A Consellaría presenta un documento ausente de toda referencia á incerteza dun comezo de curso escolar para o que non teñen presentado aínda ningunha proposta

Información sobre a negociación do calendario escolar para o curso 2020-2021

Calendario escolar 2020-2021

Inicio de curso

10/09: EI, EP, EE. 16/09: ESO, BAC, FP, REX. ESP.

Remate de curso

22/06: EI, EP, ESO, BAC, FP. 30/06: RÉXIME ESPECIAL

Nadal

Do 23/12 ao 7/01 ambos inclusive

Entroido

15, 16 e 17 de febreiro

Semana Santa

Do 27 de marzo ao 5 de abril, ambos inclusive

Día do Ensino

7 de decembro

Unha proposta para un curso normal, como se non pasase nada.

Chama a atención que a proposta da Consellaría sexa un copia e pega do calendario de cursos anteriores e que non se faga ningún tipo de consideración ao respecto das posíbeis incidencias que poden existir a principio de curso ou a como todas as probas das EOI  van ser en setembro o que imposibilita comezar o curso con normalidade o 16 de setembro ou a incidencia similar que poidan  ter as probas de acceso (ensinanzas de réxime especial) nas alteracións no comezo de curso. A orde debe recoller estas realidade e modificar a data de inicio ou, cando menos, recoller que o comezo das actividades lectivas, caso de non se poder producir nas datas previstas pola realización de probas ou outras incidencias, comezarán a continuación segundo a dispoñibilidade de cada centro.

A CIG-Ensino propuxo que se faga referencia a estes posíbeis cambios. Tamén solicitamos que, tendo en conta a situación extraordinaria deste final de curso e ante a incerteza do comezo do seguinte, as direccións dos centros teñan máis autonomía á hora de modificar, por razóns xustificadas, o calendario escolar, reducindo os 15 días de antelación ao mínimo imprescindíbel.

Por outro lado queremos saber se a Consellaría ten deseñado un estudo da posíbel afectación nos horarios dos centros se hai que alterar rutas e horarios do transporte escolar.

A Consellaría non vai introducir ningún cambio no texto en resposta ás nosas propostas aínda que si informaron que nas instrucións para o desenvolvemento do curso para as EOI e os centros de réxime especial se prevé que exista flexibilidade xa que son conscientes de que en moitos casos non van poder comezar o día 16.

Unha proposta con máis días lectivos.

A normativa estatal fixa un mínimo de 175 días lectivos, cifra que unida a carga lectiva diaria sitúa o noso alumnado por riba da media europea de horario lectivo anual. A proposta da Consellaría eleva ese mínimo a 178 días aos que hai que descontar os dous feriados locais. Supoñendo que  o 19 de marzo sexa feriado autonómico (aínda por aprobar) a proposta de calendario quedaría en 176 días, un por riba do mínimo. Demandamos que se reduza ese día lectivo para os centros de infantil e primaria, a quen afecta ese incremento, e que ese día a reducir sexa o 10 de setembro, levando o inicio do curso escolar ao 11.

A Consellaría di que non se vai mover dos 176 días e afirma que os días lectivos doutras CC.AA. son superiores, obviando que a realidade é que ao respecto da media europea é inferior. Para a CIG-Ensino queda claro que as comparacións fanas co que mellor lles vén. 

Un ano máis, xuño e setembro co mesmo horario que o resto do curso.

A CIG-Ensino reiterou novamente a proposta de recuperarmos o horario reducido de 4 horas nos meses de xuño e setembro que un acordo dos demais sindicatos e a Consellaría eliminou no curso 2008/09 malia a posición contraria masiva do profesorado. A Xunta, como ben sendo habitual, non tivo en conta a nosa proposta. 

Uns trimestres descompensados que este curso teñen menos importancia.

Sen descontar os feriados locais, o reparto trimestral amosa de novo unha clara descompensación. 71 días no 1º trimestre, 52 no 2º e 55 días no 3º. En todos estes anos nunca se abriu un debate sobre se existen mellores opcións ao reparto actual e buscando unha distribución máis lóxica tanto para o profesorado como para o alumnado e evitando a descompensación que se produce sempre pola adaptación do curso escolar ás tradicionais festas de orixe relixiosa.  O certo é que este curso, dada a incerteza na que nos movemos, o feito de que o 1º trimestre sexa máis longo non vai supoñer un problema, senón máis ben todo o contrario.

Rosalía, persoa non grata para a Consellaría de Educación.

Enfermidade patolóxica, paradigma do autoodio, complexo cultural, illamento social… Xa non se sabe moi ben como cualificar a actuación da Consellaría á hora de se negar, ano tras ano, a asumir que o 24 de febreiro, Día de Rosalía, está xa instalado en multitude de centros educativos como unha data sinalada no noso calendario de conmemoracións. A nova negativa da Consellaría levará, un ano máis, a que sexa o activismo social e cultural e non o goberno do país quen promova a celebración da nosa poeta nacional.

