CIG-Ensino insta á Consellaría de Educación a fixar criterios co SERGAS que non exclúa dos cribados ao profesorado dos centros públicos

Os cribados masivos que o SERGAS realiza por ámbitos poboacionais, como os actuais na Coruña, Vigo ou Santiago, exclúen o profesorado de MUFACE con prestación sanitaria privada

A CIG-Ensino dirixiuse á Dirección Xeral de Saúde Pública para se interesar pola situación actual dos cribados poboacionais e nos centros educativos, ao entender que a programación que leva adiante o SERGAS, ao se centrar nos datos dos que dispón para convocar os cribados masivos (persoas con tarxeta sanitaria do SERGAS e con móbil) deixan fóra a unha parte moi importante do profesorado adscrito ao mutualismo administrativo con prestación sanitaria privada.

Neste sentido, o sindicato foi informado de que os cribados específicos en centros escolares só se autorizan en función da decisión dos servizos territoriais de epidemioloxía do SERGAS e dos datos de especial incidencia nos centros concretos. Para a CIG-Ensino, tendo en conta a situación actual da pandemia e a alta incidencia nos centros educativos, a Consellaría de Educación, da man de Sanidade, debería estabelecer un protocolo de control que inclúa o profesorado sen exclusións. Facelo doutro xeito implica non atender a unha medida preventiva con todas as garantías e información necesaria nunha actividade como a educativa na que se garante a presencialidade.

Somos conscientes das dificultades de xestión e de que os cribados xerais a toda a poboación son necesarios e, por tanto, non estamos a demandar ningún tipo de trato preferente, mais a administración galega ten que ser consciente da situación que se dá entre o persoal dos centros educativos e demandamos un cambio na estratexia para que, cando menos naqueles concellos ou áreas xeográficas nas que o ritmo de contaxios é máis elevado non se deixe fóra o profesorado do cribado para detectar persoas contaxiadas asintomáticas.

Volver