Centos de persoas concéntranse en San Caetano contra os recortes previstos nos Orzamentos da Xunta e do Estado

A mobilización estaba convocada pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos

Centos de empregadas e empregados públicos concentráronse diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, convocados pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos, na que están integradas as federacións da Área Pública da CIG (CIG-Saúde, CIG-Ensino e CIG-Administración), para manifestar o seu rexeitamento aos recortes previstos tanto nos Orzamentos Xerais do Estado, como nos orzamentos da Xunta de Galiza.

Galeria de imaxes

Esta é a primeira das mobilizacións convocadas pola Plataforma, que anunciou onte en rolda de prensa un calendario de accións a desenvolver até a aprobación dos orzamentos da Xunta. O que inicialmente estaba concibido como unha concentración acabou por se converter nunha manifestación que percorreu todas as rúas que rodean o edificio.

Retómanse así as concentracións, que se repetirán en diante todos os xoves nos distintos centros de traballo, e que estarán acompañadas doutras que se irán convocando en función das datas que marque o propio goberno galego como a xuntanza da Mesa Xeral da Función Pública na que se dea conta daqueles aspectos recollidos nos orzamentos que afectan ao sector público e ás traballadoras e traballadores que desenvolven a súa actividade no mesmo, o Consello da Xunta no que se aprobe o proxecto de orzamentos e o trámite parlamentario de debate dos mesmos.

A Plataforma, na que están representadas todas as organizacións sindicais que operan no sector público, non descarta incluír entre as súas medidas de protesta a convocatoria dunha folga no sector público.

Parello a isto, a Plataforma chama ás empregadas e empregados públicos a sumarse coa súa sinatura ás reclamacións que serán remitidas ao propio Presidente da Xunta e ao grupo parlamentario popular, que será quen cos seus votos, avale os recortes que se recollerán nos orzamentos da Xunta para 2014.

Recortes que, tal e como denuncia a Plataforma, están abocando á desaparición a moitos servizos públicos esenciais ao non se poder cubrir as prazas por mor do mantemento dunhas taxas de reposición do 0% para a administración en xeral, do 10% para Ensino, Saúde, servizos esenciais e forzas e corpos de seguridade do Estado e só do 100% en concellos que teñan saneadas as súas contas. Recortes que, denunciaron, agudizan aínda máis a perda de dereitos laborais e salariais que veñen padecendo as traballadoras e traballadores do sector público nos últimos anos.

A recollida de sinaturas iniciouse onte en distintos centros de traballo, cunha excelente acollida entre o persoal.

Volver