CIG-Ensino esixe transparencia na dotación de profesorado e na xestión dos contaxios e das corentenas, rexeita o uso de mamparas e reclama garantías para a semipresencialidade

Desde o sindicato manifestan que existe moita confusión nos centros educativos sobre situacións para as que a Consellaría non ten instrucións claras e que non son públicas, como a xestión dos contaxios e de quen debe gardar corentena

Co curso iniciado en infantil, primaria e educación especial e a piques de facelo en secundaria son numerosas as consultas que se están a producir por parte do profesorado sobre os últimos movementos da Consellaría e sobre cuestións de xestión diaria da crise sanitaria nos centros educativos. Velaquí as nosas demandas e posicionamento ao respecto.

 

Transparencia na dotación de profesorado

Ante os anuncios do conselleiro de onte, as contas en primaria, infantil e educación especial están claras. O único incremento real de profesorado foron 221 interinidades que houbo de diferenza entre a adxudicación provisional de destinos de xullo e a definitiva de agosto. A maquinaria de propaganda á que nos ten acostumadas a Consellaría empregou os contratos programa e a obriga legal de cumprir as ratios en primaria para inflar a cifra neste corpo. A demanda da CIG-Ensino é clara: nestas etapas educativas debe garantirse igualmente a separación de metro e medio entre alumnado e autorizar desdobres e reforzos de persoal docente e non docente onde sexa necesario.

En secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial é imposíbel facer unha avaliación sobre a dotación de profesorado se a Consellaría non actúa con transparencia. Non sabemos exactamente cantas docentes pedían todos e cada un dos centros e en que condicións as pedían, se contaban con espazos suficientes para facer desdobres ou non. Ante a falta destes datos fúrtase a posibilidade de control sindical e social das cifras anunciadas polo conselleiro. Ademais, tal e como denunciamos publicamente, o tratamento foi moi diferente entre os centros. Por outro lado, desde a CIG-Ensino insistimos en que o profesorado e a comunidade educativa ten que formar parte da toma de decisións nos centros no que ten que ver con recorrer a quendas de tarde, á semipresencialidade ou ao uso de anteparos e calquera destas medidas debería ser debatida e aprobada polo claustro e polo consello escolar.

Semipresencialidade

Para a CIG-Ensino a semipresencialidade debe ser o último recurso e só naqueles centros nos que non haxa espazos para desdobres. Ademais, entendemos que é preciso garantir que non haxa discriminación na conectividade entre alumnado, que desde a Consellaría se aclare como se vai facer o seguimento e o aproveitamento curricular do alumnado que non asiste presencialmente e entendemos tamén que este recurso debería vir acompañado de profesorado específico ou a maiores. Moito nos tememos que coas restricións impostas  da Consellaría na práctica, a semipresencialidade vai supor unha redución de horario lectivo e de currículo e un aumento da carga de traballo do profesorado.

Ademais, a CIG-Ensino amosa a súa preocupación porque a semipresencialidade afonde no problema que se arrastra desde finais do curso pasado. Parece que a administración xa esqueceu que durante o primeiro trimestre e en xeral durante o actual curso tería que facerse unha adaptación curricular para suplir as carencias que se derivaron da suspensión das aulas desde marzo até xuño pasados. Polo tanto, precisamos que a Consellaría garanta que alumnado, profesorado e centros que se vexan afectados pola semipresencialidade non vexan mermada a atención e a calidade educativa.

Anteparos non

Para a CIG-Ensino recorrer a anteparos é a peor das solucións desde todos os puntos de vista. En primeiro lugar porque dá unha falsa sensación de seguridade e porque reduce a un metro a distancia incumprindo todas as recomendacións das autoridades sanitarias e expresamente a da OMS que fala de 1 metro entre pupitres ou a do acordo co Ministerio que fixa 1,5m interpersoal como mínimo. Ademais de supoñer un custe excesivo para os centros supón unha complicación engadida en materia de limpeza e loxística das mesmas, sendo preciso máis persoal para mantelas hixienizadas.

Xestión dos contaxios e das corentenas

Cando apenas se cumpre unha semana do inicio de curso en infantil, primaria e educación especial e xa hai, segundo datos da propia administración, dous centros pechados e 29 casos positivos demandamos unha transparencia absoluta de todos os contaxios que se produzan e dos centros que se vexan alterados por peche. Esa información debe estar dispoñíbel a diario na páxina web da Consellaría de Educación e debe axilizarse a posta en marcha urxente da aplicación EduCovid para que se poidan rastrexar os contactos.

O profesorado, as familias e o alumnado, toda a comunidade educativa, ten que ter as máximas garantías de que quen está xestionando na Consellaría de Sanidade os abrochos que se poidan producir o está facendo de forma correcta. Pero insistimos, para poder confiar nas autoridades sanitarias galegas, os criterios que apliquen en cada centro teñen que ser públicos e transparentes.

Isto xa está creando suspicacias e dúbidas entre a comunidade educativa porque se están adoptar diferentes recomendacións en canto ás corentenas dependendo do centro ou da consideración de contactos estreitos. A CIG-Ensino nunca vai poñer en cuestión as decisións de medicina preventiva pero demandamos que sexan profesionais sanitarios os que determinen que é un contacto directo, por exemplo, e non que o teña que facer profesorado membro do equipo Covid dos centros, como aparece no apartado 7.3 do protocolo publicado o 31 de xullo. Neste sentido, poñemos varios exemplos que xa se teñen producido: se hai un caso positivo nunha clase de primaria e se opta por poñer en corentena ao resto do alumnado e á titoría, pero non así ás especialistas, queremos que se determine porque se toma esta decisión en base a criterios obxectivos e científicos: tempo de contacto co positivo, utilización de material de protección, ventilación das aulas… Entendemos que non exista un criterio uniforme para todos os casos e que se atenda as diferentes casuísticas mais  é preciso que os que se apliquen sexan claros, concisos e transparentes para todo o persoal dos centros e para o conxunto da sociedade.

Queremos que as decisións sexan médicas e non políticas, que se atenda a instrucións sanitarias coherentes e coñecidas, e que esas decisións sexan trasladadas de forma clara e rápida aos centros educativos.

Volver