CIG e UDC completan o acordo de suba salarial para todo o persoal do Capítulo VI fixando as condicións da súa aplicación
O texto final é froito do acordo ao que chegaron sindicato e universidade no TSXG para poñer fin ao conflito colectivo promovido pola central sindical
Todo o persoal que percibe as súas retribucións con cargo ao capítulo VI dos orzamentos da Universidade da Coruña terá un incremento do 9,26% na nómina do mes de outubro. Esta suba corresponde aos incrementos dos anos 2022 (3.5%), 2023 (3.5%) e 2024 (2%) que a UDC non lle aboou a este persoal, seguindo un criterio aplicado polas tres universidades galegas, como na inmensa maioría das universidades do estado. Contra esa decisión a CIG-Ensino presentou no seu día os correspondentes conflitos colectivos. No caso da USC e da UVigo están pendentes de revisión en casación polo Tribunal Supremo.
Na UDC a nova equipa reitoral chegou a un acordo de conciliación que se rexistrou na sala do social do TSXG e do que xa demos conta no seu momento. Na negociación pendente, para afrontar o pagamento dos atrasos, a UDC e o sindicato concretamos o pactado en sede xudicial, fixando un calendario para que, en función do tempo traballado desde xaneiro de 2022, todo o persoal perciba os atrasos correspondentes.
Estes son os criterios pactados:
- Suba salarial e actualización nas nóminas. Na nómina de outubro todo o persoal en activo que non tivo as subas correspondentes verá incrementadas as súas retribucións coa acumulación das subas destes tres anos, o que implica un aumento do 9,26% para quen traballase de xeito continuado desde xaneiro de 2022 a actualidade. (Nota: esta suba vaise producir simultaneamente coa actualización do 2% do conxunto do persoal do Capítulo I, pendente de aplicar por parte da UDC e que será efectiva nesta nómina)
- Fin da discriminación e subas salariais para todo o persoal no futuro. No momento no que se produza a suba do 0,5% que se agarda a final de ano (con efectos desde xaneiro de 2024) e calquera outra suba que se produza no futuro, todo o persoal do Capítulo VI pasa a estar nas mesmas condicións que o do Capítulo I (PDI funcionario e laboral e PAS funcionario), aplicándose automaticamente todas as subas que se fixen nos orzamentos xerais do Estado, eliminado definitivamente unha discriminación que nunca se debería ter producido.
- Pago dos atrasos vinculados co acordo xudicial tras a denuncia da CIG.
- Para o persoal con contrato:
- En xaneiro de 2025 cobrarase un terzo dos atrasos das subas non percibidas entre xaneiro de 2022 e setembro de 2024
- En xullo de 2025 percibirán outro terzo deses atrasos.
- En xaneiro de 2026 complétase o pagamento dos atrasos vinculados co conflito colectivo promovido pola CIG.
- O persoal que remate contrato antes de xaneiro de 2026 cobrará xunto coa súa liquidación o total dos atrasos correspondentes ao tempo traballado desde xaneiro de 2022 que aínda lle resten por cobrar.
- Para o persoal que rematou contrato.
- O persoal que xa non traballa na UDC e que traballou nalgún momento desde xaneiro de 2022 cobrará as contías ás que puidese ter dereito en función do tempo traballo previa solicitude á vicerreitoría de Investigación.
TEXTO ÍNTEGRO DO ACORDO CIG - UDC
Acordo sobre o pago dos atrasos xerados pola non aplicación das subidas salariais debidas ao incremento do IPC ás persoas contratadas con cargo ao Capítulo VI na UDC
As persoas contratadas con cargo ao Capítulo VI supoñen un colectivo moi diverso na UDC. Nalgúns casos os seus contratos veñen marcados por convocatorias públicas competitivas, noutros casos son froito de grandes paquetes de axudas da Xunta de Galicia ou outros organismos, e tamén, e en gran medida, son froito de contratos promovidos por grupos de investigación. O trazo común de todas estas persoas é que realizan tarefas vinculadas coa investigación, ben no desenvolvemento mesmo da investigación, ben na súa xestión.
A gran disparidade de fontes e modos de contratación levou a que, en moitos casos, non se aplicasen as subidas salariais ás que toda persoa traballadora ten dereito. En concreto, a unha parte substantiva do colectivo non se lles aplicaron as subidas correspondentes aos anos 2022, 2023 e 2024, cuxos porcentaxes de incremento son do 3.5%, 3.5% e 2%, respectivamente.
O sindicato CIG detectou esta irregularidade e promoveu unha acción xudicial para corrixila, tras a que se chegou a un acordo en sede xudicial polo que a UDC se compromete, entre outras cousas, a restituír ás persoas traballadoras os atrasos non abonados.
Polo tanto, tal e como se recolle na acta de conciliación da sala do social do TSXG de 23 de maio de 2024 relativa ao conflito colectivo promovido pola CIG, todo o persoal vinculado ao Capítulo VI percibirá as subas salariais nas mesmas condicións que o persoal funcionario ou laboral do Capítulo I. Así mesmo, a actualización das retribucións ao persoal do Capítulo VI terá efecto na nómina de outubro, polo que nesta nómina se aplicará o incremento correspondente á acumulación dos incrementos do 2022 (3.5%), 2023 (3.5%) e 2024 (2%).
Dado que é un colectivo onde os contratos son en moitos casos breves, non a todas as persoas traballadoras lles corresponde a totalidade dos atrasos destas subidas. Só aquelas persoas contratadas antes de 2022 beneficiaranse do total dos atrasos acumulados. No caso de persoas contratadas no ano 2022, 2023, ou 2024, os atrasos a percibir corresponderanse co tempo efectivamente traballado.
O pagamento dos atrasos desas anualidades realizarase dun modo fraccionado. Un terzo das cantidades debidas no mes de xaneiro de 2025, un terzo no mes de xullo de 2025 e o último terzo no mes de xaneiro de 2026. Este pago realizarase dun modo automático ás persoas traballadoras en activo na UDC. As persoas con dereito a estes atrasos que non formen parte do persoal da UDC, ou aquelas que non percibisen o pagamento mentres tivesen dereito a el poderán solicitar este pago mediante unha solicitude dirixida ao servizo de investigación da UDC. Tanto estas persoas como aquelas que cesen antes de xaneiro de 2026 percibirán o pagamento dos atrasos que restasen xunto coa liquidación.