CIG-Ensino desmonta as mentiras da Consellaría ao respecto dos reforzos docentes na reunión da Mesa Docente do Estado

As respostas do Ministerio ás cuestións formuladas polo sindicato deixan ao descuberto que a Xunta presenta falsamente como gastos computábeis ao Fondo Covid moitas das contratacións xa previstas para este curso.

O sindicato aproveitou a reunión cos máximos responsábeis do Ministerio para criticar a escaseza de fondos destinados a dar seguridade á docencia presencial e a preguntar polo control dos fondos que executarán as administracións educativas.

Esta mañá tivo lugar unha reunión por videoconferencia da Mesa Docente o Estado na que a CIG-Ensino ten representación por ser o sindicato maioritario na administración pública galega. Esta reunión chega sen que a Consellaría de Educación teña movido un dedo desde que o novo equipo accedeu aos seus cargos, malia os diferentes escritos enviados pola CIG-Ensino solicitando a convocatoria da Mesa Sectorial galega ou do Comité Intercentros de Seguridade e saúde Laboral (CISSL) da Consellaría.  

A intervención do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, centrouse en trasladar aos altos cargos do MEFP preguntas concretas, solicitar aclaracións sobre decisións adoptadas polo Ministerio así como formular queixas pola redacción final do acordo do Consello Interterritorial. Porén, a parte principal centrouse en desmontar todas as mentiras que a Xunta de Galiza, a través da Consellaría, difunde incesantemente, hoxe mesmo tras unha reunión do seu titular Román Rodríguez con representación das ANPAs, para tapar unha xestión nefasta deste inicio de curso escolar, que ten como indicadores as medidas restritivas á hora de autorizar desdobres de aulas, a negativa a ampliar a contratación do profesorado e persoal non docente e a insuficiencia das medidas de protección sanitaria.

A CIG-Ensino amosa a súa preocupación polo uso dos fondos Covid  para educación e traslada preguntas e solicitudes concretas ao MEFP 

  • Transparencia sobre o montante e o destino do Fondo Covid. Está aprobado entre o MEFP e as CC.AA. que uso se lle vai dar a eses fondos, que no caso de Galiza ascenden a 93M€? Esa partida vai aumentar no exercicio orzamentario do 2021? Son exclusivamente para contratacións de persoal docente? Está incluída a adquisición de material informático e de conectividade? A Consellaría de Educación recoñece oficialmente a contratación de 847 docentes para ESO, Bacharelato e FP e pretende vender como contratacións Covid 240 mestras e mestres de Primaria e Infantil que se incorporaron para desdobrar aulas nas que había máis de 25 alumnos e alumnas. Isto último, como denunciamos varias veces é simplemente acatar a normativa de ratios máximas en primaria e infantil. Os 93M€ , destinados a persoal docente e en cómputo de curso completo darían para uns 2.325 contratos. As contas dan un déficit de contratación más que evidente.
  • O control do gasto do Fondo Covid. Van ter carácter finalista os fondos covid e a súa execución vai estar controlada? Lembremos que nunha reunión da Conferencia das presidencias das CC.AA. co presidente do goberno galego, Núñez Feijóo, chegou a afirmar que prefería que eses fondos se puidesen dispoñer libremente sen ter que estar destinados a Educación.
  • O cómputo das contratacións dos contratos programa para afrontar a Covid. Os contratos programa PROA+, segundo se indica na nota de prensa do MEFP do día 24 de setembro, van ter uns fondos específicos diferentes do Fondo Covid. Desta partida, a Galiza correspóndenlle 2.374.545€, o que escasamente dá para 60 salarios a tempo completo ou 120 medias xornadas. Debemos entender que outros contratos programa como o ARCO (Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación), que tamén están financiados polo Fondo Social Europeo e o MEFP tampouco se poden incluír no Fondo Covid. Se así fose sería unha fraude para a sociedade, xa que estes contratos programa, que se veñen desenvolvendo desde ao ano 2014, teñen unha finalidade clara que non ten nada a ver coa situación da pandemia, senón coa insuficiencia dos cadros de persoal para afrontar o fracaso escolar e dotar de máis docentes para os reforzos necesarios ao alumnado que así o precisa. A Xunta de Galiza está vendendo que a contratación de 543 docentes a media xornada (equivalente a 271 salarios completos) para ao programa ARCO forman parte do “esforzo” para loitar contra a Covid nos centros educativos, o que desde a CIG-Ensino consideramos un desprezo a docentes, familias e alumnado. Na mesma liña situamos o anuncio feito esta mañá polo conselleiro Román Rodríguez ás confederacións de ANPAs de 410 docentes a maiores do Prorgrama Arco, de novo estamos falando de contratos a media xornada, que se sufragarán segundo as súas propias palabras dentro do programa Arco, o que implica que non se financia dentro dos 93 millóns do Fondo Covid específico para ensino.

En resposta á intervención da CIG-Ensino o secretario xeral técnico do MEFP dixo expresamente que o Fondo covid está xestionado directamente polo Ministerio de Facenda que é o que controla os fondos que se remiten a cada comunidade autónoma.

