CIG-Ensino cualifica como totalmente insuficientes as melloras introducidas na coordinación de benestar e convivencia
A Consellaría aceptou parcialmente a proposta da CIG-Ensino de reducir horario lectivo mais vinculada ás necesidades do centro e sen contraprestación económica
A publicación no DOG do pasado 31 de agosto da orde que regula a figura de persoa coordinadora de benestar e convivencia nos centros docentes galegos incorporou unha mellora ao respecto do borrador da orde que foi debatido na Mesa Sectorial do pasado 13 de xuño no que respecta á redución horaria para facer fronte á importante carga de traballo desta figura.
Así, no texto final elimínase o punto 2 do artigo 2, relacionado coa asignación de sesións complementarias fixas, e incorpórase unha disposición adicional única, incluíndo a posibilidade de dúas sesións lectivas, ademais das complementarias fixas que xa estaban.
O cambio, que implica unha rectificación importante sobre a posición de partida da Consellaría, que defendeu na Mesa Sectorial que non era necesaria a redución de horario lectivo, debe ser valorado como positivo dada a posición de partida mais, desde o punto da vista do que defende a CIG-Ensino, tamén como claramente insuficiente.
O sindicato defendeu na negociación do texto unha redución de tres horas lectivas que, obviamente, non poden estar supeditadas ás necesidades do centro, senón que como defendemos para calquera redución horaria por cargos de coordinación didáctica ou dinamización deben ser contemplada para a dotación de todo o profesorado necesario no centro.
Con todo, desde o sindicato seguimos entendendo que as funcións agora aprobadas para a figura de coordinación de benestar e convivencia son excesivas e incorren en duplicidades con funcións que neste momento tamén ten asignadas outro profesorado, como é o caso de: coordinar o plan de convivencia e outras funcións que son agora mesmo dos departamentos de Orientación, que no protocolo de risco suicida as figuras de referencia sexan arestora as titoras e titores, orientadores e dirección ou que no protocolo de protección de datos se afirme que ten que existir unha persoa responsábel en cada centro e nesta orde se incorpora tamén unha responsabilidade relacionada coa protección de datos para a coordinadora de benestar. Urxe, por tanto, que a Consellaría revise estas duplicidades e dea instrucións claras ao respecto.
A Consellaría segue negando o recoñecemento de diversas funcións e coordinacións que a CIG-Ensino demanda
A administración negouse a aproveitar a tramitación desta orde para recoñecer, por fin, algunhas funcións docentes que desde o sindicato maioritario vimos demandando que reciban un trato igual ao que teñen outras coordinacións e xefaturas. Así, a CIG-Ensino denuncia a falta de vontade da Consellaría para incorporar o recoñecemento a todos os efectos (redución de horario lectivo e pago de complemento) as seguintes funcións:
- Coordinacións que se prestan nos centros e que non figuran nos ROC: coordinación de Igualdade ou de programas internacionais en IES, entre outros.
- Xefatura de departamentos dunha 2º lingua estranxeira diferente do Francés (Portugués, Alemán, Italiano)
- Xefatura de departamentos dos ámbitos comúns na FP Básica nos CIFP.
- Xefatura de departamento de ciclos de FP en Centros de Educación Especial.
- Responsábeis de centros de menos de tres unidades.
O sindicato considera igualmente que se deben revisar todas aquelas tarefas de dinamización que se prestan nos centros e que, en moitas ocasións, non teñen ningún tipo de redución horaria ou esta é claramente insuficiente, asegurando na normativa que as regula, que a redución debe ser obrigatoria e non quedar supeditada á dotación de profesorado do centro: ao contrario, os cadros de persoal deben ter en conta todas as necesidades estruturais de cargos docentes e figuras de coordinación, do mesmo xeito que se teñen en conta as horas necesarias para impartir docencia.