CIG-Ensino denuncia que o 80% do profesorado de infantil e o 60% de primaria non puido secundar a folga
Despois de que o TSXG desestimara a suspensión cautelar dos servizos “máximos” abusivos impostos pola Consellaría moitas mestras viron vulnerado o seu dereito á folga que si exerceron maioritariamente as familias
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, amosou a súa indignación esta mañá na concentración de Compostela coa actitude de boicot da Consellaría e volveu incidir na discriminación entre as distintas etapas educativas e no paso atrás anunciado onte por Román Rodríguez de autorizar a semipresencialidade ou a colocación de mamparas nas aulas de secundaria, bacharelato e FP para non contratar máis reforzos.
“A Consellaría de Educación intentou vulnerar o dereito a folga do profesorado e do persoal non docente cuns servizos mínimos inauditos no ensino público e que foron refrendados nun auto do alto tribunal galego redactado por alguén que se expresa nos mesmos termos que un tertuliano da caverna mediática pero fronte a esta estratexia está a dignidade docente”. Así se expresaba Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, esta mañá na concentración en Compostela despois de constatar centro a centro como boa parte do profesorado que quería secundar a folga non puido facelo, en concreto, segundo datos do sindicato maioritario no ensino público galego un 80% das mestras de infantil e arredor dun 60% de primaria.
A Consellaría quixo dar sensación de normalidade neste inicio de curso pero tanto os equipos directivos como o persoal docente levan dúas semanas intentando adaptar a contrarreloxo un protocolo "infame" que ademais xenera grandes diferenzas entre as distintas etapas educativas. Suso Bermello lembrou que desde o 22 de xuño, que foi cando acordaron co Ministerio un documento común no que se establecían ratios máximas de 15 alumnas en infantil e de 20 no resto de etapas, a Consellaría non moveu un dedo por adaptarse a esta circunstancia nin á distancia de metro e medio de seguridade que establecían todas as autoridades sanitarias. “Isto demostra que non houbo vontade política e agora cando din que é tarde tamén menten, porque nunca é tarde para rectificar e mellorar as condicións de seguridade nos centros educativos. É máis, desde onte incluso se dá un paso atrás no que parecía que estaba consolidado, que era autorizar desdobres nas etapas de secundaria, bacharelato e FP alí onde non se puidera gardar a distancia mínima de seguridade”, apuntou.
Tal e como avanzou o propio conselleiro Román Rodríguez no Consello Escolar de Galiza o seu departamento vai elaborar un Plan de continxencia para o ensino semipresencial e a educación a distancia no caso de que non se poida cumprir esa distancia mínima ou que sexa necesario gardar corentena nun grupo. Así mesmo, reduce a distancia a un metro naqueles centros nos que se poidan colocar mamparas entre os postos ocupados polo alumnado. “Isto é un retroceso auténtico con respecto ao que parecía que a Consellaría xa tiña asumido. Con todo é absolutamente rexeitábel que existan centros nos que se autoricen desdobres e outros non por non ter buscado solucións de espazos desde finais de xuño”.
Por último, Bermello tamén apuntou que está habendo incidencias nalgún centro" froito precisamente da intención da Consellaría de darlle normalidade a algo que é extraordinariamente anormal" e referiuse ao caso do centro de Meis no que o equipo directivo está en corentena desde a semana pasada e hoxe tivo que abrir as súas portas sen ter rematados os traballos de adaptación nin ter feito os horarios e ao que as familias decidiron non enviar o alumnado.