  • O SXT afirmou igualmente que as contratacións de programas como ARCO ou PROA+ non se poden computar dentro do Fondo covid, o que confirma a denuncia que a CIG-Ensino vén facendo sobre as mentiras da Consellaría. 
  • Tamén fixo mención ao momento no que se atopan os convenios que van asinar as CC.AA. e o goberno central para a compra de material informático para o alumnado e que tampouco entra no Fondo covid. 
  • Non deu resposta á posibilidade de que haxa máis fondos dos 93M€ actuais para Galiza. 
  • Polo tanto, quedaron aos descuberto todas as mentiras da Consellaría no seu “artificio contábel” á hora de vender contratacións e ponse de manifesto que a Xunta non incrementou o persoal docente, nin autorizou os desdobres en infantil, primaria e educación especial porque non quixo. 
  • Como sindicato promoveremos o control e a fiscalización do fondo covid en Galiza e denunciaremos por todas as vías necesarias a deriva para outros fins deses recursos.

Críticas da CIG-Ensino á xestión conxunta do  MEFP  e as CC.AA 

O sindicato formulou tamén unha serie de queixas sobre a actuación do Ministerio no que é da súa competencia exclusiva ou no que pactou coas CC.AA: 

  • Ratios e aulas burbulla. Entre o documento do 22 de xuño de 2020 e o texto aprobado o 27 de agosto, o MEFP abandonou o criterio das ratios máximas de 20 alumnos por aula. Iso nunca debeu ser unha recomendación senón un requisito. A Xunta, por exemplo, nunca tivo intención de aplicalo. É máis, para evitar desdobres e contratación de docentes, considera “grupos de convivencia estábel” todos os de Primaria provocando que non se requiran máis docentes nin se reduza a ratio avultada nas aulas. Pode alguén afirmar que existe diferenza algunha entre unha aula de 6º de EP e outra de 1º da ESO?
  • A seguridade pode ser cara, mais os contaxios e penalizar economicamente ás familias é moito peor. Non pode ser que a seguridade fronte á covid descanse nos petos das nais e pais do alumnado. A educación debe ser gratuíta e a compra de máscaras para o uso dentro dos centros debe ser costeado pola administración. A dotación de todo tipo de material (máscaras cirúrxicas, FFP2 cando sexan necesarias, pantallas, etc..) para o persoal do centro son, por lei, obriga da empresa. No caso de Galiza derívase esta xestión nos centros, o que está a provocar xa, a pouco días de iniciado o curso, polémicas pola necesidade de EPIs específicas das que se carece. Todas estas especificación deberían estar incorporadas no Acordo do Consello Interterritorial e trasladadas ao protocolo galego.
  • O tratamento do persoal vulnerábel non foi abordado correctamente por parte do Goberno español. A afirmación de que nun escenario sen contaxios non hai risco e que a situación é comparábel a vida ordinaria é unha falacia. Estar nun espazo cerrado, cun grupo de 25 ou máis persoas e con problemas de ventilación non pode ser considerado como un escenario sen problemas para persoas con enfermidades que poidan supoñer un risco ou para mulleres embarazadas.
  • Ausencia de negociación sobre condicións de traballo na teledocencia. A pesar da experiencia vivida no curso pasado, botamos a andar un novo curso dentro da pandemia sen que nin a nivel do Estado nin, cando menos, no caso de Galiza se regule a obriga de dotar de recursos ao profesorado por parte das administracións así como en que condicións teremos que desempeñar o noso traballo, tanto se nos vemos obrigados a unha docencia totalmente virtual coma semipresencial.

A contratación de profesorado sen mestrado 

Os máximos responsábeis do MEFP deron conta da decisión adoptada na reunión da Conferencia Sectorial (coas CC.AA.) da pasada semana de poder recorrer á contratación de profesorado sen mestrado de secundaria. O secretario xeral técnico  do MEFP informou que foron todas as CC.AA. as que solicitaron esta medida. Na CIG-Ensino somos conscientes de que o cambio normativo lle corresponde ao Ministerio e que é lóxico que o tema se presentase na reunión coas administracións educativas mais cremos que non é de recibo que non se tratase previa ou simultaneamente cos sindicatos con representación na Mesa Docente do Estado e que mesmo hoxe non figure na orde do día expresamente. Demandamos que o texto que se teña que aprobar pase previamente por esta Mesa, con independencia de que a negociación máis relevante non vai estar tanto no texto legal como no seu desenvolvemento, o que lle corresponde a cada Consellaría. 

Neste sentido a posición da CIG-Ensino ao respecto foi a seguinte: 

  • O mestrado é un requisito para acceder á docencia e non un mérito. Polo tanto, todas as persoas que o posúan deben ter sempre preferencia sobre quen non o teña, tanto no que respecta ás actuais listas de contratación como ás que se poidan abrir ao longo do curso.
  • Se en casos excepcionais se ten que habilitar transitoriamente a posibilidade de contratar a docentes sen mestrado debe regularse tendo en conta o seguinte: a medida ten que ser temporal e durante a duración da pandemia e será no ámbito autonómico onde se deberá regular todo o que teña que ver con condicións de acceso á docencia deste persoal.

Volver