Centos de persoas ateigan o Obradoiro para que se garanta o dereito a vivir en galego
Queremos Galego exixe “un compromiso real e efectivo” dos poderes públicos coa nosa lingua
A defensa da nosa lingua. A demanda de que se garanta o dereito a utilizala na escola, no traballo, na vida diaria. A exixencia dun compromiso real e efectivo de todos os poderes públicos coa súa normalización “para avanzarmos na xustiza para o galego e a igualdade para as persoas galegofalantes”. Un uso normalizado da nosa lingua “sen medo”, “sen coaccións”e “con toda a dignidade”. Isto proclamaron as centos e centos de persoas que ateigaron neste Día das Letras Galega a Praza do Obradoiro.
Unha xornada atípica por mor dunha pandemia que, tamén aquí, tamén hoxe, obrigou a reducir o aforo para garantir o cumprimento das medidas sanitarias. Limitacións que non impediron que a voz da actriz Isabel Risco, que conduciu o acto, a música das gaitas e de Xiao Berlai e as reivindicacións do portavoz da plataforma cidadá, Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, inundaran un Obradoiro cheo de xente no que, malia isto, se respectaron escrupulosamente as distancias de seguridade.
O dereito a vivir na lingua “un dereito humano”
Nese sentido subliñou que así o contemplan a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o Pacto Internacional polos Dereitos Civís e Políticos, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou a Carta Europea das Linguas e que por iso se vén mobilizando a sociedade galega apoiando as accións da MNL e conseguio que ONU e Consello de Europa lembrasen a obriga da Xunta e do Estado de cumpriren estes acordos internacionais.
O portavoz da plataforma cidadá, da que fai parte a CIG, augurou ademais que o pobo galego reverterá “a tendencia negativa” para a lingua e mellorará o seu desenvolvemento social, económico e cultural. Un cambio de rumbo para o que considerou necesario “contar cunha sociedade comprometida e identificada consigo propia mais tamén con institucións que a acompañen”.
Maceira denunciou, en todo caso, que “40 anos de autonomía non garantiron a posibilidade de emprego da lingua propia con total liberdade, sen restricións, con presenza absoluta na administración pública, na empresa, na vida social ou cultural. Sen coaccións que obriguen a optar por outra lingua renunciando á propia”.
Lingua silenciada no sector audiovisual
Marcos Maceira denunciou que nas plataformas audiovisuais o catálogo global é de 25.872 títulos en español e outras linguas, só 25 en galego, só o 0,4 dos xogos e xoguetes distribuídos no mercado en Galiza teñen algo en galego; que existen certames académicos financiados con diñeiro público que vetan a posibilidade de participación a quen non presentar en español os seus traballos; que a posibilidade de interlocución en galego co funcionariado está sometida á arbitrariedade; que o Servizo Galego de Saúde negou atención en galego en plena pandemia, vulnerando o dereito ao uso do galego mais tamén o dereito a saúde; que a porcentaxe de galego na grella televisiva é do 4% ou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, na súa memoria anual recoñece que só procederon á revisión lingüística en galego de 145 documentos dun total de 330.956.
Lingua sostida “na forza da sociedade”
O portavoz de Queremos Galego chamou ademais a atención sobre o feito de que “somos a única nación do Estado na que a lingua está sostida exclusivamente na forza da sociedade, sen goberno e soporte institucional que acompañe” e valorou que “é a sociedade quen está a atenuar, en solitario, os efectos da desigualdade e de falta de liberdade plena para vivir en galego”.
Como exemplo puxo a recente aprobación, por unanimidade, da Iniciativa Xabarín polo Parlamento galego. “Non foi a Xunta de Galiza, que ten a obriga legal de garantir a presenza do galego e a súa promoción quen actuou para garantir o acceso aos contidos audiovisuais para a mocidade cunha canle Xabarín ou con dobraxe e lexendaxe en TVE e nas plataformas como Netflix, ou HBO. Foi o esforzo de centos de persoas que recolleron sinaturas ou ofereceron os seus estabelecementos para facelo posíbel”.
Marcos Maceira concluíu que coa demanda de que “queremos vivir en galego” e que as galegas e galegos de todas as idades “podamos acceder a contidos no noso idioma nas televisión e nas grandes plataformas, non debería ser unha opción do audio, tería que ser un dereito. Nun mundo cada vez máis global Galiza non pode ser un territorio de exclusión. Queremos poder ver ficción internacional en galego e que os de fóra tamén podan ver ficción galega en galego e nas súas linguas. Queremos unha canle Xabarín para que as nenos e as nenas poidan ver contidos en galego”.