CIG-Ensino, A Mesa e a AS-PG denuncian a “pasividade” da Consellaría de Educación ante o incumprimento masivo do decreto do galego
Normalización lingüística
A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ofreceron en Santiago unha conferencia de imprensa conxunta na que máis unha vez lle reclamaron á Consellaría de Educación que faga cumprir o Decreto 124/2007, que regula o uso e a promoción do galego no ensino, ante o “incumprimento masivo” que as tres organizacións veñen denunciando desde o comezo do curso escolar.
As tres organizacións reivindican un plano de formación para o profesorado e un labor de promoción da lei entre a comunidade educativa
CIG-Ensino, A Mesa e a AS-PG denuncian a “pasividade” da Consellaría de Educación ante o incumprimento masivo do decreto do galego
CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ofreceron unha conferencia de imprensa conxunta na que máis unha vez lle reclamaron á Consellaría de Educación que faga cumprir o Decreto 124/2007, que regula o uso e a promoción do galego no ensino, ante o “incumprimento masivo” que as tres organizacións veñen denunciando desde o comezo do curso escolar.
Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino; Carlos Callón, presidente da Mesa; e Xoán Costa, presidente da AS-PG, anunciaron que, a iniciativa da CIG, as tres organizacións se van reunir cos equipos de normalización lingüística dos centros educativos o vindeiro 1 de abril nas sete principais cidades galegas para coñecer as súas reivindicacións e proporlles asinar un modelo de escrito, aberto ás súas propostas, para presentarlle á Consellaría. Esta iniciativa, segundo o secretario nacional de CIG Ensino, Anxo Louzao, está “motivada pola constatación nas tres organizacións da total pasividade de Educación e da inspección educativa para facer cumprir o decreto”.
Neste documento, entre outras medidas, reclámaselle á Consellaría que arbitre as medidas necesarias para avaliar o cumprimento da lei e que se faga un labor de promoción do mesmo entre toda a comunidade educativa e, especialmente, entre o profesorado, unha tarefa, que, segundo as tres organizacións, aínda non se levou a cabo.
Para poder cumprir co mencionado decreto, tamén se demanda un plano de formación para os ensinantes, de xeito específico en cada materia. A creación dunha Dirección ou Subdirección Xeral de Normalización Lingüística dentro da propia Consellaría de Educación, para asesorar, coordinar, promover e impulsar o emprego do noso idioma e apoiar os equipos de normalización é outra das medidas propostas polas tres organizacións.
A CIG-Ensino, A Mesa e a AS-PG consideran que o departamento que dirixe Laura Sánchez Piñón ten que pór ao dispor dos equipos e dos centros todos os recursos e materiais didácticos necesarios en galego para todas as áreas. Así mesmo, demandan que a inspección educativa realice un seguimento da aplicación do decreto, así como o apoio e asesoramento para cantas iniciativas de galeguización e normalización se realicen.
Segundo Xoán Costa, “o máis grave é que teñan que ser entidades privadas as que reclaman que se cumpra a lei, cando a Consellaría ten a responsabilidade de velar polo decreto que eles mesmos promoveron”.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, subliñou a importancia do cumprimento da lei recordando que “un de cada cinco alumnos que rematan a ESO é analfabeto funcional en galego, cando hai que garantir que saian desa etapa coas mesmas competencias en galego e en castelán”. Xoán Costa, pola súa parte, asegurou que “nun colectivo tan amplo como é o do ensino pode haber reticencias a esta nova lei, mais o pouco que se fixo até o de agora foi pola vontade do propio profesorado”, polo que considera que “a responsabilidade é da Consellaría”.
Neste mesmo senso se manifestou Anxo Louzao quen asegurou que “tan só unha minoría do profesorado ten unha postura de insubmisión ante o galego, mais a meirande parte dos incumprimentos veñen de profesores cunha postura máis ben pasiva e da falta de materiais, por iso é preciso que a Consellaría poña mecanismos para que se efectivice o decreto, dándoo a coñecer, explicando o seu significado e a súa aplicación”.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, recordou que catorce entidades e colectivos, entre os que se atopan os sindicatos que representan o 90 por cento do profesorado galego, ademais de asociacións de nais e pais e de estudantes, asinaron un manifesto no que se reclama a aplicación do decreto.
Callón anunciou así mesmo que no mes de maio a asociación que preside vai presentar un informe con todas as queixas de incumprimento chegadas á Mesa, que teñen a súa orixe tanto en centros privados e concertados como públicos, sen haber grandes diferenzas tampouco entre as zonas rurais e as urbanas.
Xa o pasado 20 de febreiro o propio Callón entregou no rexistro da Consellaría un documento no que se recollen os cincuenta casos máis graves de incumprimento dos cales A Mesa tivo constancia, moitos dos cales “seguen sen solucionarse”. O presidente da Mesa recordou que “hai centros nos que nin sequera a materia de galego se imparte nesta lingua”. “Do que se trata”, sinalou o presidente da Mesa, “é de garantir o dereito a unha educación de calidade”.