A orde de calendario escolar recolle finalmente varias propostas da CIG-Ensino

A confirmación da tardía mais importante aceptación do Día de Rosalía ou a rectificación no papel das profesionais de Infantil no período de adaptación súmase a non superar os 175 días lectivos

A publicación no DOG da orde que regula o calendario escolar do curso 2021/22 trae consigo varias novidades que responden a varias propostas da CIG-Ensino na negociación na Mesa Sectorial. Algunhas delas, como é o caso do día de Rosalía, defendida en solitario desde hai anos e outras, como a rectificación parcial no tema do papel que debe xogar o equipo docente á hora de fixar o período de adaptación en Infantil, logo dunha intensa e rápida campaña de recollida de sinaturas que xuntou 2.000 apoios en  tan só 48 horas e que superaba xa 3.000 uns días despois desa primeira entrega. 

Novidades no Calendario escolar
  • O día de Rosalía (24 de febreiro) pasa a formar parte das datas de conmemoración nas aulas galegas. O cambio responde a unha demanda histórica da CIG-Ensino en solitario no ámbito sindical.
  • O período de adaptación en Infantil non será voluntario para as familias e serán as mestras e mestres quen decidan, como viña sendo até agora. Esténdense como máximo até o día 21 de setembro (no borrador estaba até o 17) e non até o 30 como propuxemos na campaña de sinaturas.
  • O calendario quédase en 175 días lectivos. O comezo do curso en primaria queda fixado no día 9 de setembro e as vacacións de Nadal parten do día 22, que non será lectivo. A CIG-Ensino defende que non se superen esas xornadas lectivas, cun total de horas lectivas anuais moi sobrecargado e por riba da media europea.
  • As sesións da avaliación extraordinaria na ESO, FPB e 1º BAC comezarán  o 23 de xuño, un día máis tarde do anunciado.

A CIG-Ensino considera como un logro social colectivo o recoñecemento oficial a Rosalía de Castro nas conmemoracións escolares xa que é sabido que esta data está asentada na sociedade grazas ao activismo cultural e social que despois de moitos anos conseguiu que se celebre en multitude de centros educativos. Desde o sindicato trasladamos os nosos parabéns a todas as persoas que a nivel individual e desde ese activismo cultural se negaron a aceptar  a consideración de Rosalía como unha estranxeira na súa patria e nas nosas aulas. 

Agradecemos tamén o apoio recibido na campaña por un período de adaptación en Infantil que responda a criterios profesionais e non ás necesidades ou decisións familiares.

O curso do cambio dos exames extraordinarios: de setembro a xuño

Onde non se producen cambios é na decisión de mudar os exames de setembro a xuño. Neste sentido a CIG-Ensino reitera o seu posicionamento ao respecto na Mesa Sectorial: 

CIG-Ensino non se opón ao cambio dos exames extraordinarios en xuño. Cremos que pode ter máis vantaxes que inconvenientes, mais temos claro que non implica ningunha solución senón se acompaña dunha análise rigorosa e dunha actuación na liña de reducir o fracaso escolar que teña en conta os seguintes elementos:

  • Redución das ratios
  • Cambio nos horarios docentes, reducindo horario lectivo e impulsando a coordinación didáctica e o traballo en equipo
  • Mellora dos plans de reforzo para o alumnado que promociona no camiño de reducir as repeticións e reforzando o acompañamento deste alumnado
  • Reorientación dos currículos

Desde a perspectiva pedagóxica a defensa dunha avaliación continua e por competencias fai que os exames extraordinarios -e mesmo os ordinarios- deban ter un papel secundario no proceso de aprendizaxe. Partindo desta premisa, que se cambien as datas desas probas extraordinarias de setembro a xuño parece coherente, mais insistimos que por si só esta medida é insuficiente.

O cambio dos exames tamén pode traer consigo algúns problemas que deben ser tidos en conta pola Consellaría:

  • Baixo ningún concepto os cambios introducidos para o curso 21/22 nos exames extraordinarios pode derivar nun aumento da xornada lectiva do profesorado pola vía de incrementar días lectivos para o profesorado da ESO, Bacharelato e FPB, xa moi sobrecargados, con cargas lectivas anuais moi por riba da media europea .
  • Pedimos aclaracións sobre a previsión da organización do alumnado e do profesorado entre os exames ordinarios e extraordinarios do mes de xuño.
  • Preocúpanos a coincidencia cos exames das oposicións para o persoal interino e aquel que forma parte dos tribunais.
  • As datas do CADP e de toma de posesión no comezo de curso, o que implicaría tamén cambios no ROC e na elección de horarios en secundaria.

Volver