do goberno estatal.
Porén, a decisión de pagar só exclusivamente a compoñente xeral do complemento específico, deixando fóra todos os complementos de docencia e investigación xa é unha decisión de cada universidade e é aquí onde a CIG-Ensino quere poñer o acento, xa que non hai nada que impida que eses complementos se incorporen á masa salarial. Para facérmonos unha idea, o profesorado do ensino público non universitario cobra nas súas extras non só o específico xeral senón tamén os sexenios docentes ou as contías derivadas de funcións ou cargos que desempeña.
A día de hoxe, a Universidade de Vigo está na terceira de catro fases do pagamento do complemento docente (quinquenios) a todo o persoal que os ten recoñecidos. En concreto, neste ano 2021 abóase o 75% dos quinquenios nas dúas pagas e o pago completarase ao 100% na extra de xuño de 2022.
A CIG-Ensino considera que esta medida positiva aplicada na UVigo debe ser estendida canto antes ás outras dúas universidades galegas, no camiño de ampliar as pagas extras á totalidade dos conceptos que dependen de cada universidade. Por tanto, dirixímonos ás tres institucións demandando:
- Negociación dun plan de pagamento en cada universidade de todos e cada un dos complementos nas pagas extras.
- Con carácter inmediato, eliminación da discriminación do PDI da USC e a UDC, procedendo ao pago do complemento docente (quinquenios) que xa percibe o PDI da UVigo.