CIG-Ensino denuncia a falta de transparencia na xestión e comunicación de contaxios e peches de aulas ou centros pola Covid-19

O sindicato reclama que os criterios de Sanidade cando se rexistran positivos sexan claros e únicos e que os datos de aulas e centros afectados sexan públicos e non se limiten á información que se lle proporciona aos medios de comunicación.

As decisións que se están a tomar desde o ámbito sanitario e da administración educativa están a provocar dúbidas e confusión nalgúns dos centros educativos afectados. Neste momento o que non se pode provocar entre a comunidade educativa é a falta de confianza nas decisións que se adopten e a posta en cuestión das medidas que como autoridades toman. Mais para que esa autoridade se respecte debe existir transparencia, rigor e coherencia nas decisións que se adopten. Con tan só poucos días desde o inicio da actividade lectiva nos centros de infantil e primaria a CIG-Ensino está a recibir queixas e consultas sobre actuacións que, a primeira vista, parecen contraditorias e que, cando menos, deberían ser correctamente informadas.

Así, decretouse o peche dun centro educativo polo contaxio de varios docentes cando noutro centro un caso positivo dunha docente non implicou ningunha decisión de corentena para o resto ou parte do claustro e nin tan sequera se lles fixo unha PCR. Tense decretado a corentena de toda unha aula e da titora por un alumno contaxiado nun centro cando noutro si se mantén na casa ao alumando, mais non á titora e mesmo hai casos nos que nin alumnado nin docente da mesma aula teñen que gardar corentena. Hai tamén casos de profesorado especialista que estivo en contacto con alumnado contaxiado a quen non se lle indica que garde corentena, mesmo formando parte dun grupo de risco, e nalgúns centros o profesorado ten coñecemento pola prensa de que no seu centro houbo un contaxio. 

Como CIG-Ensino demandamos da Consellaría que tome medidas canto antes para que o tratamento da información e a xestión das decisións a adoptar por contaxios no provoque inseguridade entre o profesorado. Estamos no comezo do curso e están a tempo de remedialo. O que non deben facer é optar pola inercia e o deixar pasar os días. Para o sindicato é especialmente preocupante a situación do profesorado que forma parte dalgún grupo de risco, sobre todo en centros con alumnado positivo. 

Despois da pésima xestión do comezo de curso, con bandazos, contradicións e decisións arbitrarias, o que non nos podemos permitir como sociedade é unha xestión por parte de Educación e Sanidade que provoque a desconfianza e a falta de credibilidade. Apelamos a unha completa transparencia no tratamento dos casos en todos os centros e a protexer ao persoal en risco, que a día de hoxe é potencialmente o que máis problemas pode ter, tendo en conta as informacións sobre contaxios entre nenos e nenas. 

A transparencia na información pasa pola súa xestión directa: a páxina web debe recoller a información diaria sobre contaxios 

De martes a sábado e mediante un comunicado de prensa aos medios: así proporciona a Xunta os datos coas incidencias pola Covid-19 nos centros educativos, con datos puntuais de todos os centros afectados por áreas sanitarias e con indicación do total de casos positivos, as aulas e os centros pechados. Para a CIG-Ensino unha administración pública non se pode quedar nesta información directa aos medios, contra a que non temos nada que alegar, mais que despois libremente decidirán se informan e como informan. 

Para a CIG-Ensino os datos deben facerse públicos diariamente na web da Consellaría coa periodicidade coa que se comezou a enviar a información aos medios de comunicación. 

No documento axunto está a relación de centros que a Consellaría lle proporcionou aos medios no día de onte, 23 de setembro.

Volver