CIG-Ensino entrega unha primeira quenda de máis de 3.500 sinaturas recollidas entre o profesorado galego, contra a Lei de Convivencia e Participación Educativa

Anxo Louzao, secretario nacional, asegura que non vai solucionar os problemas e que está concibida unicamente para avalar a consulta sobre lingua aos pais e nais

A CIG-Ensino fixo hoxe entrega, no rexistro xeral da Xunta de Galiza, en San Caetano, dunha primeira quenda de 3.512 sinaturas recollidas entre o profesorado, contra o proxecto de Lei de Convivencia que vén de presentarse no parlamento para a súa toma en consideración. Unha lei que, segundo explicou Anxo Louzao, aposta por métodos autoritarios e represivos para enfrontar os conflitos; non vai acompañada nin de recursos, nin de medios para reforzar a autoridade do profesorado e que ten como verdadeiro obxectivo dar o aval legal ás consultas a pais e nais para reducir a presenza do galego no sistema educativo.

O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou que se trata dunha Lei allea á realidade galega, porque “está copiada” da aprobada polo PP na Comunidade de Madrid e que “non vai acompañada dun aumento de recursos humanos, nin de medios para atallar o fracaso escolar”.

Fronte a isto, e para reducir unha conflitividade que considerou que en Galiza é de baixa intensidade, defedendeu a necesidade de dotar os centros de máis profesorado, persoal de apoio e outros profesionais e reducir o número de alumnos por aula para facer fronte ao fracaso escolar e atender a diversidade. “Non se pode reforzar a nosa autoridade, non se pode dicir que é unha lei de convivencia, se se está negando, día a día, profesorado para facer substitucións, se este ten que desenvolver funcións que non lle corresponden ou se ten que impartir materias nas que non é especialista” afirmou.

Lei “trampa”

Anxo Louzao desmentiu ademais que se trate dunha lei que favoreza a participación, máis cando non se contou, para a súa elaboración, nin co profesorado, nin cos sectores afectados e cando foi rexeitada tanto polo Consello Escolar de Galiza como por numerosos consellos escolares municipais e a maioría do profesorado.

Para o secretario nacional de CIG-Ensino trátase dunha “lei trampa” que pretende contradicir o ditame do Consello Consultivo que no seu día considerou que o decreto chamado de Plurilingüismo era un ilegal porque unha consulta aos pais e nais non podía determinar cal era a lingua vehicular no ensino.

“O que fai o PP é dar sustento legal a que o galego desapareza do sistema educativo, dándolle respaldo legal a futuras consultas ás familias co obxectivo real de reducir a presenza do galego no ensino, como lingua vehicular, como lingua propia e como lingua que hai que normalizar partindo de que está nunha posición feble e mesmo proscrita de moitos ámbitos da sociedade ”.

Consultas ás familias que, afirmou, se van cinguir exclusivamente ao idioma, “sen ningunha transparencia, nin control democrático”, porque “non se lles vai preguntar aos pais e nais se queren que haxa servizos complementarios nos centros, nin se debe haber unha redución de alumnos por aula, se queren máis profesorado ou se debe haber relixión ou non no sistema educativo”.

Recurso ao Constitucional

Anxo Louzao anunciou que a CIG-Ensino seguirá celebrando asembleas nos centros e sensibilizando á comunidade escolar e aos sectores afectados do alcance e as graves repercusións que terá esta lei para a nosa lingua e para o conxunto do sistema educativo. Unha lei que será aprobada polo PP, aplicando o “rodillo da maioría absoluta” e contra a que só cabe recurso no Tribunal Constitucional.

Recurso que, ademais, só pode ser presentado polo propio Parlamento de Galiza, cousa que non ocorrerá “por razóns obvias”, matizou, polo partidos que teñan máis de 50 deputados no Congreso ou polo Valedor do Pobo.

Volver