CIG-Ensino denuncia que os recortes orzamentarios en Educación para 2012 afectan á calidade do ensino público e favorecen a súa privatización

Redúcense en 12,6 millóns respecto de 2011, pero supoñen 507 millóns menos que en 2007

Os orzamentos para Educación caen un 0,6% para 2012, ou o que é o mesmo, 12,6 millóns de euros. Fronte a isto, a CIG-Ensino denunciou, en rolda de prensa, que amplían a privatización, tendendo a un ensino máis clasista e selectivo, que os centros terán menos profesorado, que aumentarán o fracaso escolar, que amosan un total desleixo cara o noso idioma e que, no seu conxunto son tan restritivos que poñen en perigo o xa debilitado ensino público.

Para constatar esta situación, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao fixo un percorrido polos recortes que os orzamentos destinados a Educación veñen padecendo nos últimos tres anos. “Se reparamos na evolución orzamentaria desde 2007, constatamos que os previstos para 2012 redúcense en 507 millóns de euros en relación aos de 2007; 705 millóns en comparación que os de 2008; 133 millóns menos que os en 2009; 127 millóns que os de 2010 e 12,6 millóns menos que os de 2011, que xa se viron decrecidos en 175 millóns (8%) respecto dos de 2010”. A isto engadiu que se os orzamentos tiveran medrado na mesma proporción que o IPC, e tomando como referencia os de 2009, últimos do anterior goberno da Xunta, terían que verse incrementados agora en 425 millóns de euros, un 16,4% máis que os previstos.

Para a CIG-Ensino é especialmente grave a distancia que hai entre o montante total e o 7% do PIB, que sería necesario para un bo funcionamento do sistema educativo. “Continuamos estando nun punto por debaixo da media que dedican os países do noso entorno. O gasto educativo galego non chega sequera ao 5% do PIB, malia as carencias que se veñen acumulando ano tras ano e que agora se agrandarán aínda máis”. Louzao denunciou que estes recortes aplicados polo PP ao ensino público, coa xustificación da crise, teñen como obxectivo “restrinxir o acceso á educación das clases populares,a educar para a perpetuación do actual sistema e desviar inxentes cantidades de diñeiro público a subvencionar modelos educativos que partillan a súa ideoloxía”, co fin último de “desmantelar, por diferentes vías, todo o que fomos conquistando como dereito para todas e todos”.

Ensino privado

O secretario nacional de CIG-Ensino fixo especial fincapé no ensino privado, ao que se destina, para o ano 2012 o 12,8% do total do orzamento, 247.497.720 €, dos que case 53,5 millóns se dirixen ao ensino non obrigatorio (preto de 40 millóns para a Educación Infantil e preto de 14 millóns para a FP), cando, dixo, “miles de alumnos non teñen praza na Formación profesional ou non poden cursar o ciclo formativo que desexan”. Para Louzao non hai dúbida, “estas cantidades inxentes de diñeiro encamíñanse cara a privatización do ensino mediante concertos educativos en centros que dependen, maioritariamente, das institucións relixiosas que, as máis das veces, se dotan de proxectos educativos antigalegos, confesionais e reaccionarios”. 

A este respecto, subliñou que son numerosos os centros concertados que incumpren a lei, cobran indebidamente cantidades por diferentes conceptos, ao mesmo tempo que seleccionan ao alumnado, “sen esquecernos de que a consellaría de Educación paga o profesorado e subvenciona unidades concertadas e, porén, non ten ningunha participación na contratación e selección do profesorado destes centros”.

Anxo Louzao tamén denunciou as carencias canto a igualdade de oportunidades, acrecentadas polo feito de que as actividades extraescolares non son gratuítas e que non se destina a estas nin un euro dos orzamentos de 2012. “Só as familias que poden facer fronte aos gastos das actividades extraescolares e aos derivados da ampliación da formación en diferentes disciplinas teñen máis posibilidades para que os seus fillos e fillas complementen, reforcen ou amplíen a súa formación, abrindo unha fenda respecto daqueles sectores que por falta de recursos ou debido ao seu lugar de residencia, se ven imposibilitados a proporcionarlles aos seus fillos/as o acceso a esta formación”, afirmou.

Recorte do profesorado

A diminución dos orzamentos destinados ao Capítulo I, en máis de 23 millóns € supón, segundo a CIG-Ensino, unha redución de 587 profesores/as, aos que habería que engadir os máis de 1.000 que se suprimiron este curso e o pasado. A aplicación dunha taxa de reposición de efectivos do 10% implicará ademais, que de cada 100 vacantes que se produzan só se poderán cubrir 10 o que implicará que a oferta de emprego público sexa irrelevante ou inexistente. “Menos profesorado e o alumnado peor atendido, deterioro e menos calidade do ensino”, asegurou Louzao. A esta situación engadiu os recortes salariais que vén padecendo o profesorado, que verá diminuído o seu salario nun 15%, se se suma ao recorte salarial decretado a suba do IPC durante este tempo.

Normalización lingüística

A este respecto, o secretario nacional de CIG-Ensino denunciou con contundencia que se estea a destinar o diñeiro de todos os galegos e galegas a combater a normalización lingüística e procurar a erradicación do noso idioma. “A obsesión e odio en contra de todo o que nos fai galegos é proporcional a todo o ronsel de promoción e apoio ao inglés co obxectivo claro de infravalorar o noso e incrementar o seu desprestixio”. 

Foi neste contexto no que incluíu a pretensión de liquidar o programa de Preescolar na Casa e despedir a 42 traballadores/as, “polo único motivo de ser un modelo educativo plenamente en galego” e a que cualificou como “desoladora” e “cativa” presenza do noso idioma como lingua vehicular en todos os niveis educativos, mesmo prohibindo o seu uso para certas materias.

Esta política de recorte plásmase, segundo Louzao en que o programa de fomento da lingua galega decrece nos orzamentos para 2012 un 10,05% respecto de 2011, cando xa sufrira unha redución do 36,66%, “perpetuando”, dixo, “o camiño iniciado nos orzamentos de 2010, nos que se recortou o apoio ao noso idioma nun 20%”, sumando así, un recorte total do 67% nos tres últimos exercicios orzamentarios. Isto, alertou, “malia o avance galopante da substitución lingüística, da súa marxinación e da perda de galego falantes”.

O secretario nacional de CIG-Ensino fixo tamén un percorrido polos recortes que estes orzamentos contemplan nas partidas destinadas aos centros para reparacións, mantemento e conservación, material e subministros ou gastos de funcionamento, para concluír que estes orzamentos van en contra da consecución dunha educación de equidade, dun ensino que eduque para a igualdade, que universalice os servizos complementarios e as actividades extraescolares ou que amplíe o profesorado e dote os centros de profesionais cualificados. O contrario xusto que defende a CIG-Ensino, que parte de que “en época de crise cómpre reforzar e ampliar a eduacción pública, única maneira de evitar que a escola afonde, aínda máis, na desigualdade social”.

Volver