Calendario Escolar 2019/2020

Rosalía de Castro, silenciada de novo pola Xunta de Galiza.

O mércores de cinza, día non lectivo

A Consellaría entregou unha proposta con 178 días lectivos, que quedan en 176 cos dous días feriados locais. A CIG-Ensino amosou o seu malestar porque se xogue con este tema dos días lectivos. A norma indica, contra o noso parecer que haxa un mínimo de 175 e nunca nos últimos anos se superou esa cifra. Demandamos que o mércores de cinza non sexa lectivo. A Consellaría acéptao.

En xuño e setembro, castigados cunha hora máis.

Un ano máis a Consellaría negouse a considerar a volta á xornada reducida de xuño e setembro, con catro horas de duración, que motivou no curso escolar 2008/09 un profundo malestar do profesorado e unha resposta masiva ao acordo de ampliación de horarios imposto pola Consellaría e asinado polos demais sindicatos. 

Seguimos cun calendario con trimestres descompensados.

Hai un vello debate sobre se é posíbel unha mellor organización do calendario escolar que só reaparece anualmente nun foro como a Mesa Sectorial que é, desde o punto de vista da CIG-Ensino, claramente insuficiente para afrontar posíbeis cambios, xa que estes inciden en toda a comunidade educativa e non se militan a cuestións laborais do profesorado. 

Desde o sindicato temos proposto en numerosas ocasións que se abra un amplo debate social para determinar se existen melloras que acometer na organización escolar do curso académico. Por exemplo, camiñar cara un calendario escolar que permita fixar descansos cada dous meses na actividade lectiva, buscando unha distribución máis lóxica tanto para o profesorado como para o alumnado e evitando a descompensación que se produce sempre pola adaptación do curso escolar ás tradicionais festas de orixe relixiosa. A Consellaría prefire non pensar.

Rosalía, estranxeira na súa patria para o goberno galego.

Temos un goberno que prefire ocultar o principal referente cultural do país no marco das conmemoracións escolares. Temos unha secretaría xeral de política lingüística que xa nada facía cando estaba en Educación e que segue en silencio fronte ao desprezo que Educación amosa ano tras ano por Rosalía de Castro.  O 24 de febreiro, Día de Rosalía, seguirá a ser un día promovido desde o activismo social e cultural e non desde o goberno do país. A multitude de actos en centros educativos ano longo do país así o evidencia. Darlle as costas á realidade é propio de acomplexados e colonizados.   A alerxia da Consellaría non se limita a Rosalía, tamén se estende ao 10 de marzo como día da clase obreira galega, unha data que debe formar parte non só do currículo escolar senón tamén das datas a salientar ao longo do curso.

A Xunta evita visibilizar a non discriminación da diversidade afectivo-sexual.

Solicitamos un cambio na mentalidade de quen dirixe esta Consellaría . Segue sendo un contrasentido que se nos lembre que existe unha Lei para a igualdade de trato de lesbianas, gays, trans, bi e intersexuais e , sen embargo, se lle dea un tratamento diferente a outras datas a conmemorar, como quen prefire ocultar unha realidade. Propomos que se elimine o apartado 8.2 e se incorporen as datas máis salientábeis para favorecer esa  visibilidade da diversidade afectivo-sexual no apartado 8.1, optando pola visibilidade e a normalización. Ocultar as datas non é mostra disto. A Consellaría non da mostra do cambio de mentalidade que solicitamos.

Presenza do profesorado nos centros para elección de horarios e grupos.

A CIG-Ensino fixo fincapé na necesidade de que, tanto nesta orde como na de destinos provisionais, se garanta o dereito a que todo o profesorado que vai impartir docencia nun centro poida estar presente na primeira reunión do claustro e de departamento para a elección de grupos. O profesorado sen destino definitivo, agás no corpo de mestres, chega en moitos casos cunha distribución xa feita sen que poidan participar na reunión previa.  Solicitamos que se modifique a orde que desenvolve os ROC dos IES e o CPI para permitir que todo o profesorado, definitivo ou con destino provisional, participe na organización dos horarios e grupos de alumnado. 

A Consellaría negouse novamente a introducir cambios, deixando a decisión nas direccións nos centros. 

Outras propostas concretas no articulado da orde.

  • Artigo 9.3. A programación escolar en cursos con varias persoas titoras debe entregala aquela docente que acorden os titores e titoras do curso e non ser designada pola dirección, que se limitaría a intervir en caso de falta de acordo.
  • Artigo 10.2: a orde segue condicionando a xornada e horario escolar as  necesidades do transporte escolar, deixando nun segundo plano as consecuencias no rendemento ou cuestións pedagóxicas. Hai casos de desprazamentos excesivamente longos e de horarios totalmente disparatados só para conveniencia das empresas adxudicatarias do transporte escolar, agora maioritariamente combinado.
  • Xornada despois de finalizadas as aulas: a redacción para os centros de Infantil e Primaria (11.1) e Secundaria (12.4.3) debería unificarse. Solicitamos que, atendidas as obrigas fixadas na orde, se teña en conta a flexibilización necesaria para o profesorado que participe nas oposicións.
  • Disposición adicional 1ª. Reducir o prazo de 15 días para casos excepcionais. Como todo cambio debe ser autorizado pola Xefatura Territorial non ten sentido que non se recolla que poda facerse nun prazo máis breve. Debe arbitrarse un prazo extraordinario que sempre contaría coa autorización da XT. 
  • Disposición adicional 2ª. Período de adaptación. Vimos demandando un período de adaptación flexíbel que poda modificarse en función das decisións que tome o equipo docente. A duración deste período, tanto para reducilo como para amplialo, debe responder á realidade do alumnado e non depender dunha decisión burocrática como é unha orde. 
  • Adscrición funcional en Primaria. Mantemos a nosa posición favorábel a que o alumnado teña o mesmo titor ou titora  cada dous cursos, no que antes da LOMCE denominabamos ciclos e que agardemos que en breve se recuperen a todos os efectos. Demandamos que tamén se manteñan os traballos de coordinación e que se potencien e recoñezan a todos os efectos, tamén de puntuación no concurso de traslados. Non hai nada que o impida. 

A Consellaría non acepta ningunha destas propostas.


Ligazón ao resto de información da mesa sectorial celebrada o 6 de xuño de 2019


 

Calendario 2019-2020

Rosalía de Castro, silenciada de novo pola Xunta de Galiza

Documento


Volver