
CIG-Ensino alerta dun recorte nas bolsas de comedores por un cambio normativo no seu cálculo imposto por Educación
A CIG-Ensino faise eco das queixas de profesorado de ciclos formativos e de CIG-Autonómica polo risco de deixar de contar con persoal titulado en cociña
A Consellaría vén de comunicar a todos os centros educativos que contan con comedor escolares de xestión directa un cambio normativo á hora de calcular as contías que reciben para afrontar os custes
Até agora os centros facían un informe cada trimestre, tomando como referencia unha semana. A Consellaría pretende vender o cambio como unha mellora, ao ser supostamente máis fidedigno, evitando “as incidencias" que poidan ocorre nesa semana de referencia. A administración advirte que este cambio está xa activo na aplicación de comedores e que será este sistema o que se seguirá nos vindeiros anos.
Máis burocracia, menos fondos. Queremos un comedor totalmente gratuíto
O novo sistema obrigará á dirección dos centros a unha maior carga burocrática, ao ter que levar ao día o alumnado usuario, día a día e cada día con uso do comedor escolar.
Co novo sistema as alteracións no número de nenos e nenas usuarias provocará, con toda seguridade, segundo lle trasladan á CIG-Ensino varias direccións, unha redución do total dos cartos que a Consellaría transfire aos centros.
A CIG-Ensino denuncia que o sistema é innecesario e inxusto. O sindicato considera que a Consellaría debería financiar o gasto completo dos comedores escolares en función do número total de alumnado usuario rexistrado desde comezo de curso, sen necesidade de revisalo como se propón, especialmente se temos en conta que o que aporta a Xunta é inferior mesmo ao que paga o alumnado que por nivel de renda non ten dereito a comedor gratuíto, malia telo que usar con carácter obrigatorio por ser alumnado transportado.
O comedor escolar debería ser totalmente gratuíto para todo o alumnado. En todo caso, debería selo para aquel que non ten outra alternativa que usalo. A política de pagos do comedor debería ser a mesma que a CIG-Ensino defende para libros e material escolar: totalmente gratuíto sen importar o nivel de renda. Un sistema fiscal verdadeiramente progresivo, no que quen máis ten paga proporcionalmente moito máis quen ten unha rendas máis baixas é o máis xusto e o que menos burocracia implica para quen, neste caso, xestiona o comedor e as contas dun centro educativo.
A FP deféndese con feitos: o persoal de cociña debe ter titulación específica
Docentes da familia de Cociña e Pastelaría de varios CIFP puxéronse en contacto coa CIG-Ensino para trasladar o profundo malestar pola posibilidade de que para acceder a un posto de traballo nun comedor escolar non se requira da titulación específica, tal e como denunciou publicamente a CIG-Autonómica.
Tal e como recolle o comunicado, até o de agora a Xunta esixíalle a titulación de Técnico de Cociña ou Técnico Superior de Restauración ao persoal de cociña, nomeadamente o persoal oficial 2ª de cociña que é o que atende maioritariamente os comedores escolares. Co proceso de funcionarización deste persoal, a Xunta situouno nunha nova escala denominada “Auxiliar de Cociña do Subgrupo C2" na que non se require titulación específica ningunha máis que graduado en ESO. Unha decisión totalmente contraria á relevancia dos estudos de formación profesional que ademais, ten acadado altos niveis de éxito polo importante labor do profesorado nas últimas décadas.
Agardemos que Educación dea resposta á CIG e busque unha solución a un problema creado pola propia administración.