CIG-Ensino exixe a convocatoria inmediata das licenzas por formación e que non diminúa o seu número pola incapacidade de xestión da administración

O sindicato insta á Consellaría a ampliar as actuais licenzas para dar resposta ás necesidades do profesorado e poñer fin aos recortes en formación

Neste sentido, exixe expresamente que as licenzas que estaban previstas para o primeiro trimestre se acumulen e se poidan gozar os dous seguintes e recuperar as distintas opcións de licenzas para formación retribuídas ou non que existían antes de que o PP as eliminara, como o dereito a un ano sabático ao longo da súa carreira profesional para todo o profesorado, así como facilitar a consecución do título de Grao para o Profesorado técnico de FP de forma que poida cumprir os requisitos para integrarse no corpo de PES.

O pasado 13 de xullo a CIG-Ensino denunciou a desidia e desorganización da Consellaría de Educación ao non ter publicado a convocatoria anual de licenzas por formación, nunhas datas nas que noutros cursos xa estariamos en fase de resolución.  

No mesmo comunicado xa demandabamos da Consellaría que se non era quen de facer os seus deberes, cando menos informase publicamente da data prevista de convocatoria e que esta non fose máis alá de setembro.  

Xa comezado o mes non sabemos nada aínda do que ten pensado facer a Consellaría. A CIG-Ensino exixe que non se demore máis a publicación e que se faga con carácter inmediato. 

O sindicato demanda igualmente un cambio na orde pendente de publicar para trasladar todas as licenzas previstas para o 1º trimestre ao resto do curso escolar, toda vez que cos prazos necesarios para a presentación de instancias, baremación e adxudicación, sería inviábel que moitas das licenzas se puidesen desfrutar integramente antes de finalizar este trimestre. En todo caso, a CIG-Ensino pide que non se perda ningunha soa das horas dispoñíbeis para a xa escasa e insuficiente formación do profesorado, que xa viu imposibilitado o goce destas licenzas durante algún periodo da pandemia. 

A CIG-Ensino demanda que se poña fin aos recortes na formación do profesorado 

Nas mesas sectoriais nas que se debateron as convocatorias destas licenzas nos últimos anos a CIG-Ensino fixo fincapé na necesidade de recuperar dereitos laborais arrebatados polo goberno do PP en materia de formación. Neste sentido, insistimos en que a chegada dunha nova directora xeral ao cargo debería ser unha oportunidade para mudar unha deriva que xa leva demasiados anos instalada. 

O sindicato incide nas propostas que leva anos reiterando e que só implicarían recuperar o que xa tiñamos antes da chegada do PP á Consellaría, e que as persoas que ingresaron na función pública docente nos últimos anos descoñecen. En concreto, por citar, as medidas máis relevantes: 

  • Oferta de licenzas de formación con retribucións íntegras por ampliación de estudos, co dereito dun curso sabático para o profesorado ao longo da súa carreira profesional cando se atope no remate dunha nova formación académica, ben sexa nun único período anual ou ben en dous semestres en cursos diferentes. 
  • Oferta de permisos por formación con cotización e non retribuídos para aquel profesorado que amplíe estudos, sen ter que pedir excedencia por interese particular, tamén coa opción dun curso completo ou de dous semestres. 
  • Plan especial de formación para o profesorado técnico de FP (PTFP) para que poida dispoñer dun ano completo para rematar estudos universitarios cando careza deles para favorecer a súa integración no corpo de PES antes do remate do prazo legalmente previsto (xaneiro de 2026).

Volver