
CIG-Ensino denuncia a posíbel participación nas Comisións da PAU de docentes do ensino privado
O sindicato demanda da Consellaría que só permita a participación do profesorado do ensino público e lamenta que o Ministerio non solucionase este tema no Real Decreto
A CIUG vén de remitir ao profesorado que imparte docencia no Bacharelato un correo electrónico para que soliciten a participación nas Comisións Delegadas e de Avaliación para a PAU, indicando que, como novidade, este curso tamén poderá solicitar formar parte delas o profesorado do ensino privado.
Esta decisión ten como fundamentación o novo Real Decreto que regula as probas de acceso á universidade regula esas Comisións, no que se indica que “estarán integrada por representantes das universidades públicas, da administración educativa e do profesorado de Bacharelato de centros públicos, así como doutras persoas expertas, de acordo cos normas que estabelezan as administracións educativas”.
O Goberno estatal, nunha resposta parlamentaria a VOX, na que a organización de extrema dereita solicitaba a participación de docentes de centros privados na PAU, indicou que ese profesorado “poderá formar parte das Comisións” xa que o Real Decreto non o impide, ao entender que a expresión “persoas expertas” pode incluír este colectivo.
A CIG-Ensino denuncia que se abra a porta destas Comisións a docentes de empresas privadas, ao entender que se rompe un principio básico e fundamental: só deben preparar as probas e avalialas docentes que teñan condición de funcionariado público. Non esquezamos dúas cuestións: que o acceso é para universidades públicas e que o papel que xogan as empresas privadas no resultado da PAU xa é elevado (o 60% das nota final depende dunha avaliación sen control público).
O propio Real Decreto deixa nas mans das administracións educativas as normas para regular a incorporación, ou non, de persoas expertas. A resposta parlamentaria do Goberno, que desde a CIG-Ensino lamentamos profundamente, é unha mera opinión que non ten validez legal algunha. O sindicato considera un erro que se dea entrada a persoas que teñen unha dependencia laboral con empresas privadas e non cunha administración pública, e máxime que se faga sen contar cunha regulación propia.
A CIG-Ensino demanda da Consellaría de Educación, de acordo coas universidades públicas galegas, que regule a composición destas Comisións, limitando a participación exclusivamente a docentes do ensino público e deixando a posíbel participación de persoas expertas só con carácter excepcional e por insuficiencia de docentes de Bacharelato a outro persoal docente con condición de funcionariado público, como o universitario.