Centos de persoas maniféstanse en Compostela contra o desmantelamento e privatización do Consorcio

Reclamaron a aplicación do convenio único do persoal laboral da Xunta de Galiza e a consolidación dos postos de traballo para o persoal do Consorcio

Máis de 700 persoas manifestábanse esta mañá en Compostela para denunciar a privatización dos servizos públicos e o desmantelamento do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Con esta mobilización manifestouse ademais o rexeitamento á privatización das escolas infantís e centros de día e demandouse a aplicación do Convenio Único e a consolidación dos postos de traballo.

A Xunta iniciaba, despois de privatizar xa algúns centros de día, o pasado 17 de xaneiro, a carreira privatizadora das escolas infantís “galiña azul”, coa publicación no DOG da privatización da xestión da escola infantil de Monteporreiro, en Pontevedra. A partir desa data sucedíanse os anuncios de licitación da xestión privada doutras escolas infantís: Betanzos, Carballo, O Pino, Coristanco e “está previsto que continúe coas que se vaian abrindo coa pretensión de continuar coas que hoxe están funcionando como públicas”.

Así comezaba o manifesto ao que deron lectura tres traballadoras destas escolas infantís, ao remate da manifestación, na Praza de Cervantes, tras percorrer a zona vella compostelá.

Un manifesto no que tamén se denunciou que a Xunta de Galiza está outorgando a empresas afíns ideoloxicamente, como FESAN, ligada ao OPUS, a concesión deste centros públicos. Empresas que, lembraron, “van buscar o máximo de beneficio en detrimento da calidade do servizo e do empeoramento, aínda máis, das condicións de traballo”.

Concesións que, afirmaron, son unha “indecencia”, máis logo de que o Consorcio investise diñeiro público na construción destas escolas, e que agora son ofertadas a empresas privadas “apostando polo clientelismo e a privatización”.

Do mesmo xeito, alertaron de que, precisamente agora, cando máis grave é a crise, “son precisamente os usuarios dos servizos que presta o consorcio o colectivo que precisa máis atención, por ser os sectores sociais máis desfavorecidos socialmente e os que sofren de xeito máis duro as consecuencias desta situación”. Por iso, afirmaron, “non podemos permitir que se pretenda desmantelar servizos, destruír emprego nin aceptar un paso atrás nas prestacións sociais e no seu carácter público”.

Lembraron o despedimento de 61 traballadoras das oficinas de I+B e denunciaron que o PP, no seu empeño de destruír emprego público, vén agora de aprobar, no Comité Directivo do Consorcio, a modificación do catálogo de postos de traballo que supón a supresión de 208 postos na área de educación infantil, 27 na área de servizos sociais e 14 en servizos centrais, en total, 249 postos”.

Precariedade laboral

Do mesmo xeito denunciaron que o persoal do Consorcio segue sen acadar as condicións de traballo básicas “dereito a un convenio colectivo que regule as súas relacións laborais e dereito a unha relación laboral fixa”. Alén diso, subliñaron que non teñen a posibilidade de acceder ao cobro de antigüidade ou á negociación de incrementos salariais anuais, mais si a que se lles reduza o salario nun cinco por cento, por mor das restricións económicas que se lles aplican a todos os traballadores/as da administración. “Aplícanselles as medidas máis negativas, mais non gozan dos dereitos de quen traballa para a administración pública”.

Ante esta situación exixiron que se inicie un proceso negociador para aplicar a todo o persoal do Consorcio e Convenio Único de persoal laboral da Xunta de Galiza; que todos os centros de nova apertura sexan de xestión pública e, polo tanto, dependan directamente da administración, incluídos os centros para os que xa se convocou a licitación da xestión privada e que se manteña o carácter público de todos os centros e o mantemento de todos os postos de  traballo existentes a día de hoxe e se garanta a estabilidade laboral de todo o persoal.

Galería de Imaxes

Volver