CIG-Ensino e os demais sindicatos animan aos equipos directivos a rexeitar o Protocolo Covid da Xunta e apoiarán aos que decidan dimitir

Entenden que esta medida de presión colectiva, que xa barallan algunhas direccións, sería unha contundente mostra do rexeitamento cara a pretensións da Consellaría de Educación que debería negociar un novo Protocolo para a volta ás aulas realista

Consellaría que debería negociar un novo Protocolo para a volta ás aulas realista e que garanta a seguridade e a saúde de toda a comunidade educativa.

 

As catro Organizacións Sindicais da Mesa Sectorial de Educación remitíronlle un escrito ás direccións dos centros de ensino nas que se solidarizan coa situación de indefensión, mesmo de carácter legal, que se pode producir de implantarse un Protocolo que os responsabiliza de funcións que lle corresponden á administración ou a servizos técnicos de prevención e sanitarios. No documento facilitan un modelo para amosar o seu rexeitamento ás intencións da Xunta e para reclamar o aumento de persoal docente e non docente que garanta a distancia de seguridade nos centros e diminuír así o risco de contaxio de coronavirus nas aulas.

No escrito as catro OO.SS. convocantes das mobilizacións dos días 22 e 28 (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e Fete-UGT) acusan á Consellaría de Educación de elaborar o protocolo para a COVID-19 de forma unilateral e de pretender comezar o curso nunha “situación de case normalidade”. Con este protocolo o único que fai a administración é lavar as mans e trasladar a responsabilidade ao profesorado e fundamentalmente aos equipos directivos, como xa fixo durante o estado de alarma e ao final deste curso académico. Despois de que foran precisamente estes quen mantiveron a actividade lectiva a distancia e de forma presencial coa reincorporación dos segundos cursos de FP e Bacharelato, agora a Consellaría premia o seu esforzo e dedicación cunha sobrecarga de responsabilidades que fai inviábel o comezo do curso e inasumíbel o cumprimento de todas esas funcións. Pero o que é máis grave, toda esa sobrecarga de traballo faise a costa de detraer tempo para o ensino e as tarefas docentes e lonxe de minimizar o risco de contaxio aínda se incrementa, ao manter as avultadas ratios por aula, con 25 crianzas en infantil e primaria ou até 30 en secundaria e bacharelato, o que impide garantir a distancia de seguridade mínima que establecen as autoridades sanitarias do Estado e que recomenda a OMS.

Tal e como estes días os propios equipos directivos lle manifestaron aos sindicatos, levar a cabo todo o que inclúe o protocolo sen a redución de ratios nin o incremento de persoal docente, non docente, de limpeza e de vixilancia do comedor fai inviábel a súa efectividade. “Todo o plan dá resposta a un principio economicista que pretende a volta ás aulas a custe cero. Iniciar nestas condicións o curso é unha temeridade xa que non se achegan as dotacións necesarias para protexer a saúde das e dos traballadores do sector nin do alumnado e por extensión das súas familias”, reza o escrito remitido ás direccións.

Este protocolo incrementa a carga burocrática inútil detraendo tempo de preparar e dar clases e de novo son os equipos directivos os que teñen que asumir funcións propias da administración, dos servizos técnicos e do persoal sanitario (como a redacción do plan de adaptación e do plan de continxencia do centro, a creación e coordinación do comité COVID, o subministro e control dos materiais de protección, a vixilancia das medidas de protección...) Nel tampoco se establece unha planificación clara nin cal sería a dotación de medios no caso de necesitar activar o ensino a distancia ou o ensino semipresencial para atender á vez alumnado presencial e outro en illamento no seu domicilio, etc.

Dimisións en bloque ante posíbeis responsabilidades penais

Ante esta situación os equipos directivos están abandonados á súa sorte e no caso de denuncias pola vía penal poden verse ante un xulgado sen saber cal sería o amparo legal que lles ofrecería a Consellería neste caso. Ante a gravidade desta situación as organización sindicais, ademais de convocar mobilizacións para o mes de xullo e de setembro, animan ás direccións a que amosen o seu rexeitamento, mediante escrito dirixido á Consellaría de Educación, ao Protocolo e declinen todas as responsabilidades nas que poidan incorrer pola aplicación do Plan de adaptación á situación COVID-19 no curso 2020/21. Así mesmo, manifestan o seu apoio, en todas as súas vertentes, a todos os equipos directivos que non estean dispostos a asumir as responsabilidades que se deriven do protocolo COVID e, polo tanto, decidan non continuar no seu cargo. No documento manifestan expresamente que “unha acción colectiva de dimisións en bloque sería oportuna neste momento”.

CIG

Mobilizacións

A maiores lembran as mobilizacións convocadas para este mes con cazoladas diante de San Caetano os vindeiros 22 e 28 de xullo ás 11:30 horas, ás que animan a acudir a toda a comunidade educativa, profesorado, persoal non docente, alumnado e familias porque a saúde de todos e, por extensión de toda a sociedade, está en xogo con este protocolo temerario e inasumíbel organizativamente.

Volver