CIG-Ensino denuncia criterios contraditorios e irregulares no tratamento dos centros de secundaria

Esiximos unha corrección inmediata das instrucións da Consellaría para garantir a presencialidade e o metro e medio de distancia en todos os centros nos que sexa posíbel e así o teñan demandado

Tras un seguimento feito polo sindicato ao longo das últimas horas da tarde de onte e nas primeiras desta mañá detectamos unha actuación da inspección educativa totalmente contraditoria á hora de autorizar as peticións por parte dos centros de profesorado de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos para a realización de desdobres.

Por un lado, existen moi poucos casos nos que lles foi comunicado formalmente a través da inspección que se aceptaban todas as peticións feitas para os desdobres de aulas, seguindo os criterios do protocolo publicado o 31 de agosto que, como demandamos no seu momento, fala de garantir o metro e medio de distancia entre o centro das cadeiras do alumnado ou senón de autorizar a división do grupo.

Porén, na maioría dos centros están recibindo respostas negativas ás peticións feitas, total ou parcialmente, con restrición do número de docentes pedidos e coa obriga de optar pola semipresencialidade ou polo uso de anteparos, nalgúns casos cando o centro non o tiña solicitado especificamente e conta con espazos para poder garantir a presencialidade. De momento a información coa que contamos é que a semipresencialidade se levaría a cabo en bacharelato e ciclos de FP.

Así mesmo, nalgúns centros comunícanos que o anteparo ou mampara é un recurso ao que se verían obrigados por orde de inspección cando esta medida supón unha falsa seguridade e que implica graves problemas de xestión polo aumento de superficies a limpar en espazos normalmente mal ventilados e xa de por si coa mobilidade moi reducida entre mesas e cadeiras.

Reiteramos a denuncia do trato discriminatorio entre centros e entre etapas educativas e esiximos unha corrección inmediata das instrucións que se están dando desde a Consellaría para garantir un mesmo criterio para todos os centros, no que prime a presencialidade e o metro e medio de distanciamento físico como mínimo e que se apliquen estas medidas tamén en infantil, primaria, educación especial e ensinanzas de réxime especial.

Información complementaria.

Segundo puido contrastar a CIG-Ensino nesta mañá, en contacto directo coa maior parte dos centros que nos tiñan trasladado os seus problemas para se adaptar aos desdobre necesarios, hai nestes momentos moitos que xa contan con verse na obriga de usar mamparas ou anteparos así como a impartir docencia semipresencial

Centros que terían que usar anteparos: 

IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Fernando Wirtz (A Coruña), IES Monte das Moas (A Coruña), IES Blanco Amor (Culleredo), IES Valle Inclán (Pontevedra), IES Fernando Blanco (Cee), IES Monte Neme (Carballo), IES Alfredo Brañas (Carballo), IES Parga Pondal (Carballo), CIFP Ferrolterra (Ferrol), CIFP Rodolfo ha Piñeiro (Ferrol), IES Canido (Ferrol), IES Sofía Casanova (Ferrol), IES Maximino Romero (Zas)

Hai centros que usarán anteparos en aulas ordinarias e outros que os usarán en aulas específicas (informática, talleres). 

O uso de anteparos prevese en todos os conservatorios. 

Centros que van ter que recorrer á semipresencialidade:

IES Monelos (A Coruña), IES Monte Neme (Carballo), IES Valle Inclán, (Pontevedra), IES A Xunqueira I,(Pontevedra),  IES Luís Seoane (Pontevedra), IES Montecelo (Pontevedra), IES Sánchez Cantón (Pontevedra), CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), IES Leixa (Ferrol), IES 12 de Outubro (Ourense) IES Vilamarín (Ourense) EASD Antonio Faílde (Ourense), IES Carlos Casares (Vigo), IES Castelao (Vigo), IES Alexandre Bóveda (Vigo), IES Laxeiro (Lalín), IES Nº1 (Ribeira).

Hai numerosos centros que nos trasladan que co profesorado asignado non poderán facer os desdobres que tiñan programados mais que no momento de proporcionarnos a información non teñen aínda claro se van ter que verse na obriga da semipresencialidade ou do uso de mamparas.

Volver