Chamamos a toda a comunidade educativa a mobilizarse para presionar á Xunta a negociar un novo protocolo para o curso 20/21

CIG-Ensino e os outros sindicatos da Mesa Sectorial anuncian concentracións diante de Consellaría de Educación para o mércores 22 e o martes 28 deste mes e avanzan que “con este protocolo o curso non pode comezar en setembro con normalidade”.

Nas apenas 46 horas que transcorreron desde que a Consellaría fixo público un documento que mantivo agochado até que pasaran as eleccións, a CIG-Ensino recolleu a indignación de moito profesorado que ve inasumíbel cumprir con este protocolo e cos prazos para a súa posta en marcha se non hai un incremento de persoal docente e non docente nos centros. Sindicatos e docentes rexéitano porque non minimiza os riscos de contaxio, ao non garantir a distancia de seguridade e as últimas recomendación sanitarias, porque implica unha asunción de responsabilidades que lle corresponde xestionar á propia Consellaría, como a elaboración de plans de continxencia nos centros, a compra centralizada de material de prevención e hixiene ou a vixilancia do cumprimento das medidas de protección e e porque a súa aplicación suporía unha merma na calidade educativa e na atención á diversidade.

“Presencialidade si, pero non así. Queremos seguridade e non diminuír a calidade do ensino. O protocolo presentado pola Xunta é inviábel e  temerario e atenta contra a saúde, a calidade do ensino e a innovación pedagóxica”.   Así de tallantes se amosaban os sindicatos con representación na Mesa Sectorial de Educación, por boca do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, un día despois de decidir abandonar a reunión na que se ía abordar o Protocolo para o desenvolvemento do vindeiro curso escolar elaborado pola Consellaría de Educación que, lonxe de servir para minimizar os riscos de contaxio de coronavirus nas aulas, rebaixa as distancias de seguridade a un metro poñendo en risco a saúde do profesorado e alumnado.  “Con este protocolo, no que a Consellaría demostra que concibe a educación como un gasto e recorta todo o que pode nela, a administración lávase as mans e delega toda a responsabilidade nos equipos directivos e no profesorado, que serán os encargados de ter todo preparado para o inicio do curso o 10 de setembro e de cuestións que lle corresponderían a outros especialistas en prevención e saúde, como a elaboración de plans de continxencia, a adaptación do protocolo ou a formación dun equipo COVID, e á propia Consellaría, como a formación do profesorado, tanto para facer fronte á pandemia como para adaptarse á teledocencia no caso de producirse un rebrote ou surto, a posta a punto a nivel informático e de contidos das aulas virtuais e a compra de material de protección e limpeza, que debería facerse de forma centralizada e non centro a centro”, explicou Bermello, quen indicou ademais que o protocolo é inviábel tanto polos prazos para a súa aplicación (durante o mes de setembro é imposíbel realizar todas estas tarefas) como polo que implica de incremento de burocracia, labores de vixilancia e supervisión do alumnado, tarefas de desinfección e adaptación pedagóxica ás novas esixencias na aula. Neste sentido, os representantes sindicais da CIG-Ensino, CCOO, ANPE e UGT coincidiron en destacar que o persoal docente “terá que facer de todo menos dar clase, que é realmente o seu labor, provocando unha merma na calidade educativa que prexudica a todo o alumnado e en particular ao que conta con Necesidades Específicas de Apoio Educativo e con Necesidades Especiais.” Tal e como xa aconteceu durante o confinamento a Xunta volve deixar tirado a este tipo de alumnado, nesta ocasión cunhas esixencias no protocolo que o persoal especialista ve imposible cumprir, como tamén ocorre coas etapas de Educación Infantil, e en menor medida en Primaria, ESO e na formación práctica ou de materias específicas de FP e Bacharelato respectivamente.

