CIG-Ensino esíxelle á consellaría de educación que asuma as súas responsabilidades no desenvolvemento das oposicións

Oposicións 2010

A CIG-Ensino comprobou, un ano máis, que a Consellaría non está a realizar o labor de supervisión do funcionamento dos tribunais que lle corresponde. A presidencia de cada tribunal de oposición é nomeada pola Consellaría directamente, cuestión á que a CIG-Ensino se opón reiteradamente reclamando que sexan realizadas por sorteo.

CIG-Ensino esíxelle á consellaría de educación que asuma as súas responsabilidades no desenvolvemento das oposicións


A CIG-Ensino reclamou xa a nulidade do proceso selectivo na materia de Imaxe e Son, mediante a presentación dun recurso de reposición.
Trátase do caso máis grave de irregularidades no proceso de oposición, un proceso en que soamente aprobou unha persoa de 95. As irregularidades constatadas son as seguintes:
  • A proba práctica no se axustou á convocatoria, na que se especifica que esta consistirá na realización dun suposto, de entre os catro que propoña o tribunal; pois ben, neste caso, tiveron que realizar nove supostos, dándolle catro opcións para cada un, en total 36, sendo convocados un venres ás 10 da noite, para realizar a proba o domingo entre as 8 da mañá e as 10 da noite.

  • No proceso de apertura de sobres cos exames e a nota correspondente informouse da súa apertura dous días despois de realizada, cando debe ser anunciada con antelación.

  • Durante a realización da proba práctica cada opositor estivo acompañado por un só membro do tribunal, cando segundo o artigo 5.6.2 da convocatoria terían que asistir, como mínimo, tres membros.

  • Pódese entender que non se respectou o anonimato da proba A e non hai seguridade de que a cualificación asignada a cada opositor sexa a que realmente lle corresponde.

 

Ademais, a CIG-Ensino detectou os seguintes problemas no funcionamento dalgúns tribunais:

  • Non en todos os casos se informa aos aspirantes de cales son as súas garantías no proceso, non se lles dá traslado dos criterios de avaliación. A CIG-Ensino xa esixiu na Mesa Sectorial que os opositores fosen informados no momento de se iniciar a oposición. Ademais a CIG reclamou que as persoas aspirantes poidan coñecer a nota de cada unha das partes da proba, para velar pola transparencia do proceso.

  • Aprézanse diferencia de criterios na avaliación dos opositores entre os diferentes tribunais dunha mesma especialidade, dándose o caso de que pode haber grandes diferencias no número de aprobados, e así mentres nun tribunal aproba o 60%, noutro soamente aproba o 30%.

  • Temos constatadas actuacións desprezativas co noso idioma no tribunal 16 de Vigo, presidido polo inspector Jesús Jorge Campos, que no seu día fora delegado de Cultura do PP en Pontevedra, que non só usa exclusivamente o español, mesmo cando as opositoras se dirixen a el en galego, senón que mesmo regala perlas do tipo: “otra que no sabe la lengua de Cervantes”.

 

Deste xeito, a CIG-Ensino comprobou, un ano máis, que a Consellaría non está a realizar o labor de supervisión do funcionamento dos tribunais que lle corresponde. A presidencia de cada tribunal de oposición é nomeada pola Consellaría directamente, cuestión á que a CIG-Ensino se opón reiteradamente reclamando que sexan realizadas por sorteo. Ademais as comisións que teñen o cometido de fixar os criterios de avaliación dos opositores están integradas polos presidentes dos tribunais, co cal resulta que a comisión que establece os criterios está integrada por persoas nomeadas a dedo pola Consellaría. Na Mesa Sectorial a CIG vén reclamando que esta comisión estea formada polas persoas que resulten seleccionadas mediante un sorteo entre os membros dos tribunais, mais, como a petición anterior, a Consellaría négase a aceptalo. Por este motivo a CIG entende que a Consellaría é a responsábel do funcionamento deficiente que se dá nalgúns tribunais, xa que é ela quen decide que persoas os presiden e forman a comisión, polo que lle esiximos que asuma a súa responsabilidade e adopte a medida de non volver nomear como presidentes de tribunais a persoas que demostraron a súa inadecuación para esta función.

Volver