CIG-Ensino alerta da deriva centralista que recolle o Informe 2017 sobre o sistema educativo aprobado no Consello Escolar do Estado

Pola súa banda o Consello Escolar de Galiza só se reunirá unha única vez en todo o 2017

O sindicato conseguiu que algunhas das súas propostas para mellorar o sistema educativo e as condicións de traballo do profesorado fosen aprobadas mais lamenta que outras moitas non contaran co apoio da maioría do Pleno.

Nun Pleno que se celebrou hoxe en Madrid a CIG-Ensino votou en contra do Informe 2017 sometido a debate na sesión plenaria. O Informe constaba dun estudo da situación do sistema educativo no curso 2015-16 e dunha batería de propostas de mellora para lle seren trasladadas ao Goberno. O voto negativo da CIG-Ensino fundamentouse no marcado cariz centralista de boa parte das propostas que se presentaron ademais de facer fincapé en que institucións como o CEE están a xogar un papel residual no debate sobre o futuro marco legal do sistema educativo a nivel do Estado, mentres os supostos traballos da Subcomisión para o Pacto Social e Educativo no Congreso dos Deputados seguen a adormecer o debate social necesario para tirar abaixo a LOMCE.

A CIG-Ensino centrou as súas propostas de mellora nos seguintes puntos básicos:

  • Eliminación das subvencións e os concertos educativos aos centros que segregan alumnado por razón de xénero.
  • Supresión da materia de Relixión do currículo escolar en todas as etapas educativas.
  • Redución das ratios de alumnado por aula en todos os niveis educativos, cun máximo de 15 por aula en Infantil e 20 nos demais niveis e etapas.
  • Restabelecemento dos salarios e pagas extras completas do profesorado coa súa correspondente actualización, que sería como mínimo igual ao IPC.
  • Supresión definitiva da taxa de reposición de efectivos, ofertando as administracións educativas todas as vacantes producidas e necesarias para satisfacer as necesidades e carencias do sistema educativo.

Apoio maioritario a algunhas propostas da CIG-Ensino

Varias das propostas presentadas pola CIG-Ensino contaron co respaldo da maioría do plenario. Así, aprobouse trasladar ao Goberno as seguintes propostas de mellora:

  • Que o Goberno central e os gobernos autonómicos, nos seus respectivos ámbitos competenciais, impulsen medidas para promover a gratuidade total do ensino básico.
  • Ter en conta o alumnado repetidor e con NEAE para reducir as ratios.
  • A eliminación, con carácter permanente, da taxa de reposición na función pública docente.
  • A incorporación á formación permanente do profesorado do ensino público dunha formación básica sobre organización e xestión de centros educativos, co obxectivo de abrir unha formación reservada agora mesmo a quen é membro dun equipo directivo e permitir un maior coñecemento e participación no goberno democrático dos centros.

Rexeitamento a moitas propostas da CIG-Ensino

Porén, outras moitas propostas da CIG-Ensino non contaron co voto favorábel da maioría do Pleno. Así, non prosperaron emendas que facían fincapé en reducir o forte carácter recentralizador de moitas das propostas que, por exemplo, incidían en darlle máis relevancia á Alta Inspección do Estado ou en fortalecer aínda máis o papel do castelán fronte a idiomas como o galego, o catalán ou o éuscaro.

Foron rexeitadas outras propostas da CIG-Ensino centradas en evitar a subordinación das CC.AA. fronte a un centralismo (político, administrativo, empresarial ou sindical) que non respecta nin sequera o mínimo marco competencial actual.

Outra das propostas que obtivo un voto negativo foi o da integración das ensinanzas artísticas superiores na Universidade.

A democratización dos centros educativos, a derrogación da lexislación que permitiu os maiores recortes destas últimas décadas (aumento de horario lectivo, descontos salariais por enfermar, recortes retributivos que supuxeron perder o 23% do noso poder adquisitivo desde o ano 2009…) ou unha aposta clara polo ensino público fronte á crecente privatización foron outros dos temas que centraron as propostas da CIG-Ensino.

Finalmente, e na opinión da CIG-Ensino, o Informe que se aprobou no Consello Escolar do Estado non responde á realidade, enmascara os recortes durante o curso 2015-16 e evita propostas que supoñan realmente un cambio de rumbo na política educativa de desmantelamento do ensino público que o PP vén practicando sen descanso.

A CIG-Ensino lamenta que o presidente do Consello Escolar usase o seu voto de calidade para desfacer dous empates producidos en dúas propostas do sindicato: unha referente en non promover unha reforma dos concertos educativos promovida pola patronal e outra en que pretende que desde o Goberno se usurpasen competencias propias dos consellos escolares autonómicos e municipais, fixando a súas composicións.

O ministro defende un pacto educativo blindado desde o Estado

Méndez de Vigo tivo unha intervención non aberta a debate na cal ofreceu a intencionalidade do Goberno de pechar un acordo sobre un Pacto Educativo que fique blindado de cara ao futuro, baseado nunha maioría “supercualificada no Congreso dos Deputados.

Tendo en conta o actual mapa de representación parlamentar e a deriva centralista das organizacións maioritarias só podemos amosar a nosa preocupación por unha máis que posíbel involución na propia capacidade dos galegos e galegas de contar con instrumentos útiles para deseñar unha educación centrada no país, nas súas carencias e tamén nas súas potencialidades.

Á vista destas declaracións a CIG-Ensino fai un chamado a todas as forzas sindicais, políticas e asociativas do noso país para defender con uñas e dentes o único camiño para conseguir un sistema educativo de futuro en Galiza, que non é outro que impulsar o marco competencial propio e a defensa do ensino público galego e o seu profesorado. O feble marco actual, logo da política destes últimos gobernos do PP, invita a pensar que non se pararán aquí, xa que as políticas do PP responden a un clara intencionalidade recentralizadora, confesional, piramidal na toma de decisións e privatizadora.

 

O Consello Escolar de Galiza fica esquecido

O Consello Escolar de Galiza celebrará na tarde do mércores 20 a súa única xuntanza plenaria en todo o ano 2017, e unicamente para tratar o Proxecto de Decreto que estabelece o currículo de Técnica ou Técnico Superior en Promoción e Igualdade de Xénero, un texto que xa foi debatido na Mesa Sectorial no pasado mes de abril e que se presenta sen novidades, ao non asumir practicamente ningunha das emendas presentadas polas diferentes organizacións e membros que forman parte del.

O papel residual e burocrático no que quedou confinado o Consello Escolar Galego queda unha vez máis en evidencia, limitándose as súas convocatorias a cumprir cos preceptivos informes de normas legais mais sen outorgarlle o papel de foro de debate sobre a situación da educación no noso país.

CIG-Ensino alerta da deriva centralista do Informe 2017 sobre o sistema educativo aprobado no Consello Escolar do Estado

Documento


Volver