CIG-Ensino entrega 7.366 sinaturas demandando a integración de todo o profesorado no grupo A1
O sindicato presentou un escrito dirixido a ministra Alegría xunto coas sinaturas conseguidas en menos de mes e medio
A Executiva Federal da CIG-Ensino fixo entrega no día de hoxe dun escrito dirixido á ministra de Educación acompañando as 7.366 sinaturas recollidas entre o profesorado galego en tan só un mes e medio.
As sinaturas, recollidas en tan breve tempo, son boa mostra do apoio do persoal docente galego á campaña iniciada polo sindicato maioritario no ensino público e indican que existe unha clara demanda dun corpo único docente ou ben que, nese camiño, se produza a integración de todos os corpos no grupo A1. A CIG-Ensino, logo da resposta tan contundente e rápida do profesorado, decidiu interromper a campaña, coincidindo co final do curso escolar, toda vez que evidencia perfectamente o apoio que unha medida destas características ten entre o profesorado afectado.
Unha demanda histórica para a que xa non hai escusas
A CIG-Ensino mantén o obxectivo histórico de que todo o profesorado forme parte dun corpo único docente dentro do grupo funcionarial de maior grao (A1). Os cambios recentes provocados pola LOMLOE e a Lei Orgánica de FP implican a integración do Profesorado Técnico de Formación Profesional (PTFP) no corpo de Profesorado de Ensino Secundario, do grupo A1, co requisito de ter unha titulación de grao ou unha diplomatura universitaria.
Unha vez que se realice esa integración, prevista para o trimestre final deste ano 2022, só permanecerán no subgrupo A2 estes corpos:
- corpo de mestres
- PTFP a extinguir e profesorado do novo corpo de especialistas de sectores singulares da FP
- corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño
A CIG-Ensino considera que se debe producir a integración de todo estes colectivos no grupo superior A1, no camiño da consecución dun corpo único docente, coas correspondentes competencias docentes nas etapas educativas actuais.
Desde o sindicato tense demandado xa na Mesa estatal que se incorpore esta integración no marco do Estatuto Docente que o Ministerio se comprometeu a negociar nesta lexislatura. Así llo fixo ver o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, nunha carta dirixida á ministra Alegría o pasado 2 de maio. Non comezar canto antes esas negociacións, tendo en conta que á volta do verán só restará un ano para o remate da lexislatura, sería unha mensaxe profundamente negativa para os algo máis de 260.000 docentes que no conxunto do estado quedarán no grupo A2, nos que un 95% son do corpo de mestres. En Galiza a medida beneficiaría a uns 15.000 docentes, case un 50% do profesorado total.
A CIG-Ensino considera que as melloras no recoñecemento profesional tamén se deben estender aos corpos actualmente no nivel 24 do grupo A1 (profesorado de secundaria e réxime especial) co recoñecemento do nivel superior, o 26. Esta reforma da carreira profesional (integración xeral no grupo A1, mellora dos complementos de destinos -niveis-) debe ser o núcleo de calquera reforma da profesión docente. A CIG-Ensino empraza á ministra de Educación a dar un paso adiante neste sentido. Non facelo sería unha mensaxe profundamente negativa por parte do goberno estatal a un colectivo tan importante que non entendería quedar relegado no marco da reforma da profesión docente e do seu recoñecemento profesional.
OS DATOS
PROFESORADO QUE SE VERÍA AFECTADO POLA INTEGRACIÓN NO GRUPO A1
MESTRES: Hai ao redor de 260.000 mestres e mestras no Estado. En Galiza son ao redor de 14.000.
FP E ARTES PLÁSTICAS: No total do Estado poderán quedar o ano que vén ao redor de 10.000, dos que en Galiza serían uns 750.
AS DIFERENZAS SALARIAIS
Diferenza no salario base entre A2 e A1: 167,62€ brutos/mes
Diferenza no complemento de destino entre nivel 21 e 24: 122,36€ brutos/mes
Diferenza entre o nivel 24 e o 26: 184,61€ brutos/mes