CIG-Ensino esixe transparencia e rigor ás administracións para non quebrar a confianza sobre a vacinación entre o profesorado

A suspensión cautelar da administración da vacina de AstraZeneca crea inquietude entre o colectivo docente, sobre todo entre quen recibiu a primeira dose.

Na reunión mantida hoxe con responsábeis da Consellaría de Educación, o sindicato incidiu en que hai unha responsabilidade compartida na situación actual e que tanto a EMA, como o Ministerio de Sanidade e o Sergas teñen que dar explicacións que tranquilicen á poboación. Neste sentido a CIG-Ensino demandou que a Consellaría de Educación envíe unha nota informativa ao persoal dos centros con toda a información.

A suspensión cautelar durante 14 días da inoculación da vacina de AstraZeneca, que é a que se se lle estaba administrando ao profesorado galego menor de 55 anos, veu significar un novo punto de preocupación no proceso de vacinación iniciado, como xa denunciamos no seu día, de forma improvisada e caótica por parte da Xunta de Galiza. Na reunión que mantivo hoxe a CIG-Ensino con responsábeis da Consellaría de Educación pediuse expresamente que se dean as máximas explicacións sobre esta decisión tendo en conta que a responsabilidade é compartida entre as administracións que autorizaron e determinaron os grupos de prioridade para a súa administración. A CIG-Ensino demandou que a administración envíe un correo masivo a todo o persoal dos centros educativos con todas as explicacións oportunas e que se faga con carácter inmediato. 

Como sindicato non nos corresponde facer valoracións sobre a seguridade e eficacia dunha vacina, pero pedimos a máxima transparencia e rigor e que todas as administracións dean todas as explicacións necesarias para xerar confianza entre a poboación. Neste sentido convén aclarar se o principio de precaución que leva a paralización temporal da vacinación con AstraZeneca está vinculado cun lote en concreto da vacina ou con ela no seu conxunto e se a trazabilidade da que falou o presidente está garantida para todas as persoas xa vacinadas coa 1ª dose. 

Non queremos introducir ningún elemento para a alarma, precisamos de tranquilidade, sobre todo para quen xa recibiu esa 1ª dose, que se aclare canto antes a súa posible relación cos casos clínicos de trombos, e que se decida reanudar ou non a vacinación co máximo rigor científico. Sabemos que existía moita presión social por iniciar o proceso de vacinación e se non existe transparencia e rigor na información o que se alimentan son, con toda a razón, as dúbidas sobre a marcha da campaña de vacinación. 

Non nos corresponde avaliar que parte de responsabilidade da situación poidan ter a EMA, o Ministerio de Sanidade ou o SERGAS pero cada administración, xunto coa empresa farmacéutica e as entidades promotoras, deberían estar hoxe proporcionando todo tipo de información para tranquilizar á poboación e non xerar desconfianza sobre un procedemento de vacinación que sempre defendemos que sería o principio da fin da pandemia que vimos padecendo desde hai un ano. 

Preguntamos tamén pola situación das incidencias pendentes de solucionar (persoal reincorporado logo dunha baixa ou con redución de xornada, etc…) así como os prazos para maiores de 55 anos ou persoal vulnerábel. 

En resposta ás cuestións que lle formulamos estas foron as informacións que nos proporcionaron:

  • Tiñan previsto ter rematado nesta semana con todas as vacinacións de persoal de 55 anos ou menos. A paralización será temporal e por un prazo de 14 días. Antes desa data as axencias que se encargan da vixilancia da vacinación tomarán a decisión de continuar ou ampliar a paralización temporal.
  • Inicialmente falábase dun lote da vacina mais finalmente a fármaco-vixilancia afecta a toda a produción de AstraZeneca.
  • Saúde Pública garante o control da trazabilidade da vacina administrada e asegura que calquera persoa que se dirixa ao Sergas poderá saber que lote se lle administrou mais asegura que a decisión de paralizar non está vinculada a ningún lote en concreto.
  • O cambio de opinión para decidir parar a vacinación veu motivado por unha baixa incidencia nuns trombos menos comúns que os que se coñeceron inicialmente. Esa incidencia, no caso do Estado español, é de 1 persoa afectada dun total de case 1 millón de persoas vacinadas. En Galiza non hai ningún caso. Desde Saúde Pública insistiuse en poñer en contraste esta incidencia coa que teñen, no caso dos trombos, algunhas outras medicacións de uso frecuente.
  • A administración da 2ª dose faríase nos prazos previstos (12 semanas após a 1ª dose) mais se houbese necesidade de retrasala non habería ningún problema, xa que o período intermedio pode ser superior.
  • Ao respecto das persoas de máis de 55 anos non teñen ningunha novidade e todo vai depender das vacinas de Pfizer das que se dispoña no mes de abril e maio. Afirman que, no caso de que non se cubran as expectativas dos envíos que agardan, seguirían priorizando os colectivos por idade (maiores de 80, de 70 a 79 e xunto con estes as persoas con patoloxías graves).
  • Seguirán facendo cribados nos casos nos que se produzan gromos. Alertan para que non se relaxen os nosos hábitos de protección e indican que as persoas vacinadas deben igualmente manter todas as medidas de saúde pública.
  • Ao respecto de persoas menores de 56 anos que tiveron a COVID deron as seguintes explicacións:
  • Se non foron vacinadas só se administrará a 1ª dose e agardarán 6 meses para facelo.
  • Se foron vacinadas e posteriormente deron positivo agardarán 6 meses para 2ª dose.
  • Este criterio pode verse alterado en casos de persoas vulnerábeis polas súas patoloxías e nestes casos podería administrarse a 2ª dose.

Volver