CIG-Ensino insta por carta ao conselleiro de Educación a adiantar a negociación do protocolo e a modificar os servizos mínimos previstos para a folga

En resposta á carta remitida polo “novo” conselleiro de Educación informando da reunión do Consello Escolar de Galiza e dunha reunión cos sindicatos posterior, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, vén de enviarlle outra misiva na que lle pide que demostre a boa vontade que di ter modificando a proposta de servizos mínimos que vén de propoñer ao comité de folga. Así mesmo, emprázao a responder canto antes se vai manter as ratios de 25 en Infantil, Educación Especial, Primaria e as ensinanzas de réxime especial coa falacia dos grupos burbulla ou vai evitar de facto a discriminación deste alumnado elevando a distancia a 1.5m como vén de facerse para secundaria e FP. Neste sentido, amósase disposto a negociar desde xa mesmo estas e outras modificacións e solicita o axuste do inicio de curso para favorecer a adaptacións dos centros ás novas medidas.

Tal e como xa denunciamos após a reunión do comité de folga o secretario nacional da CIG-Ensino afeoulle ao novo conselleiro que encete o seu mandato ofrecendo diálogo e á vez vulnerando o dereito á folga dos traballadores e traballadoras do ensino,as súas boas palabras baten frontalmente coa primeira decisión que toma como conselleiro: impoñer uns servizos mínimos abusivos que buscan dificultar ou mesmo impedir o exercicio dun dereito fundamental e que o fagan case sen marxe de tempo. É unha conduta vergoñenta por parte da súa Consellaría e, de vostede, se finalmente así os impón”. Bermello amósalle a súa disposición a negociar a calquera hora e desde xa unha modificación dos aspectos máis lesivos do protocolo e agarda que o conselleiro traia propostas concretas á reunión de mañá. “Son os feitos e non as palabras ou as cartas os que o retratan e retratarán, conselleiro. Se vostede ten algunha proposta que facer non debe agardar máis. Hai milleiros de persoas pendentes. O que poidamos dicir nós, tanto no seo do Consello Escolar como nesa reunión tardía que nos anuncia non vai diferir en nada do que xa dixemos e mantemos. Agora o que queremos saber é o que vostede nos ten que dicir a nós; o que vostede lle ten que dicir ao profesorado, a todo o persoal dos centros, a toda a comunidade educativa, a un país que xa ten que soportar unha pandemia e precisa que esa crise non se estenda a un ámbito tan fundamental e delicado como o educativo”.

Servizos mínimos asinados polo Conselleiro

Prioridades urxentes

Suso Bermello sinala na súa misiva as reivindicacións máis urxentes que ten neste momento o profesorado e a comunidade educativa para unha volta segura ás aulas, e aproveita para formularlle directamente varias preguntas ao novo conselleiro:

CIG
  • Asumirá unha modificación negociada con carácter de urxencia do protocolo?
  • Manterá as ratios de 25 en Infantil e Primaria coa falacia dos grupos burbulla ou evitará a discriminación deste alumnado elevando a distancia a 1.5m como vén de facerse para secundaria e FP?
  • Que vai facer coas ensinanzas de réxime especial e de idiomas ao respecto do 1.5m, ausentes no protocolo?
  • Modificará o inicio de curso para poder organizar ben os centros?
  • Obrigará ao profesorado vulnerábel a acudir aos centros?
  • Asumirá desde a Consellaría as responsabilidades que actualmente descarga en docentes e familias?
  • Poderá garantir que teremos profesorado e material para unha atención equitativa e universal na teledocencia para o alumnado que vexa interrompida a presencialidade?
  • Disporá o profesorado de todos os medios materias e formativos para facer fronte a esa situación?
  • Van dispoñer os centros dun orzamento especial anti-covid (docentes, persoal de limpeza, material de protección, material ofimático e de conexión) ou detraeranse dos ordinarios do centro para compra de material sanitario e de protección?
  • Manterá as limitacións en comedores, transporte e extraescolares presentes no protocolo?

Volver