Bloqueadas as táboas salariais de Educación Infantil 0-3 pola incoherencia dos sindicatos asinantes do convenio

A Mesa estatal de negociación de infantil 0-3 queda unha vez máis en cuestión pola decisión dos sindicatos que miraron para outro lado á hora de esixir o pago do SMI, como marca a lei, e que agora non asumen nin o que asinaron na negociación do convenio

Logo de dúas Mesas de negociación”, o 2 e o 10 de febreiro, posteriores ao acordado e asinado no SIMA (Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe), o resultado no momento actual é un bloqueo total por parte dos sindicatos asinantes do convenio colectivo, que suman a maioría na parte sindical e teñen nas súas mans confirmar o asinado no SIMA. A CIG-Ensino, cuxo voto non é decisivo, lamenta profundamente a irresponsabilidade destes sindicatos e, sobre todo, a evolución da negociación.

Foi a CIG-Ensino quen denunciou o incumprimento legal de pagar o SMI perante o SIMA. Puideron telo feito os sindicatos asinantes do convenio mais non foi así. Malia esa falta de actuación, todos eles asinaron a súa conformidade no SIMA, do que nos alegramos e así o evidenciamos nas reunións.

A  responsabilidade  da CIG-Ensino remata aí, pois a sinatura das táboas salariais é outro acto distinto na Mesa negociadora, no que a responsabilidade e obriga é de quen subscribiu o convenio e nos termos que o fixo. Desde a CIG-Ensino opuxémonos a esas táboas rotundamente porque non dignificaba o traballo do persoal e sobre todo o das educadoras, a quen mesmo discriminaba salarialmente, e asinalas agora sería sermos cómplices e acatalas. Unha cousa é reclamar como fixemos no SIMA o que é lei e obriga, un SMI que supera as limitacións do convenio nas táboas por quen o asinou, e outra moi distinta considerar que as táboas son unha proposta asumíbel, para quen non o asinou e incluso se mobilizou contra del.

Resulta absolutamente incoherente e sorprendente que quen si asinaron as táboas do Convenio se neguen agora a actualizalas e que se use como argumento a necesidade de negociar un diferencial para as educadoras, totalmente lexítimo e xusto desde o punto de vista da CIG-Ensino, pero que non fixeron cando asinaron o Convenio. Se ese diferencial figurase como norma no Convenio non estaríamos agora nesta situación, demorando o cobro dos salarios e atrasos a todo o persoal afectado. Alá cada quen coa súa responsabilidade

Nun último intento de que todo o persoal afectado non deixase de cobrar canto antes, a CIG-Ensino manifestou na última reunión a disposición á sinatura das táboas salariais sempre que se recollera de forma textual que a nosa sinatura implicaba exclusivamente a adaptación do acordo do SIMA mais non os criterios que deron lugar as táboas na negociación do Convenio. Non tivemos nin resposta polos asinantes do convenio e do acordo do SIMA, pois tiñan xa decidido priorizar os seus intereses sindicais aos das traballadoras que din representar cos seus actos e sinaturas.

En todo caso, chama poderosamente a atención, vendo os comentarios que os sindicatos maioritarios nos dirixen, o papel central que lle dan á CIG-Ensino nunha Mesa de negociación na que o noso voto, por si só ou sumado a algún deses sindicatos, non serviría para desbloquear a situación.

Todo o persoal cobrará de salario base como mínimo o SMI. A que esperan?

Do que non cabe a menor dúbida é de que todo o persoal terá que cobrar de salario base, como mínimo, o SMI (sen incluír o CPP) e que as empresas están obrigadas a facelo, facéndoo xa directamente sen agardar a que as táboas se modifiquen,  pagando todos os atrasos correspondentes dende xaneiro de 2020. Por iso nos parece aínda máis sorprendente o comportamento dos sindicatos asinantes.

Se os maioritarios non desbloquean a situación, a Audiencia Nacional obrigará por sentenza.

Marco galego de negociación

Dende a CIG-Ensino non podemos facer máis do que xa fixemos nun ámbito estatal de negociación no que non cremos e aos feitos nos remitimos unha vez máis, quedando este marco de negociación totalmente en entredito logo de nin dar cumprimento ao recollido por normativa acordada e asinada na mesma Mesa estatal negociadora. É por iso que defendemos un Marco Galego de Negociación como única vía de negociación real, na que non se suplante aos traballadores e traballadoras e se defendan os seus intereses, e non se vendan ou teñan que ir a xuízo, coma neste caso, para acadar a simple adaptación salarial ao SMI.

 

Bloqueadas as táboas salariais de Educación Infantil 0-3 pola incoherencia dos sindicatos asinantes do convenio

Documento


Volver