Calendario de mobilizacións da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

Denuncia que estamos ante un dos peores inicios de curso de todos os tempos

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público acordou -na reunión celebrada o martes 4 de setembro- un calendario de mobilizacións para denunciar os recortes cos que se inicia este curso 2012-2013, un dos peores inicios de curso de todos os tempos cunha redución de máis de 1000 postos de traballo e a supresión de 132 unidades e 12 centros escolares.

Para denunciar a política de recortes contra o Ensino Público da Consellaría de Educación, uns recortes que van ter unha incidencia especialmente negativa neste curso escolar, a Plataforma Galega acordou levar a cabo varias mobilizacións:

7 de setembro, día en que Núñez Feijoo inaugurará o curso universitario. A Plataforma concentrarase no Paraninfo da Universidade da Coruña, para trasladar, ante o presidente da Xunta, as súas reivindicacións.

12 de setembro, día en que se inicia a actividade lectiva en Infantil e Primaria. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoiará a mobilización organizada pola Plataforma pola defensa da Montaña e do Rural que sairá, ás 12 da mañá, da Praza do Obradoiro até San Caetano para denunciar a supresión de unidades, centros e profesorado nos centros educativos do rural e no ensino público en xeral.

17 de setembro, día en que se inicia a actividade lectiva en Secundaria. A Plataforma Galega realizará unha concentración diante da Consellaría.


Con este calendario de actos, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público quere esixir da Consellaría de Educación que rectifique e que cese nos seus ataques ao ensino público, ataques que se concretan, entre outros, nos seguintes recortes:

  • Incremento das ratios e masificación das aulas.
  • Agrupamento, nunha mesma aula, de alumnado de diferentes idades, cursos e niveis.
  • Supresión de 132 unidades, 12 centros e 199 postos de traballo de Educación Infantil e Primaria, e de máis de 900 postos de traballo en Secundaria.
  • Imposición dunha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado de 25 horas en Primaria e 20 en Secundaria, o que vai ter como consecuencia que o profesorado terá que impartir materias das que non é especialista para completar horario.
  • Non substitución  do profesorado de baixa até que transcorran 10 días lectivos, é dicir, dúas semanas, o que supón conculcar o dereito á educación do alumnado e alterar o plan de traballo dos centros.
  • Carencia de postos de Formación Profesional que impiden o acceso dun número importante de alumnado aos estudos de Formación Profesional, o que prexudica gravemente as persoas que, precisamente nun momento de crise económica, buscan unha mellor e máis actualizada formación, entre elas moitas persoas paradas.
  • Redución do profesorado nos centros o que comporta o abandono da atención á diversidade e ao alumnado con necesidades educativas especiais.
  • Ampliación a 30 alumnos por aula nos programas de cualificación profesional inicial.
  • Incremento das taxas universitarias, con subas que poden superar o 50% o que xa tivo como consecuencia o abandono de moitos mozos e mozas dos estudos que estaban ao realizar, pois tamén se endureceron as condicións para ao acceso a bolsas de estudos.
  • Insuficiente oferta de prazas de comedores escolares e incremento do gasto escolar das familias.


Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2012

Volver