CIG-Ensino anima aos centros a seguir denunciando os recortes de profesorado e desdobres

O sindicato maioritario no ensino público insta ás equipas directivas e profesorado en xeral así como ao conxunto da comunidade educativa, a seguir denunciando e non cesar nas reclamacións contra a desfeita que se está provocando dende a Administración

O produto das mobilizacións e reclamacións, que anima a CIG-Ensino, contra a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade está logrando as primeiras rectificacións do departamento dirixido por Román Rodríguez. Comezan a permitir que o alumnado da ESO e do Bacharelato poida cursar materias en aulas onde queda ao final unha matrícula de menos de 5 alumnos  e alumnas, como o CPI San Sadurniño, o IES María Soliño e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso.

Esta excepcionalidade xa se daba en cursos anteriores nos centros onde había docentes con dispoñibilidade horaria, polo tanto non se trataba de novas contratacións. De non continuar a rectificación en todos os centros afectados tratase dun ataque frontal á calidade educativa, especialmente no medio rural, aínda que esta situación tamén se dá en centros das cidades como o IES Lucus Augusti de Lugo, entre outros. “A non rectificación provocaba unha clara discriminación para o alumnado deses centros que se vía obrigado a coller outras materias nas que non ten interese ou a se matricular das da súa modalidade a distancia, mais o que non pode admitirse é que a rectificación non sexa completa: debe estenderse a todos os centros en idénticas situacións”, recorda Bermello, que pon o acento en que seguen chegando ao sindicato novas denuncias como a negativa a que se imparta Latín no IES Gregorio Fernández de Sarria, malia dispoñer o docente de horas para facelo.

As mobilizacións sempre dan o seu froito

Suso Bermello recorda que no curso académico 2020/21, “ o produto da mobilización contra a Administración que mellor resultado tivo foi a de secundaria porque se conseguiu duplicar a contratación de docentes para afrontar a COVID. Pretendía contratar pouco máis de 500 docentes e acabou recoñecendo que contratou 1350 docentes, que foi produto da mobilización social de pais, profesorado e equipas directivas. Hoxe hai un mínimo de 584 docentes menos contratados, unha cifra á que hai que engadir moitas xubilacións que non se cubriron ao se amortizaren”. O sindicato insiste en que as mobilizacións e reclamacións son a nosa ferramenta para lograr que a Consellaría de Educación rectifique, por iso animamos a seguir con elas e a poñerse en contacto coa CIG-Ensino para loitar polo dereito a educación de calidade.

Ante os recortes denunciar e reclamar

Os recortes están sendo especialmente agresivos no rural, “ con peche de aulas aproveitando a baixada de matrícula deixando de aproveitar unha magnífica ocasión para ter unhas mellores ratios”, incidiu Suso Bermello.

A secretario nacional da CIG-Ensino advirte, “Non imos calar, imos seguir denunciando, instando a todas as ANPAS, equipas directivas, a todo o profesorado en xeral a que non cesen de denunciar  cada unha das agresións que se producen. É certo que é moi difícil loitar “por parroquias”, con datos centro a centro e que, evidentemente o noso traballo dende o sindicato é intentar recoller todo ese caudal de demandas e de queixas que nos chegan”, e así o seguiremos a facer.

CIG

CIG-Ensino participa e seguirá participando de todas as mobilizacións que a comunidade educativa leve a cabo nas súas reclamacións polos recortes de profesorado e desdobres, polo peche de aulas que se está dando nos centros de educación infantil e primaria, pola falta de atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e pola negativa da Consellaría a dotar con todas as mestras e mestres necesarios os colexios de infantil e primaria.

 

Volver