CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación reduce ao mínimo a estrutura de formación do profesorado
A falta de criterios obxectivos para seleccionar ás asesoras e asesores fai prever que poidan estar seleccionados de antemán
Na mesa sectorial do ensino realizada hoxe, tratouse o proxecto de orde pola que se convoca concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras dos centros de formación e recursos e de persoas asesoras do Servizo de Formación do Profesorado, do Centro Autonómico de Formación e Innovación e dos centros de formación e recursos.
A Consellaría reafirmouse na súa concepción centralista, piramidal e antidemocrática da formación do profesorado eliminando toda participación do mesmo. Chegando a pór como paradigma, á hora de seleccionar o persoal, o mundo da empresa privada para aplicar nun servizo público como o ensino.
A Consellaría fixo gala do seu habitual talante antinegociador, non aceptando ningunha achega importante. Así:
- Reafirmouse na supresión do Centro de Formación e Recursos de Profesorado (CFR) de Santiago, no cal a día de hoxe realizan a súa función 14 asesoras e asesores.
 - Suprime un 35% das prazas que están creadas nestes momentos nos 7 CFR e nas 13 extensións que hai nestes momentos en Galiza, é dicir das 95 prazas de asesoras e asesores existentes na actualidade elimina 38 (Ver cadro anexo).
 - Elimina as 13 extensión existentes: Tui, Cangas, Verín, Vilagarcía, Lalín, O Barco, Monforte, Burela, A Póboa, Ortigueira, Cee, Noia e Carballo.
 - Liquida as asesorías de educación en valores, bibliotecas escolares, lingua galega, integración e orientación
 - Crea perfís de area que son caixóns de xastre. A modo de exemplo, a área científico-técnica e social aglutina materias como matemáticas, bioloxía, xeoloxía, física, química, debuxo, tecnoloxía, latín, grego, xeografía, historia, filosfía e economía. Igual ocorre coas ensinazas artísticas e deportivas que recollen na mesma área educación física, plástica e música.
 - Crea un único ámbito de formación para todas as linguas que baixo o nome de plurilingüismo engloba sen distinción as linguas estranxeiras, como o inglés ou o francés, xunto coa nosa lingua e o castelán. Amosase unha vez máis o desprezo pola nosa lingua xa que, até o de agora tiña un ámbitos diferenciado.
 
A Consellaría negouse tamén a que as futuras asesoras e asesores de formación do profesorado teñan competencia no noso idioma, a non estar disposta a esixirllo como requisito.
E totalmente inadmisíbel que se propoña un baremo no que se contemple unha entrevista que vai ser o elemento fulcral para seleccionar ao profesorado asesor. Outórgaselle un valor de 6 puntos, o que supón un 25% do total do baremo. Esta puntuación conxuntamente coa falta de obxectividade na delimitación dos perfís facilita que a subxectividade sexa un elemento importante para que a consellaría conceda estas prazas.
Esta nova estrutura da formación do profesorado constata a desconsideración da Consellaría co profesorado. A formación é un alicerce fundamental para a actualización, renovación e innovación da práctica docente, que sen lugar a dúbidas reverte positivamente na calidade do ensino.
Esta modificación a máis de significar un retroceso na formación como un dereito e un deber do profesorado vén a supor unha desvalorarización máis do labor docente que se pretende enmascarar con leis que demagoxicamente falan da autoridade do profesorado.
Asesores dos Centros de Formación e Recursos  | |||||||
  | A Coruña  | Ferrol  | Santiago  | Lugo  | Ourense  | Pontevedra  | Vigo  | 
2006  | 16  | 10  | 14  | 14  | 13  | 12  | 16  | 
2011  | 11  | 5  | 0  | 10  | 10  | 10  | 11  | 
Perda Asesores: 38  | 5  | 5  | 14  | 4  | 3  | 2  | 5  | 

