CIG-Ensino insta ao Ministerio de Educación a negociar canto antes o futuro do sistema de ingreso no ensino público
Unha vez aprobada no Congreso a reforma do EBEP e o plan de estabilización, o sindicato considera que se deben despexar todas as dúbidas sobre os procesos selectivos do persoal docente
A aprobación no Congreso da modificación do EBEP e a regulamentación dun denominado plan de estabilidade para interinidades “de longa duración” xa foi avaliada pola Área Pública da CIG desde unha perspectiva xeral o pasado día 18 de novembro.
Unha vez aprobado onte o texto no Congreso, pendente tan só da votación no Senado, a CIG-Ensino vén de se dirixir ao Ministerio de Educación e Formación Profesional para que convoque coa máxima celeridade unha Mesa Docente na que presente as propostas de adaptación desta nova Lei ao marco educativo, xa que os tempos fixados no texto finalmente aprobado no Congreso para os procesos de estabilización xustifican esa urxencia:
- A OPE vinculada co proceso de “estabilización” no ensino público debe estar publicada antes de xuño de 2022.
- O proceso selectivo derivado desa OPE (sexa por concurso ou por concurso oposición en función do que se negocie na Mesa Docente estatal) ten que estar convocado antes de rematar o ano 2022.
De aí que para a CIG-Ensino sexa fundamental, de cara a preservar os dereitos do persoal interino, a negociación urxente das condicións dese proceso extraordinario por parte do Ministerio e que a Xunta proporcione información detallada das prazas que cumprirían os requisitos para seren ofertadas (nunha primeira interpretación do texto vacantes estruturais que leven ocupadas por persoal temporal de forma ininterrompida desde o 1 de xaneiro de 2016) e que isto se faga con antelación á negociación das prazas e especialidades que se ofertarán nas OPES ordinarias do 2021 e 2022.
Como xa é coñecido, a proposta do sindicato desde hai moitos anos (xa que os altos índices de interinidade no conxunto do Estado non son novos) é a dobre vía de acceso, diferenciando as prazas obxecto de consolidación por estar ocupadas durante anos por persoal interino e a vía ordinaria do concurso-oposición para as prazas de taxa de reposición (xubilacións, defuncións...) Consideramos que ao organizar procesos simultáneos claramente enfocados a dous perfís diferentes (ao persoal interino con bastante antigüidade no ensino público por un lado e a aqueloutro con poucos servizos prestados ou a aspirantes sen ningunha experiencia docente previa por outro) se evitaría unha competencia entre colectivos diferentes e a celebración simultánea -cando menos do acto formal da presentación- disuadiría de se presentar ao que menos lle interesa a cada colectivo.
A vía do concurso de méritos, que aparece recollida no texto aprobado, abre nestes momentos unha serie de incógnitas e mesmo de posíbeis problemas que poderían provocar un elevadísimo número de aspirantes ás prazas que finalmente cumpran os requisitos para a estabilización. Desde a CIG-Ensino entendemos que, de non teren os concursos carácter restrinxido, calquera persoa podería presentarse simultaneamente non só en moitas comunidades autónomas senón en varios corpos e especialidades na mesma comunidade. Isto preocúpanos especialmente polos efectos que poida ter no profesorado interino que realmente vén desempeñando nos últimos anos as funcións que, cando menos na teoría, dan lugar a esta vía excepcional.
Ante todas estas incertezas, desde o sindicato levaremos á Mesa estatal propostas que vaian na liña de achegar o máis posíbel o proceso á nosa posición estratéxica da vía diferenciada de acceso. Conscientes de que a rixidez e a centralización da negociación colectiva non deixa moita marxe de manobra, defenderemos que no ensino público debe garantirse, como no resto das administracións, a vía excepcional do concurso, con todas as eivas que poida ter, porque a negociación do EBEP non deixa outra alternativa extraordinaria como a que propuña a CIG-Ensino para o profesorado.
Así, para o sindicato a aplicación no ensino non pode facerse estritamente contemplando só contratos ininterrompidos durante cinco anos, xa que os nomeamentos docentes son anuais ou por períodos inferiores no caso de substitucións. De facelo así os efectos serían nulos ou testemuñais. A oferta debe estenderse á totalidade das prazas estruturais vacantes, para o que exixiremos á Consellaría un estudo rigoroso centro a centro de todas as prazas que foron ocupadas por profesorado con destino provisional desde xaneiro de 2016 e que non teñan un docente titular con reserva de praza, como é o caso de docentes en asesorías na Consellaría, liberacións sindicais, servizos especiais, excedencias...
Na nosa liña de defender a dobre vía, mesmo cos condicionantes actuais aos que nos leva esta nova lei, a CIG-Ensino defenderá que nas prazas da OPE de 2022, a acumular coas de 2021, e pendentes de negociar coa Xunta, non se oferte ningunha praza a maiores das fixadas na taxa de reposición á espera de coñecer como e cando vai ter lugar ese proceso extraordinario de estabilización de prazas. Instamos, por último, á Consellaría de Educación a convocar, tamén con carácter de urxencia, unha Mesa Sectorial monográfica sobre este tema para disipar calquera dúbida sobre as oposicións e para coñecer que posición defenderá no marco das negociacións que como administración debe ter co Ministerio. É de recibo que as persoas que están a preparar convocatorias de 2021 e 2022 coñezan canto antes cales van ser as regras de xogo que van imperar no procedemento selectivo que se celebre en xuño e, por suposto, o profesorado interino debe saber tamén que criterios se van fixar para o proceso extraordinario.
Así mesmo, e como non podía ser doutro xeito, a CIG-Ensino esixirá que entre os requisitos que se inclúan para acceder aos corpos docentes, con independencia do sistema polo que se opte, se teña que demostrar o dominio da lingua galega, ou ben coa presentación do certificado CELGA 4 ou equivalente ou coa superación da proba de aptitude lingüística, para garantir que o profesorado interino galego non se vexa prexudicado por unha normativa de ingreso a uns corpos docentes de carácter estatal.