
CIG-Ensino demanda a negociación dun protocolo de protección de datos para mulleres vítimas de violencia machista
A CIG Ensino solicita un protocolo de actuación para a protección de datos das traballadoras e aspirantes vítimas de violencia de xénero
A CIG Ensino presentou un escrito para que se arbitre un protocolo de actuación para dar resposta á protección dos datos persoais das traballadoras e aspirantes vítimas de violencia de xénero, e se difunda para coñecemento público.
O uso de datos de carácter persoal, xunto ao das tecnoloxías da información e comunicación como as que se desenvolven en Internet, pode dar lugar á comisión de diversos delitos sen chegar a ser conscientes da gravidade destes. Moitas destas condutas delitivas teñen no emprego de información de carácter persoal, sen cumprir a normativa de protección de datos, un dos seus elementos sen o cal non se terían producido.
A CIG-Ensino é consciente de que a Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal non incluíu entre os datos especialmente protexidos aqueles relacionados coas mulleres vítimas de violencia, o cal outorgaríalles o status dun maior nivel de protección a este tipo de datos persoais. Porén, o Regulamento 1720/2007 que desenvolve a LOPD inclúe unha importante mención que na práctica supón que os datos relacionados coa violencia de xénero adquiran este nivel de protección: outorgar a este tipo de datos a obriga de ser protexidos con medidas de seguridade de nivel alto.
A CIG-Ensino, unha vez detectado a reiteración dalgún erro por parte da Consellaría na debida protección destes datos, que foron emendados en canto o sindicato o puxo en coñecemento da administración, considera que se debe dar un paso adiante na protección da identidade de compañeiras vítimas deste tipo de violencia. Pretendemos, por tanto, garantir o dereito á protección de datos como garantía da indemnidade das vítimas deste tipo de delitos como é o caso da violencia de xénero, ou sexa, a garantía do seu dereito á vida e a integridade física, á súa estabilidade persoal e emocional, e a protección da intimidade familiar, xa que a protección de datos proxéctase tamén sobre o entorno familiar inmediato, incluíndo aos fillos e fillas, espazos como o lugar de traballo ou de ocio no que desenvolven a súa vida. Porque entendemos a protección de datos como garantía de non revelación, de protección da súa identidade e de calquera dato, como o do lugar de traballo que poida poñer en risco a súa vida.
A publicación de datos sensíbeis como nome e apelidos, documentos de identidade, centro adscrito, etc. sexa na listaxe de persoas admitidas en procesos selectivos, concursos de traslados, listas de substitución, comisións de saúde, nomeamento de tribunais, etc. está a crear problemas de inseguridade, tensión e ansiedade para aquelas mulleres vítimas de violencia machista, ante o medo de que o seu agresor ou agresores, ou persoas do seu entorno, poidan acceder a datos persoais e chegar a localizalas.
A Axencia Española de protección de datos, recomenda “non compartir demasiada información persoal en Internet, en particular nas redes sociais, evitando dar información persoal e comprometida sobre a identidade dixital” como unha das medidas para evitar accións de control ás mulleres, conscientes de que as persoas que exercen violencia de xénero, fan pesquisas para saber onde viven, onde traballan, con quen se relacionan.
Cando os datos persoais son difundidos por parte da propia administración, estase a vulnerar a protección das vítimas, expoñéndoas a que tanto os seus agresores directamente, como a través doutras persoas, mediante unha simple busca por internet, poida facer un seguimento delas coa intención de amedrentalas, e/ou para poder estabelecer contacto e recabar información.
Estas condutas son actos de violencia machista e constitutivas de acoso, e por tanto a Xunta de Galiza debe habilitar os mecanismos que sexan necesarios para garantir a protección das mulleres.
Con ese fin, a CIG-Ensino propón a adopción dun protocolo que contemple que:
- Toda muller que comunique a súa acreditación de vítima de violencia de xénero poderá solicitar non ser incluída nunha listaxe pública, ou de ser o caso a retirada dos seus datos persoais destas.
- A Consellaría de Educación proceda á eliminación de todos os datos relativos a quen cumpra os requisitos fixados no apartado anterior de calquera listaxe pública, de xeito que só figuren no expediente de persoal, e no caso de que algunha outra persoa que pola súa condición de interesada (en calquera procedemento relacionado coa exposición pública) precise acceder á información, deberá facelo por escrito, e acreditar en que condición o solicita, correspondéndolle á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos informar só daqueles aspectos que teñan relación á súa consulta (posición na listaxe, puntos, etc.) de xeito anónimo, omitindo en todo caso a información persoal da vítima.
- Deste protocolo se daría traslado ao persoal docente da Consellaría e aspirantes a procesos selectivos, de xeito que toda persoa que poida atoparse nesta situación teña acceso á información para garantir a súa protección.
Consulta o escrito presentado. Ligazón
Novas relacionadas