
Boas festas e un ano 2025 no que sigamos defendendo os nosos dereitos laborais e o ensino público galego
Resposta da CIG-Ensino á postal de Nadal do Conselleiro
No día de hoxe, todo o profesorado galego recibiu (obrigatoriamente) por correo electrónico unha felicitación de Nadal do conselleiro de Educación. Neste caso, non se permite a opción de darse de baixa de correos institucionais, como si acontece co caso de correos enviados polos sindicatos.
Tamén por este medio queremos que lle chegue ao responsábel directo da situación laboral na que nos atopamos como docentes a resposta da CIG-Ensino.
Para todas e todos, desexámosvos desde a CIG-Ensino unhas boas festas e un ano 2025 no que sigamos defendendo os nosos dereitos laborais e o ensino público galego, mantendo con dignidade o rexeitamento a acordos que venden como melloras e que lastran as xustas demandas que levamos anos defendendo para recuperar integramente os nosos horarios lectivos previos aos recortes que este mesmo goberno provocou e unha redución real das ratios en todas as ensinanzas.
Estimado Conselleiro:
A CIG-Ensino quere amosar o desacordo coas súas promesas e palabras baleiras coas que, ano tras ano, se gaba do labor colectivo das docentes cando nin o respecta nin o potencia. Aos profesionais do ensino en Galiza non nos serve unha felicitación cargada de boas intencións cando día tras día vemos como se manteñen unhas condicións que dificultan a nosa tarefa e empeoran a calidade educativa.
As docentes levamos anos soportando unha burocracia inxustificada, uns cadros de persoal escasos e unhas ratios excesivas, pese ás reiteradas mobilizacións do sector. Os centros non precisan mensaxes laudatorias, precisan máis docentes, máis medios e menos presión sobre o persoal que saca adiante, con esforzo e profesionalidade, o noso alumnado.
Así, fronte ás súas formas tan amábeis como improdutivas, queremos aproveitar a chegada do novo ano e a do Apalpador para reclamar a dotación inmediata de máis profesorado para o próximo curso, a redución efectiva das ratios, a simplificación dunha burocracia asfixiante, máis recursos para atender o alumnado con necesidades especiais e específicas de apoio educativo e un compromiso firme para que o ensino se converta nun verdadeiro aliado para a normalización da nosa lingua.
Se realmente quere apostar polo ensino galego, demóstreo con feitos concretos. Convidámolo, pois, a enviarnos unha nova comunicación na que presente medidas efectivas e compromisos reais que atendan as necesidades do noso sistema educativo. Non precisamos máis promesas nin felicitacións de Nadal sen contido, mentres as nosas reclamacións máis básicas continúan sendo ignoradas.
Até entón, reciba un cordial saúdo.
CIG-ENSINO