
Cambios introducidos pola Lei 2/2015 do emprego público de Galiza
Afectan aos permisos e licenzas, réxime disciplinario e permutas
PERMISOS, LICENZAS E EXCEDENCIAS
De carácter xeral.
- Na disposición adicional 1ª indícase que a localidade se corresponde co termo municipal. Téñase en conta que hai determinados permisos que toman como referencia a residencia (orde de permisos docentes). Debe entenderse, por tanto, que se terá en conta o concello de residencia.
- Enfermidades graves: defínense como tales as que aparecen no anexo do RD 1148/2011.
PERMISO POR FALECEMENTO, ACCIDENTE OU ENFERMIDADE GRAVE DUN FAMILIAR (artigo 108.3)
Para os efectos deste artigo os sábados non se consideran hábiles
PERMISO POR PARTO E POR ADOPCIÓN OU ACOLLEMENTO. (artigos 121 e 122)
Ambos permisos amplíanse dúas semanas, até acadar as 18 semanas co seguinte período transitorio de aplicación.
- 2015: seguen en 16 semanas
- 2016: 17 semanas
- 2017: 18 semanas
PERMISO DO OUTRO PROXENITOR POR NACEMENTO, ACOLLEMENTO OU ADOPCIÓN DUN FILLO (ANTES PATERNIDADE) (artigo 124)
En caso de partos ou adopción múltiples amplíase o permiso nunha semana, o que amplía o permiso 1 día: antes 35 días fixos; agora 29+7.
LICENZA POR RISCO DURANTE O EMBARAZO OU A LACTACIÓN (artigo 126)
Indícase que se concederá polo tempo necesario (na actual normativa, RD 315/1964 en redacción da Lei 3/2007 eran 3 meses). Aclárase que se deberá conceder cando non sexa posíbel a adaptación das condicións de traballo ou o cambio de posto.
LICENZA POR ENFERMIDADE PROPIA (I.T.) (artigos 128 e 146)
Elimina a diferenza nos descontos dos tres primeiros días para o persoal do Réxime Xeral da Seguridade Social. Na Lei 1/2012 a Xunta recollía que os descontos nos tres primeiros días de IT para o persoal do réxime xeral ampliaríanse progresivamente (cobro do 50% neses días nunha 1ª baixa, do 40% nunha 2ª baixa e nada na 3ª e sucesivas). Para o persoal docente do Réxime Especial de MUFACE estes recortes progresivos non se efectuaban, recortando sempre o 50% independentemente do número de baixas. Agora a Xunta iguala a todo o persoal.
NOVA LICENZA: POR HOSPITALIZACIÓN PROLONGADA. (artigo 131)
Até 1 mes de licenza sen retribución para atender ao cónxuxe, parella de feito ou parentes que residan coa persoa funcionaria no caso de hospitalización prolongada por enfermidade grave ou que implique repouso domiciliario.
EXCEDENCIA VOLUNTARIA POR INTERESE PARTICULAR (artigo 173)
A excedencia terá unha duración mínima de 1 ano (até agora 2) e como requisito hai que ter traballado os 3 anos inmediatamente anteriores (até agora 5) en calquera administración pública.
EXCEDENCIA POR COIDADO DE FILLOS, FILAS OU FAMILIARES (Artigo 176)
Reserva do posto de traballo durante o período da excedencia (até agora era reserva de 2 anos do posto e 1 máis na localidade). Durante o tempo de excedencia poderanse desempeñar outras actividades retribuídas, suxeitas á autorización previa ás regras estabelecidas na normativa sobre incompatibilidade. O persoal interino ten dereito a esta excedencia. A reserva de posto manterase mentres non sexa cesado.
EXCEDENCIA POR VIOLENCIA DE XÉNERO (Artigo 177)
Percíbense as retribucións íntegras nos 3 primeiros meses (até agora 2).
RÉXIME DISCIPLINARIO
A Xunta cobre o baleiro existente na regulamentación das faltas graves e moi graves que, en desenvolvemento do EBEP, debían facerse cunha norma autonómica con rango de Lei. Ao réxime disciplinario adícaselle o Título IX desta Lei, definindo as faltas moi graves, graves e leves e indicando as sancións correspondentes así como o procedemento disciplinario e a extinción da responsabilidade disciplinaria. No que non entre en contradición co articulado desta Lei segue en vigor o Regulamento de Réxime Disciplinario publicado no Decreto 94/1991, modificado polo Decreto 157/2004.
Artigos do Título IX no que se regula o réxime disciplinario. Ligazón
PERMUTAS DEFINITIVAS
PERMUTAS ENTRE PROFESORADO CON DESTINO EN GALIZA
ARTIGO 99 da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza
Condicións:
- Cinco anos de servizos efectivos como persoal funcionario de carreira.
- Que a ningunha das persoas lle falte menos de cinco anos para cumprir a idade de xubilación forzosa.
- Unha vez concedida a permuta fíxanse as seguintes obrigas:
- Permanecer no posto obtido por permuta un mínimo de dous anos para poder participar nun concurso de traslado.
- No prazo de cinco anos a partir da concesión dunha permuta non se autorizará outra a ningunha das persoas interesadas.
PERMUTAS CON PROFESORADO DESTINADO FÓRA DE GALIZA
DISP. ADIC 6ª. RD 1364/2010 polo que se regula o concurso de traslados
Condicións:
- Dous anos de servizos efectivos con carácter definitivo nas prazas obxecto da permuta.
- Que ambos os dous destinos sexan de igual natureza e correspondan a idéntica forma de provisión.
- Que os que pretendan a permuta conten respectivamente cun número de anos de servizo que non difira entre si en máis de cinco.
- Que a ningunha das persoas lle falte menos de dez anos para cumprir a idade de xubilación forzosa
Unha vez conseguida a permuta fíxanse as seguintes obrigas:
- Permanecer no posto obtido por permuta un mínimo de dous anos para poder participar nun concurso de traslado.
- No prazo de dez anos, a partir da concesión dunha permuta, non poderá autorizarse outra a calquera das persoas permutantes.
- Deixaranse sen efecto as permutas se nos dous anos seguintes á data na que teñan lugar se produce unha excedencia ou xubilación voluntaria dalgunha das persoas permutantes.
A CIG-Ensino solicitou a convocatoria da Mesa Sectorial xa que a singularidade do sistema educativo impón a elaboración dunha normativa propia de permutas. Ligazón ao escrito presentado pola CIG-Ensino