Carvalho Calero: unha nova oportunidade nos centros educativos para todo o curso 2020/21

CIG-Ensino solicita á Real Academia Galega que traslade ao 2021 a celebración do Día das Letras dedicado a Carvalho Calero para que poida ter o tratamento que merece no ámbito educativo

A CIG-Ensino súmase á petición que diversas entidades culturais galegas veñen de dirixir á Real Academia Galega a respecto da celebración dos actos relacionados con Ricardo Carvalho Calero, a figura elixida para o Día das Letras do presente ano 2020. A mencionada petición referíase á conveniencia de que durante todo o ano 2021 tamén se rendese homenaxe ao polígrafo ferrolán visto que as circunstancias extraordinarias pola pandemia da COVID19 deste 2020 imposibilitan facelo convenientemente. Non fai falla que lembremos que Ricardo Carvalho Calero é unha figura fundamental para as nosas letras, xa non só unicamente desde o punto de vista da creación, onde abrangueu todos os xéneros, senón tamén desde o punto de vista da historiografía literaria e da investigación filolóxica que merece, por tanto, ter un recoñecemento amplo, extenso e detido.

É ben sabido que un dos contornos sociais onde con máis atención se estudan as figuras homenaxeadas calquera edición do Día das Letras é o educativo, e o feito de que se trasladen os actos para lembrar a Carvalho Calero aos últimos meses do ano 2020, como inicialmente ten comunicado a RAG, non sería o máis conveniente xa que nos enfrontaremos a un inicio do curso incerto no sanitario e excepcional no desenvolvemento curricular, pola necesaria adaptación que profesorado e alumando teremos que afrontar, o que fai aínda máis difícil pensar en que a figura de Carvalho Calero poida ter un  papel destacado nesa altura. Aínda que retornemos ás aulas nunhas datas similares a outros anos, non podemos esquecer que este retorno será logo de moitos meses de perda de contacto do alumnado cos seus respectivos centros docentes, o que implicará unha maior carga de traballo para toda comunidade escolar e isto non favorecerá que se compartan as actividades, actos, traballos…, que adoitan facerse arredor da figura escollida para as Letras Galegas. 

Desde a CIG-Ensino agardamos receptividade por parte da Real Academia Galega á hora de asumir esta petición que xa tantos colectivos teñen expresado e que, agora desde o ámbito educativos, tamén asumimos como a mellor opción.

Volver