CIG-Ensino desvela unha nova fraude no texto do acordo: a negociación “en diferido” é unha coartada insultante

A instancias dos sindicatos asinantes do acordo (CCOO, UGT, ANPE) a Consellaría incorporou un parágrafo-coartada para disimular que se vende o profesorado na recuperación do horario lectivo. Unha parte e outra mentiron a sabendas

Na última reunión da negociación acelerada que converteu as liñas sindicais vermellas nunha alfombra vermella para Rueda pisar os nosos dereitos, os sindicatos que tiñan xa decidido asinar precisaban algo ao que se agarrar diante da traizón ao profesorado na cuestión central da recuperación do horario lectivo das 18 e 21 horas en secundaria e infantil e primaria respectivamente. 

Foi entón cando propuxeron á representación da Consellaría que se recollese no texto unha referencia a que se podería negociar no futuro cando se abordase a redución do horario de todo o persoal da Xunta de Galiza. Fixeron valer a súa argumentación nun acordo marco asinado por CCOO e UGT co Ministerio de Facenda que, sen ter carácter obrigatorio, propón esa redución ás diferentes administracións. 

A redacción final que gustosamente incorporou a Consellaría foi esta: 

“…difírese a negociación dunha nova regulación do horario lectivo da xornada de traballo do persoal funcionario e persoal laboral docentes ao momento no que se aborde unha xornada de traballo de 35 horas semanais para todo o persoal da Xunta de Galicia”. 

Traducido: pactan nunha negociación que non negocian e que xa o farán farán máis adiante cando haxa outra negociación que non ten nada a ver co profesorado.

A mentira ten as pernas curtas: desmontamos a farsa.

O 20 de abril de 2023 chegouse a un acordo sindical na Mesa Sectorial do SERGAS para a mellora de condicións laborais e retributivas do persoal do Servizo Galego de Saúde. A CIG, tamén sindicato maioritario na sanidade pública, fixou como condición para asinar aquel acordo que se cumprira o obxectivo de reducir o horario laboral de todas as categorías profesionais a 35 horas. A negociación estaba bloqueada. 

O conselleiro de Sanidade acabou intervindo persoalmente no final da negociación e cedeu ante a exixencia sindical. Acordouse unha redución do horario anual de 112 horas a aplicar desde 2023 a 2025. Esta medida implica de feito unha xornada laboral de 35 horas. O impacto na redución de horario facía preciso que se contratase máis persoal. No propio texto do DOG no que se recolle o acordo cífrase ese incremento en 1.393 novos postos de traballo. 

Este acordo do SERGAS unha vez que se incorporou a redución horaria, foi asinado pola CIG. Tamén polos demais sindicatos; entre eles, por UGT e CCOO, que asinaron a renuncia a que o profesorado recupere o seu horario lectivo de 18 e 21 horas no presente acordo para o persoal docente.

A Xunta pecha a porta á negociación da xornada das 35 horas na administración xeral e deixa en evidencia a mentira do acordo docente

Na reunión da Mesa Xeral do luns 16 de outubro a CIG incidiu na necesidade de reducir o horario do persoal da administración xeral a 35 horas desde as 37,5 actuais. A intervención do Director Xeral de Función Pública en resposta a esta solicitude da CIG foi a seguinte:

“Dificilmente se pode afirmar que na administración autonómica haxa quen traballa por riba das 35 horas. Aínda que legalmente o tope de horas está nas 37,5 horas, na práctica isto non é así. No horario anual hai que ter en conta a xornada reducida dos meses de verán. Por outro lado, os acordos no SERGAS, en Política Social ou en Educación xa supoñen a redución demandada”

Polo tanto Función Pública desbota expresamente que vaia estar enriba da mesa facer máis cambios no horario do persoal da Xunta.

Estas afirmacións deixan perfectamente clara a farsa que montaron a Consellaría de Educación e os sindicatos asinantes dun acordo que renuncia a recuperar o horario lectivo de 18 e 21 horas, chegando á hipocrisía de afirmar que, pechada en falso a negociación do profesorado, se abriría “inminentemente” unha nova negociación para reducir horario ao profesorado dos corpos de secundaria. 

CIG

Se o motivo fundamental para ir á folga do día 24 de outubro está na defensa da recuperación dos nosos dereitos e da nosa dignidade como profesorado, comezando polo horario lectivo, que teñan a cara dura de mentir para procurar fuxir da vergoña de ter asinado ese acordo non é un tema menor: véndennos polo que pactan e por como menten.

En resumo:
  • Como acontece en todo o relacionado coa nosa xornada de traballo cada Mesa Sectorial é competente para tomar cantos acordos queira sobre a redución do horario do seu persoal. No SERGAS ou no Ensino público. No noso caso a resposta final da Consellaría, a preguntas da CIG-Ensino, foi clara: non estaban dispostos a reducir máis alá das 23 horas en Primaria nin a reducir tan sequera a 19 horas en Secundaria e outras ensinanzas.
  • O colectivo que nestes momentos está aínda sen reducir o seu horario a 35 horas é o da administración xeral da Xunta para o que a CIG, como é evidente, leva anos reclamando baixar ás 35 horas. Tan só nos centros de Política Social se deron pasos neste sentido. A CIG xa ten reactivado de novo unha campaña no ámbito da administración xeral para conseguilo. A cuestión das 35 horas non é relevante no ámbito do ensino, xa que non podemos admitir que a nosa xornada de traballo se reduza nas horas de non presenza no centro nin naquelas nas que temos permanencia no centro sen docencia. O cuestión medular para mellorar as condicións laborais do profesorado está na redución de horario lectivo, recuperando os noso horarios de hai 14 anos en Infantil e Primaria de de hai 12 en Secundaria.
  • Como a CIG-Ensino vén denunciando, a afectación económica da redución de horario de mestras e mestres ía ser mínima (non xa con 23 horas senón tamén con 21 horas porque os catálogos de postos de traballo están confeccionados para impartir 21 horas de clase). Onde estaba entón o “problema” para a Consellaría? Nas demais etapas educativas: reducir a 18 horas (aínda que fose en dous anos como estaba disposta a aceptar a CIG-Ensino) implicaría incrementar persoal. No SERGAS fíxose. Por que non en Educación? 
  • Incorporar ese parágrafo só se pode entender como unha coartada para procurar defender o indefendíbel: que unha negociación se peche en falso sen conseguir o que se dicía defender e que se “difire” (como Cospedal e o PP marcaron como tendencia) a unha nova negociación que (oh, sorpresa, non ten nada que ver co Ensino e que no SERGAS xa pecharon antes).
  • A vergoña ou algún resto de coherencia debería levar os asinantes do acordo a dar marcha atrás, retirando a súa sinatura del e uníndose a quen non renunciamos a defender os dereitos do profesorado na convocatoria de folga do día 24 de outubro, especialmente despois de quedar ao descuberto a farsa tras o acontecido na Mesa Xeral.
  • Temos un conselleiro que tivo como único interese brindarlle a Rueda un acordo low cost, algo doado de entender se se coñece o desinterese de Rodríguez polas condicións laborais do profesorado e do ensino en xeral que leva demostrando durante as dúas etapas á fronte da Consellaría. Chegar a falar de “acordo histórico” é o último exemplo dunha persoa allea por completo á realidade do profesorado e dos centros. Se non quere ou non sabe, a dimisión é a única opción. 

 

CIG-Informa Xunta pecha negociación das 35 horas confirmando a negativa a recuperar o horario lectivo docente

Documento


Volver