CIG-Ensino denuncia improvisación e carga burocrática innecesaria e impropia na solicitude de datos aos comedores escolares

O sindicato considera un despropósito o cambio de criterios en apenas tres días, a solicitude de datos e valoracións nutricionais a persoal que non ten encomendadas esas funcións e uns prazos que dificultan a xestión dos centros

As xefaturas territoriais da Consellaría de Educación remitiron nestes últimos días varios correos electrónicos a todos os centros docentes con comedor escolar propio dependente da Consellaría de Educación así como a aqueles con comedores xestionados por ANPAS.

 

Nun primeiro correo pedíase que se remitise información con control documental de todos os menús de comedores escolares, cafetarías e máquinas expendedoras dos centros educativos, para a participación nun programa de control da cadea alimentaria promovido polo Ministerio de Sanidade. Dábase un prazo de tan só 3 días para enviar esa información.

Posteriormente mudaron esas instrucións, cunha solicitude de información moio máis prolixa e introducindo valoracións nutricionais que exceden por completo as funcións que o persoal docente responsábel de comedor ou o propio persoal de cociña teñen asignadas.

Esta segunda solicitude, que desbota o traballo daqueles centros que xa a remitiran, non só implica esa asignación de responsabilidades que non lle son propias ás diferentes persoas responsábeis senón que se volve indicar un prazo (neste caso o día 25 deste mes de maio) que implica unha sobrecarga de traballo que non se pode consentir.

A Consellaría de Educación non só non move un dedo para reducir a abafante burocracia que impón nos centros educativos senón que acepta un incremento dunha maior carga burocrática sen control do que se pide nin do que implican os prazos sinalados.

Tendo en conta todo o anterior, a CIG-Ensino solicita:
 
  • A revisión das instrucións enviadas e que tanto a asignación de funcións como a temporalización dos traballos solicitados estean baixo o control da Consellaría de Educación, con independencia da necesaria coordinación desta con Sanidade.
  • A delimitación de funcións que lle son propias ao diferente persoal encargado de comedor e de cociña, evitando que teñan que facerse cargo de cometidos como as valoracións nutricionais que competen a persoal coa necesaria formación, como poden ser nutricionistas.
  • Logo da necesaria rectificación e delimitación de funcións, ampliación dos prazos para poder facer efectiva a entrega da información que proceda sen que incida negativamente na actividade normal dos centros.
  • Que toda a documentación que remita a administración galega estea en galego. O documento denominado “Programa 16_Evaluacion nutricional menús escolares”, con logotipo da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade está integramente redactado en castelán.

 

Volver