CIG-Ensino presenta recurso contra a actualización do protocolo educativo e o plan de ensino virtual

O sindicato recorre á vía xudicial ante a negativa da Consellaría a negociar as normas que afectan ás condicións de traballo e de protección da saúde do profesorado.

Na reunión co conselleiro de Educación que tivo lugar o pasado 2 de novembro, o propio día no que o titular da Consellaría facía pública un folleto sobre o Plan de Ensino Virtual o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, interpelou a Román Rodríguez para que modificase a camiño da unilateralidade e a imposición de normas sen debate e negociación previa coa representación legal do profesorado.

Na mesma reunión, tamén se puxo en evidencia a clara contradición que naquel momento existía entre a norma fixada por Educación para os casos de docentes ou alumnado conviventes con persoas con sintomatoloxía compatíbel coa covid-19 e a que marcaba Sanidade, indicando esta última que non se deben permanecer en corentena mentres se agarda por unha PCR. Dous días despois da reunión, a Consellaría de Educación mudou novamente o seu protocolo, chegando xa á 4ª versión, sen levalo previamente á Mesa Sectorial e aplicando o criterio fixado por Sanidade, que a CIG-Ensino denunciou e cualificou inmediatamente como unha temeridade. 

No día de hoxe, o sindicato vén de rexistrar no TSXG un recurso contra as últimas normas aprobadas pola Consellaría de Educación, todas elas sen negociación previa e no caso da última versión do protocolo, cun claro exemplo de contradición entre a protección da saúde con carácter xeral para toda a poboación (nunha orde de sanidade na que se dan indicacións de permanecer nas casas á espera de que se confirme se a persoa sospeitoso de contaxio dá positivo ou non) e a que se impón para o persoal dos centros educativos (coa indicación de non quedar nas casas e seguir acudindo aos centros malia o risco que isto pode implicar). 

A CIG-Ensino considera que a actuación unilateral da Consellaría de Educación supón unha violación do dereito á negociación colectiva e á liberdade sindical así como unha vulneración do procedemento legalmente estabelecido para á modificación de horarios, xa que o Plan de Ensino Virtual implica, de feito, unha modificación das ordes que desenvolven os Regulamentos Orgánicos dos diferentes centros educativos. Por último, no que garda relación ao cambio de criterio sobre persoas conviventes ou contactos estreitos de persoas que poderían estar contaxiadas, o sindicato entende que se vén de producir unha violación do dereito á saúde da comunidade educativa e solicita a paralización cautelar desta medida.

CIG Informa sobre o recurso xudicial contra o plan de ensino virtual e a actualización do protocolo

Documento


Volver