Centos de rapaces participaron nas carreiras e festas do Correlingua en Vigo, Lugo, Pontevedra e Monforte

Hoxe a cita foi en Pontevedra coa participación dunha vintena de centros. Queda só a última das paradas desta xira da lingua que será o mércores en Burela.

Comezou a derradeira semana do mes e da iniciativa que fai correr, saltar, xogar e bailar pola defensa da nosa lingua o alumnado dos colexios e institutos de todo o país desde hai 24 anos. Cada edición vanse sumando máis experiencias, obradoiros, certames, regueifas, concursos, concertos... e a comunidade educativa segue respondendo ante a necesidade de protexer e impulsar o uso do galego como di o lema deste ano "Desde aquí até acolá, galego XA!". O Correlingua, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino, mantén o seu espírito intacto e mesmo con máis forza aínda pola desgaleguización da sociedade en xeral e da poboación infantil e xuvenil en particular. A actividade de Vigo levouse a cabo coa colaboración do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra.

Vigo acolleu a festa do Correlingua o 24 de maio nun día solleiro e que culminou no parque de Castrelos coas actuacións de Paco Nogueiras e Cuarta Xusta. Despois da carreira que percorreu as rúas da cidade inundándoas de galego, produciuse unha dobre actuación, a primeira destinada máis á cativada e a segunda á rapazada, nun acto conducido e animado polo cómico Fran Rei. A continuación relaciónanse os centros participantes este ano:

VIGO: CEIP Otero Pedrayo – IES de Beade – CEIP Igrexa de Candeán - IES Politécnico - IES A Guía – CEIP Virxe do Rocío – CEIP Balaídos – CEIP Plurilingüe Seis do Nadal – CEIP Chans Bembrive – IES Sta Irene – IES Valadares – CEIP Plurilingüe Carballal Cabral – IES Carlos Casares – IES Castelao - CEIP Canicouva – CEIP Ría de Vigo - CEIP Alfonso R. Castelao

GONDOMAR: IES TERRA DE TURONIO

PONTEAREAS: IES do Barral

TUI: IES San Paio

SALVATERRA: IES Salvaterra de Miño

O PORRIÑO: CEIP Cruz Budiño

O venres 24 foi a quenda de Monforte. A capital da comarca de Lemos acolleu un ano máis alumnado de diferentes etapas educativas que se deron cita no Parque dos Condes para gozar da actuación cañeira neste caso da banda Mekánika Rolling Band nun fin de festa presentado tamén pola actriz Isabel Risco. Estudantes do IES A Pinguela foron os encargados da lectura do manifesto deste ano que reproducimos a continuación e que foi elaborado nun obradoiro de escrita creativa no que participou alumnado do IES de Foz (Foz), IES Santa Irene (Vigo), IES Xunqueira 1 (Pontevedra) , IES Isidro Parga Pondal (Carballo), IES Xoán Montes (Lugo), CPI O Cruce (Cerceda), IES de Becerreá (Becerreá) e IES Muralla Romana (Lugo). Os obradoiros foron impartidos polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao.

DENDE AQUÍ ATÉ ACOLÁ, GALEGO XA!

Esta é unha mensaxe para as familias, as institucións, os medios, as mestras e os mestres, as rapazas e rapaces coma nós: Dende aquí queremos berrar ben alto que non nos apetece, non nos presta e non nos peta que a nosa lingua esmoreza. Por iso vos dicimos:

Dende aquí até acolá, galego xa!

Coidar unha lingua é como coidar unha árbore. É síntoma de intelixencia, respecto e responsabilidade. Apreciar o galego e interesarse por el só nos conecta con cousas boas.

Por iso dicimos ben alto:

Dende aquí até acolá, galego xa!

Que a nosa lingua viva nas rúas, nas casas, en todas as cidades e vilas onde habita xente curiosa e intelixente. Que pasee sen vergoña polas radios, televisións, redes, cines, libros! Porque o galego está en todos eses lugares e non sempre somos conscientes do poderoso da súa presenza. Non é unha lingua nin morta nin atrasada. É unha lingua creativa e valiosa. Deixemos de preocuparnos polo galego e ocupémonos del.

Dende aquí até acolá, galego xa!

Démoslle visibilidade á nosa lingua, transmitamos o grande que é, ensinemos os sitios onde se fala e se fai moderna, excelente, valiosa. Seguídea. Dádelle a "gústame" e facédea medrar. Non sempre nos decatamos de que temos unha idioma que nos pertence e fala de nós, da nosa cultura e territorio. Do noso legado pero tamén do noso presente.

Por un galego falado, polo dereito a falalo sen medo,polo dereito a que se respecte.

Porque exista en todas as circunstancias sen vergoña.

Por un galego de hoxe e para mañan:

Dende aquí até acolá, galego xa!

Porque falalo é conservalo. E transportalo ao futuro. Fainos mellores. Fainos persoas respectuosas e atentas. Porque nós, e ti tamén, temos o poder de levar o galego dende aquí ate acolá.

Galego xa!

Por último, hoxe comezou a semana coa tradicional carreira polas rúas de Pontevedra que rematou co concerto da Gramola Gominola na Alameda nun día no que tamén acompañou o bo tempo. Arredor dunha vintena de centros da área pontevedresa e do Barbanza participaron nesta actividade que contou coa colaboración tanto do Concello como da Deputación. En concreto, foron centos de estudantes os participantes procedentes dos seguintes centros:

PONTECALDELAS: IES PONTECALDELAS

VILABOA: CPI DO TOURAL

PORTAS: CPI DOMINGO FONTÁN

VILAGARCÍA DE AROUSA: CEE VILAGARCÍA DE AROUSA

RIBEIRA: IES LELIADORUA

RIANXO: IES FÉLIX MURIEL

PONTEVEDRA: CEIP SAN BENITO DE LÉREZ - CEE PONTEVEDRA - CEIP PRAZA DE BARCELOS IES A XUNQUEIRA 1 – CEEPR AMENCER ASPA - CEIP MANUEL VIDAL PORTELA – CEIP SAN MARTIÑO - CEIP SANTO ANDRÉ DE XEVE - IES LUÍS SEOANE - IES FREI MARTÍN SARMIENTO - CEIP DARÍA GONZÁLEZ GARCÍA - CEP MARCOS DA PORTELA – IES SÁNCHEZ CANTÓN 

No acto levouse a cabo a entrega de diplomas ao alumnado presente que participou activamente coa elaboración de pancartas e animando durante toda a actividade.

Na actividade de Monforte, que contou coa colaboración do Concello e da Vicepresidencia da Deputación, participaron os seguintes centros: CEIP Ricardo Gasset d’O Incio e IES Daviña Rei, IES Val do Asma, CPR Ferroviario, IES A Pinguela e CEIP A Gándara da propia vila.

Volver