CIG-Ensino analiza o inicio do curso 2010-2011 que comeza cun recorte de profesorado e o mantemento da actitude antidialogante da Consellaría

Valoración de comezo de curso

A CIG-Ensino non permitirá que haxa ningún expediente contra o profesorado que dea as súas aulas en galego cando a situación predominante será que a maioría dos centros non cheguen ao 50% de impartición en lingua galega.

 CIG-Ensino analiza o inicio do curso 2010-2011 que comeza cun recorte de profesorado e o mantemento da actitude antidialogante da Consellaría

Rolda de prensa de valoración do comezo do curso

A CIG-Ensino non permitirá que haxa ningún expediente contra o profesorado que dea as súas aulas en galego cando a situación predominante será que a maioría dos centros non cheguen ao 50% de impartición en lingua galega.

A CIG-Ensino compareceu esta mañá en rolda de prensa para valorar o inicio do novo curso escolar 2010-2011, curso que se inicia con diferentes problema se conflitos arrastrados do curso anterior. “Este curso iníciase con menos profesorado nos centros, necesidades educativas sen atender, 19 centros públicos pechados, 79 unidades menos de Infantil e Primaria, máis de 20 ciclos formativos menos e eliminación da Ensinanza de adultos en 50 centros, todo isto mentres a Consellaría outorga 19 novos concertos a outras tantas unidades de centros privados, entre eles ao colexio Aloia de Vigo, que segrega o seu alumnado en función do sexo”, asegurou o Secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao.

Anxo Louzao indicou que se inicia un curso cunha planificación escolar baseada na discriminación, no elitismo, na desigualdade ao servizo de interese reaccionarios, con recortes na dotación do profesorado e na gratuidade do ensino. Nos recortes na gratuidade, o máis evidente é o caso dos libros de texto, moi especialmente o caso dos libros que van ser substituídos antes de rematar a súa vixencia por mor de estar en galego. Ademais, haberá unha redución drástica do profesorado, mentres hai numerosas necesidades educativas sen cubrir, así suprimiranse 108 prazas de profesorado de Infantil e Primaria e poden suprimirse máis de 300 de Secundaria, se non se corrixe a adxudicación provisional de postos de traballo en que quedaron máis de 700 interinos e interinas sen praza, 24 funcionarios en prácticas que aprobaron as oposicións este ano e 122 funcionarios de carreira aos que tampouco se lles asigna destino, das especialidades de Lingua galega, Música, Debuxo, Filosofía, Xeografía e historia, Lingua castelá e Educación física, entre outras.

Iníciase un novo curso cun Conselleiro asentado no autoritarismo e na prepotencia. Un novo curso que se inicia co deterioro das nosas condicións de traballo, unha redución salarial do 5%, a falta de recoñecemento ao dereito a unha revisión médica anual, etc. Este inicio de curso está marcado tamén pola folga xeral do día 29 contra unha reforma laboral en que o profesorado fomos “avanzadilla” do ataque contra as traballadoras e traballadores e vangarda na contestación a estas medidas coa convocatoria dunha xornada de folga.

Este curso estará marcado pola realización das Elección sindicais no Ensino público non universitario, nas que a CIG agarda continuar avanzando como organización sindical maioritaria, que conta neste momento co 40% da representatividade.

Mais, o máis nefasto, o máis negativo é o que ten que ver coa aplicación do Decreto 79/2010 que a CIG xa recorreu no seu día por consideralo ilegal ao ir en contra da normalización da nosa lingua e entrar manifestamente en contradición co marco legal establecido na Lei de Normalización Lingüística ou na Carta Europea das Linguas. Por primeira vez váiselle prohibir ao profesorado dar certas materias en galego, porque esa era a verdadeira intención dese trío formado polo Presidente da Xunta, o Conselleiro de Educación e o Secretario Xeral de Normalización, verdadeiros verdugos do noso idioma, reducir o contacto do alumnado coa nosa lingua mediante este Decreto que marxina o noso idioma no ensino. É un despropósito que se ameace con expedientes cando o denominador común é que os centros non cumpran o 50% de impartición en galego, nomeadamente os centros concertados, ou que na Educación Infantil, especialmente nas cidades, o alumnado no vai ter contacto coa súa lingua propia. Por este motivo a CIG-Ensino non vai consentir que haxa ningún expediente contra o profesorado que dea as súas aulas en galego. O que debe facer o Conselleiro e o Secretario Xeral é velar porque se cumpra ese 50% de impartición en galego que a realidade vai demostrar que é unha falacia, aí é onde ten que pór a énfase.

Anxo Louzao declarou que a CIG-Ensino vai centrar a súa actuación na esixencia de que remate a cruzada contra o galego, para o que terá que ser derrogado o Decreto 79/2010 e volver ao consenso do Plan Xeral de Normalización. Ademais para a CIG-Ensino cómpre adoptar as seguintes medidas como aposta inequívoca polo ensino público:

  • Un plano para combater o fracaso escolar.

  • Elaborar unha Lei galega de Educación.

  • Redución das rateos

  • Dotar os centros con persoal administrativo

  • Retomar a gratuidade dos libros de texto

  • Prazas de comedores e actividades extraescolares en todos os centros

  • Valorar o traballo do profesorado mediante

    • Elaboración dun Estatuto galego do profesorado

    • Dereito á xubilación anticipada indefinidamente

    • Dereito ás revisións médicas

    • Redución horaria para maiores de 55 anos

    • Negociación das retribucións

Todas estas cuestións necesarias para acadar que a educación sexa a prioridade na Galiza, algo absolutamente necesario nestes tempos de crise.

 

Volver