Carta branca ás administracións públicas para o despedimento do seu persoal

A Área Pública da CIG manifesta o seu máis rotundo rexeitamento e lembra que xa o denunciara cando se aprobou a última Reforma Laboral

O pasado 30 de outubro publicábase no BOE o Real Decreto 1483/2012, de 29 de outubro, no que se desenvolve o procedemento de despedimento colectivo a aplicar nas administracións públicas (Real Decreto 1483/2012, de 29 de outubro). Unha medida aprobada polo goberno do PP á que a Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) manifesta a súa máis rotunda oposición, porque supón acelerar o proceso de desmantelamento dos servizos públicos e provocar unha masiva destrución de emprego. Por iso, fan un chamamento a todas as empregadas/os públicos a sumarse masivamente á folga xeral convocada para o vindeiro día 14 de novembro.

A Área Pública da CIG denuncia que os contidos deste Decreto -agochado até despois das eleccións do 21 de outubro e que se intentou solapar facendo coincidir a súa publicación co anuncio de converter en funcionarios/as a 6.000 traballadores/as da Xunta de Galiza- supoñen unha grave indefensión para o persoal laboral das administracións públicas e, en consecuencia, unha ruptura da igualdade co resto de traballadoras e traballadores doutros sectores.

Dunha banda, faise unha total liberalización das causas para poder facer despedimentos dentro das administracións públicas e doutra, dálle unha total potestade a calquera administración para despedir sen ningunha xustificación.

Unha das causas recollidas no RD é a redución do gasto orzamentario ou a existencia de minoración de aportacións económicas, para o que abonda que os ingresos diminúan nun 5% no exercicio corrente. “É unha carta branca para que a administración en cuestión poida facer e desfacer como lle veña en gana”.

Para os EREs nas administracións imposibilítase e prohíbese, ademais, calquera negociación de medidas menos lesivas, como se fai no sector privado. “Mesmo quedan prohibidas medidas como a proposta de redución de xornada ou a suspensión temporal de emprego”.

A Área Pública da CIG denuncia que con isto, o que se consegue é debilitar o mundo do traballo, privatizar os servizos públicos e a destrución de emprego, tanto público como privado.

Subliñan ademais que esta regulación supón rachar co principio básico de que as administracións públicas non desenvolven ningún tipo de negocio e que a súa función é atender intereses xerais a través da prestación de servizos públicos.

Para a central sindical, deste xeito a administración ponse ao mesmo nivel que unha empresa sometida as leis de mercado e que ve comprometida a súa viabilidade por razóns de competencia. “O problema da viabilidade das administracións públicas vai máis alá do deseño dun plan que permita a mellora dos ingresos –control da fraude fiscal, pagamento de impostos dos que máis teñen, así como un eficaz control do gasto público”.

Lembran que en Galiza xa se realizou o primeiro ERE nunha empresa pública dentro do estado español, Seaga, e que a administración xa foi, nese caso, xuíz e parte. Fixéranse tamén, dentro do Estado español algúns EREs dentro das administracións locais –concellos- máis todo iso estaba a ter unha mesma resposta nas distintas sentenzas que sobre isto hai, nas que se conclúe que os EREs constitúen medidas limitadas á actividade empresarial ou entidades que perseguen a obtención de lucro.

Denuncian ademais que, alén deste Real Decreto, xa se están a aplicar EREs encubertos dentro das administracións públicas a través da aplicación das taxas de reposición ’0’, a non cobertura de vacantes, a amortización de miles de prazas ou a prohibición de convocatorias públicas de oposicións, entre outras.

Con esta regulación, aseguran, o que pretende o goberno do PP é un recorte de emprego de forma barata. “É unha ferramenta máis para levar a cabo o seu plan de eliminación e externalización dos servizos públicos para a súa entrega ás empresas privadas”. O obxectivo é, xa que logo, reducir a administración pública; eliminar empresas públicas e despedir a empregadas e empregados públicos.

Xunto a isto, entenden que o PP pretende solucionar as dificultades que estaban a ter as administracións e demais organismos públicos, que xa recorreran a EREs que foron declarados nulos posteriormente pola xustiza.

Volver