Redución de ratios e incremento de persoal “fronte á mentira dos grupos burbulla”

Malia a propaganda da Consellaría o establecemento dos grupos burbulla non é posíbel porque o alumnado dun grupo vai coincidir no transporte, no comedor ou nas actividades extraescolares con outros grupos, cando non ten irmáns/ás no propio centro, e con profesorado que imparte a distintos grupos por non dicir todas as relacións que estableza fóra da aula. O que si se ten demostrado como medida eficaz é o mantemento dunha distancia de seguridade que a OMS e os Ministerios de Sanidade e Educación fixaron en 1,5 metros e non en 1 metro como apunta a Consellaría no seu protocolo. “Isto débese claramente a unha estratexia economicista para non baixar as ratios, ter que facer desdobres e polo tanto contratar máis profesorado, como xa anunciaron que van facer nestes momentos, por certo, 10 Comunidades Autónomas”, apuntou Bermello. Ademais, o protocolo nace desfasado sanitariamente ao contradicir as últimas recomendacións científicas que apuntan a que hai que extremar precaucións porque as gotículas do coronavirus permanecen no aire varias horas sobre todo en espazos pechados e con alta densidade de persoas e que tanto a distancia de seguridade como o uso da máscara son as medidas máis eficaces para evitar contaxios.

Outra das críticas unánimes é que cada centro ten que facer unha planificación adaptándose tanto á realidade do nivel educativo que imparte como dos espazos cos que conta ou mesmo do tipo de alumnado (que terá que ver unha Escola Oficial de Idiomas cun CRA ou unha Escola Infantil cun CIFP?) e non pode pretenderse unha uniformización deste protocolo sen atender ás súas particularidades.

Preocupa tamén e moito como afecta o recollido neste Protocolo no servizos complementarios (madrugadores, transporte, comedor e actividades de concialiación) que son unha baza importantísima para a conciliación das familias e para un trato igualitario de todo o alumnado. Tal e como está redactado, periga a supervivencia dalgún destes servizos como o comedor, dado que hai centros nos que se poden ver obrigados a ter até 3 quendas e a contratar desde as ANPAs persoal monitor de reforzo para o que non contan con recursos. De ningunha maneira se pode permitir que estes servizos se vexan prexudicados e ten que planificarse máis ca nunca  a súa pervivencia en tempos de COVID-19.

Profesorado e alumnado vulnerábel

A CIG-Ensino e o resto de sindicatos tamén reclaman que se preserve a condición de vulnerabilidade do persoal maior de 60 anos ou con patoloxías de risco así como mulleres embarazadas. Non caso do alumnado que sexa grupo de risco non hai ningunha referencia a el no documento  e deberá garantirse o respecto ao deber de tutela de fillos e maiores en caso de peche de aulas ou centros de día.

Ante os famosos test serolóxicos antes do inicio do curso que a Consellaría vendeu como principal medida na prensa, cabe preguntarse por que non está recollido este apartado dentro do documento. As OO.SS. coinciden en esixir un control en cada centro da temperatura corporal (as autoenquisas non é un formato válido) e dotar con persoal sanitario os centros aínda que sexa por áreas xeográficas. Outra das queixas sobre o documento está baseada na falta de concreción, nas contradicións na redacción ou na confusión, como cando se fala da forma de actuar se hai un caso ou varios positivos á hora de poñer en corentena a distintos grupos dentro do centro  ou do protocolo de reincorporación tras ese período. 

Atentado contra a innovación pedagóxica e falta de planificación na teledocencia 

A concepción pedagóxica do documento, para Suso Bermello, é unha marcha atrás: “pretender que o alumnado estea inmóbil e nunha clase maxistral é un retroceso que só se entende como escusa para non afrontar un investimento maior en recursos humanos e na redución de ratios”.

Por último, tamén amosaron a súa indignación con que non se planifique nin regule a teledocencia sobre todo no que ten a ver coa garantía da universalidade e a equidade. No caso de confinamento ou corentena, a Consellaría non ten escusa para non ter formado ao seu persoal seis meses despois de que o profesorado tivera que improvisar da noite para a mañá un sistema educativo en liña con resultados bastante satisfactorios, malia as eivas das que se partía.

Mobilizacións en xullo e en setembro

Os sindicatos chaman a toda a comunidade educativa a mobilizarse este mes de xullo, no que prevén dúas concentracións fronte ás dependencias da Consellaría en San Caetano, para os días 22 e 28. Así mesmo, reiteran que con este protocolo, se a Xunta non amosa a súa vontade de negociar outra proposta viábel e que realmente garanta a seguridade de profesorado e alumnado, o curso non pode comezar con normalidade o 10 de setembro e chamarán de novo a toda a sociedade galega a opoñerse ao seu desenvolvemento desde o propio día 1. “Queremos negociación e non un paripé, e temos vontade de achegar solucións pero sempre que se poñan recursos enriba da mesa”, sentencian.

Volver