CIG-Ensino pide explicacións polo anuncio da anulación da convocatoria de axudas para proxectos de fomento do uso do galego

Nun correo-e remitido aos centros desde os gabinetes provinciais de normalización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística dise que a convocatoria deixarase sen efecto no DOG do día 11 de xuño

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vai deixar sen efecto dúas convocatorias (centros públicos e centros privados) para o fomento do uso do galego co argumento de que a pandemia ocasionada pola COVID-19 tería impedido que eses proxectos se levasen adiante.

As axudas anuais destas convocatorias están vinculadas a pagos efectuados entre xaneiro e xuño. É probábel que unha parte dos gastos previstos non se teñan realizado mais seguramente outros moitos xa estarán executados e pagados. Tal é así que no propio email dise que, de existir custos realizados entre xaneiro e o 13 de marzo por un lado ou outros vinculados a proxectos na etapa do ensino a distancia, terían que achegarse as facturas á SXPL.

Tamén se indica que os proxectos deste curso poden presentarse na convocatoria do curso 2020/21 como addenda e coas modificacións que se precisen.

Tendo en conta o anterior, a CIG-Ensino considera que o que por un lado ben puidera entenderse como unha menor carga burocrática (as persoas responsábeis non terían que presentar unha memoria xustificativa ao ser anulada a convocatoria) pode, non obstante, implicar outro problema de xestión para os centros, xa que se indica expresamente que as facturas deben ir co NIF e a nome da SXPL, cando os pagos que estean xa realizados e contra factura o estarán a nome do centro educativo. No suposto de facturas do primeiro trimestre do ano o problema sería aínda máis complexo.

Por outro lado, e a falta de concreción por parte da SXPL, descoñecemos se vai haber limitacións orzamentarias para afrontar os posíbeis pagos, para o que demandamos total transparencia.

Demandamos explicacións.

Ante a publicación anunciada no DOG do xoves 11, a CIG-Ensino demanda da SXPL que a medida que se adopte sexa a menos lesiva para os centros educativos, tanto economicamente como na carga burocrática. Ao tempo, solicitamos unha maior aclaración da SXPL aos centros sobre como actuar no caso de facturas xa emitidas ou que é o que se quere indicar exactamente coa presentación “como addenda” para o curso seguinte de proxectos actuais (con convocatoria que nestes últimos anos se publica en xaneiro).  

Convén que as explicacións da SXPL sobre a decisión de anular a convocatoria sexan absolutamente claras e que, baixo ningún concepto, quede sen pagar calquera gasto que para o fomento do noso idioma teñan realizado os centros. A CIG-Ensino incide ademais en que segue a defender que todos os centros deberían ter dereito a estas axudas e non unha minoría como vén acontecendo ultimamente. É máis, desde o sindicato entendemos que se vén de demostrar que para as contías coas que se dotan estas axudas non é necesaria unha convocatoria en concorrencia competitiva como a actual e que sería suficiente unha partida directa para todos os centros, moi superior á actual.

Un cambio necesario no fomento do noso idioma por parte da Xunta

Teñamos en conta que na convocatoria do ano pasado (cos datos publicados hai agora un ano) só se atenderon o 19,8% das contías solicitadas polos colexios e institutos públicos do país. Houbo 295 centros que recibiron menos de 1€ por cada alumno ou alumna do plan solicitado, sendo a contía mínima 0.07€/alumno cunha axuda media de 2,29€ por alumna/o dos centros que percibiron as axudas. É obvio que con 2€ non se está a fomentar nada e que 7 céntimos é un insulto, non só pola irrelevancia do que a propia axuda implica senón porque retrata sen xénero de dúbida a que a outorga: un goberno de costas ao idioma que debería defender.

É urxente un cambio nestas políticas de abandono e desprezo pola nosa lingua. Unha urxencia que non só denunciamos organizacións que, como a CIG-Ensino facemos cuestión da normalización do noso idioma no noso día a día, senón tamén institucións internacionais que certifican a grave situación da nosa lingua en todos os ámbitos e especificamente no ensino. O fomento do galego precisa de moitos esforzos. No tocante ás actuais convocatorias, precísase máis financiamento dos programas de fomento da nosa lingua. Desde unha perspectiva máis global, unha mudanza da normativa que desde hai case unha década porfía en desmantelar o noso idioma, imposibilitando que o alumnado poida rematar a súa escolarización obrigatoria con capacidade para se desenvolver con normalidade en galego.

EMAIL REMITIDO AOS CENTROS DOCENTES (8 de xuño de 2020)

Á/A do director/a do centro

Bo día,

Este ano, por mor da pandemia ocasionada pola COVID-19, as convocatorias de proxectos de fomento do uso do galego están afectadas pola suspensión de actividades docentes dende o día 13 de marzo. Tendo en conta tamén que non se vai proseguir a actividade docente do curso 2019-2020, as propostas previstas nestes proxectos non se poden realizar, agás actuacións puntuais que se puidesen desenvolver ata esa data.

Nestas circunstancias, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vese na necesidade de deixar sen efecto as dúas convocatorias. Por iso, o próximo xoves día 11, está prevista a publicación no DOG da Orde pola que se anulan as dúas convocatorias de axudas para proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos e nos centros privados.

Non obstante cómpre que teñan en conta estas dúas cuestións:

Por unha banda, os proxectos presentados poden alegarse para a convocatoria do curso 2020/2021, coas adaptacións ou modificacións que se precisen e que se presentarán por medio dunha addenda.

- Pola outra, preténdese que os centros non asuman os custos das actividades que se fixeron no período comprendido entre a reincorporación das vacacións de Nadal e o 13 de marzo (período lectivo presencial) e aquelas que, na etapa de ensino a distancia, estean vinculadas especificamente aos proxectos do fomento do uso da lingua galega que, no seu momento se teñan presentado. De concorrer estas circunstancias, terían que achegarnos a este gabinete as facturas dos ditos gastos. Estas facturas serán emitidas a nome da Secretaría Xeral de Política Lingüística, NIF: S1511001H, R/San Roque, 2, 15704 Santiago de Compostela.

Un cordial saúdo,

 

Volver