A alerxia da Consellaría non se limita a Rosalía, tamén se estende ao 10 de marzo como día da clase obreira galega, unha data que debe formar parte non só do currículo escolar senón tamén das datas a salientar ao longo do curso.

A Consellaría mantense no inmobilismo e pretende defender o indefendíbel no tema do día de Rosalía, o que nos leva a lembrarlle o cinismo do anterior conselleiro que no mesmo 24F que se negaba a incorporar como conmemoración no calendario se amosaba fachendoso do traballo feito nos centros educativos. 

A Xunta evita visibilizar a non discriminación da diversidade afectivo-sexual.

A orde do calendario escolar mantén como un recordatorio que existe unha Lei para a igualdade de trato de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais e, non entanto, dálle un trato discriminatorio ao respecto doutras datas a conmemorar. Propomos que se elimine o apartado 8.2 e se incorporen as datas máis salientábeis para favorecer esa  visibilidade da diversidade afectivo-sexual no apartado 8.1, optando pola visibilidade e a normalización.

Como en anos anteriores a Xunta escúsase nas numerosas datas internacionais e no feito de que a través dos plans de igualdade pode comprobarse que realmente se está a traballar neste ámbito, esquecendo que hai outras datas que si aparecen e non se entende que non se pacten algunhas datas de referencia para incorporar na orde.

Presenza do profesorado nos centros para elección de horarios e grupos.

Demandamos un ano máis cambios na normativa para garantir o dereito de todo o profesorado que vai impartir docencia nun centro a participar na primeira reunión do claustro e de departamento para a elección de grupos.  Solicitamos que se modifique a orde que desenvolve os ROC dos IES e o CPI para permitir que todo o profesorado, definitivo ou con destino provisional, participe na organización dos horarios e grupos de alumnado. 

Ao non estar presente a Dirección Xeral de Centros e RR.HH. din que darán traslado mais xa avanzando que as datas de publicación do CADP dificulta esta proposta. 

Outras propostas concretas no articulado da orde.

  • Artigo 9.3. A programación escolar en cursos con varias persoas titoras debe entregala aquela docente que acorden os titores e titoras do curso e non ser designada pola dirección, que se limitaría a intervir en caso de falta de acordo.
  • Artigo 10.2: a orde segue condicionando a xornada e horario escolar as  necesidades do transporte escolar, deixando nun segundo plano as consecuencias no rendemento ou cuestións pedagóxicas. Hai casos de desprazamentos excesivamente longos e de horarios totalmente disparatados só para conveniencia das empresas adxudicatarias do transporte escolar, agora maioritariamente combinado. 
  • Xornada despois de finalizadas as aulas: a redacción para os centros de Infantil e Primaria (11.1) e Secundaria (12.4.3) debería unificarse. Solicitamos que, atendidas as obrigas fixadas na orde, se teña en conta a flexibilización necesaria para o profesorado que participe nas oposicións. Este tema ten especial relevancia nos centros cunha alta porcentaxe de profesorado interino e que, ademais, teñen actividades importantes até o 30 de xuño.
  • Actas de avaliación final (artigo 13). Preguntámonos se é necesario manter a  autenticación tal e como segue estando na orde (fotocopias de todas as actas) cando se podería habilitar que queden automaticamente autenticadas unha vez que se pechen no XADE. Di o D. Xeral que os centros concertados non están habilitados para facelo así e hai centros públicos que tampouco. Para a CIG-Ensino iso non debe ser unha escusa para que se lle permita facelo aos centros que si teñen esa posibilidade.
  • Disposición adicional 1ª. Aínda que o propoñemos todos os anos este curso ten, como xa dixemos, unha xustificación especial a necesidade de reducir o prazo de 15 días para casos excepcionais. Como todo cambio debe ser autorizado pola Xefatura Territorial non ten sentido que non se recolla que poda facerse nun prazo máis breve. Debe arbitrarse un prazo extraordinario que sempre contaría coa autorización da XT. O D. Xeral di que ese prazo é para cuestións de modificacións substancias de calendario e que para alteracións puntuais non sería preciso. A CIG-Ensino cónstalle que isto non é certo e que mesmo se ten denunciado a equipas directivas por facer modificacións no inicio de curso malia estar absolutamente xustificado. Introducir ese cambio sería aumentar a autonomía dos centros e a seguridade e a protección das direccións fronte a abusos da administración educativa, desde a XT ou dalgunhas inspeccións. 
  • Disposición adicional 2ª. Período de adaptación. Vimos demandando un período de adaptación flexíbel que poda modificarse en función das decisións que tome o equipo docente. A duración deste período, tanto para reducilo como para amplialo, debe responder á realidade do alumnado e non depender dunha decisión burocrática como é unha orde. Debemos primar a autonomía dos centros. Indican que van introducir a ampliación, con carácter excepcional pola incerteza do curso 2020/21,  do período de adaptación, tanto para o alumnado de nova incorporación como para o resto do alumnado de infantil se é necesario e até final de setembro.

Ligazón a toda a información da mesa sectorial


CIG Informa sobre a negociación do Calendario Escolar para o curso 2020/2021 na mesa sectorial

Documento


Volver